martes, 19 de marzo de 2019

Eva Mejuto e o seu "Memoria do silencio" na TVG

No club de lectura de 4º de ESO B estamos lendo "Memoria do silencio" a última novela de Eva Mejuto e aquí tedes o enlace á entrevista que lle fixeron no zig zag onde se falan dalgunhas das claves interpretativas da novela:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-4064225?t=277?t=278


domingo, 17 de marzo de 2019

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.





Xa os temos de novo aquí, Orbi e o Salón van encher as nosas vidas lectoras durante case un mes, a REVOLUCIÓN é o tema que une as nosas prácticas lectoras este ano e o país convidado será A LUSOFONÍA.

Os nosos clubs participaremos en actividades como encontros con escritores e escritoras como Marilar Aleixandre - A filla do Minotauro - 4º de ESO e 1º de Bach., Ana Pessoa - Mary Jonh- 4º de ESO B, Antonio Manuel Fraga - O bestiario de Anxos Nogueirosa - 4º ESO A/B, Marina Colassanti - O laberinto do vento- 1º e 2º de ESO, Eli Ríos - DX - 4º de ESO C... e algún máis por determinar; visitarannos, iremos visitar ao Salón, unha REVOLUCIÓN LECTORA que nos vai animar a ler e ler...



Tamén participaremos na Festa dos Clubs de lectura con clubs de Pontevedra e de fóra da cidade. Para que non vos perdadesningún evento deixámosvos a ligazón ao programa do Salón.

http://www.salondolibro.gal/programacion-2019/


Dámoslles os PARABÉNS e as GRAZAS, por contarcon nós, ao equipo organizador que moito leva traballado.  

ANA PESSOA achegará a Mary Jonh e a Rapariga Karateca ao noso club de lectura (Salón do Libro Infantil e xuvenil)


En breve, a escritora portuguesa Ana Pessoa visitará o noso club de lectura de 4º de ESO no marco das actividades programadas no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Para recibir a Ana Pessoa como merece, iniciamos a nosa particular REVOLUCIÓN LECTORA e  púxemonos a ler tolamente as dúas obras que ten publicadas Mary John e O caderno vermello da rapariga karateka e Ariadna de 4º de ESO B (superlectora) deixounos estas fermosas palabras sobre as súas impresións destes romances:


Mary John, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B 

Este libro encantoume polo seu enfoque orixinal: non se limita a narrar os problemas dunha rapaza que cambia de cidade e, grazas a esta mudanza, de vida; senón que mantén un ton poético e íntimo que fai del unha lectura única. Os sentimentos e as inquedanzas da protagonista exprésanse dun xeito tan cru e emotivo que te sentes dentro da súa pel, usando para iso unha serie de símbolos e metáforas recurrentes ao longo da obra que a embelecen enormemente. Desta forma, a fronteira entre a narración e a poesía dilúese.

Así e todo, gustaríame comentar que este libro está escrito en portugués, o cal non me supuxo ningún problema unha vez que comecei a ler: fun quen de sacar o pouco vocabulario que descoñecía polo contexto. Por esta razón, creo que non hai motivos para non ler en portugués e anímovos a probalo.


O caderno vermelho da rapariga karateca, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B


Este libro trata dos problemas da adolescencia dende unha perspectiva á que non estamos afeitos: fronte ás súas dúbidas, a protagonista emprega o método científico para tomar a mellor decisión ou para analizar os seus sentimentos e escribe sobre isto nun caderno vermello que semella ter vida propia, quizais coma unha parte do espírito creador dela, a escritora. 

Deste xeito, a súa lectura ensinoume que nada é tan cadrado como nos gustaría e que debemos abrir as nosas mentes ás novidades, sexan do tipo que sexan. Cómpre destacar tamén os pequenos relatos que se insiren na narración principal, dos cales salientaría o dos sinónimos.

Grazas a Ariadna polas súas recomendacións e xa sabedes a seguir lendo a Ana Pessoa.

mércores, 13 de febreiro de 2019

No Día da Radio, a emisora Onda Cero visitou aos clubs de lectura.

No día de hoxe celebrouse O Día da Radio e a emisora, Onda Cero, visitounos para gravar á rapazada do club de lectura de 4º de ESO,  falando precisamente de "Nube de palabras" o proxecto dos clubs de lectura que desenvolvemos no IES Sánchez Cantón.

A gravación realizouse xa que colaboramos co programa "Dálle á lingua" desta emisora que será emitido a partir do 18 deste mes ata o 1 de marzo, de luns a venres a partir das 11,55.

Cando os podcast sexan publicados deixarémosvos neste post o enlace. Valla como adianto algunhas fotos da grabación desta mañá:





venres, 1 de febreiro de 2019

TAMARA ANDRÉS coa rapazada do club de lectura de 1º de ESO

A POESÍA encheu de versos e colorido a nosa biblioteca na voz da poeta TAMARA ANDRÉS nun encontro poético que dificilmente esquecerá a nosa rapazada de 1º de ESO A.
Comezamos a sesión cunha performance na que son , palabras e flores marcaron as miradas sorprendidas de mozos e mozas que escoitaron abraiados os versos e participaron activamente desta teatralización da palabra, do poema con aroma a flor:


        

Co auditorio xa conquistado pola fermosura da voz poética e dos versos, a poeta compartiu coa mocidade como sentiu a necesidade de escribir lírica e como foi publicando a súa obra, dándose a coñecer no mundiño literario, os premios e recoñecementos que acadou polos seus poemarios.



Tamén lles falou de Irmá paxaro, a obra finalista do premio Mª Victoria Moreno que vai ser publicada en breve por Urco Editora.
Libros de poesía,obras de  traducións foron pasando de man en man baixo a mirada atenta dos adolescentes.


 E chegou o reto poético: a cabeza, un disparo e un fantasma para representar, poñer en escea e fotografar, aquí tedes algún dos resultados:















E de remate a unha enriquecedora sesión poética, a fotografía final todos e todas xuntos:





Asistimos á presentación de MEMORIA DO SILENCIO de EVA MEJUTO.

A escritora Eva Meuto presentou a súa nova novela MEMORIA DO SILENCIO o pasado martes na Casa da Luz e o noso club de lectura de 4º de ESO asistiu ao acto.


Un acto moi especial no que ademais da conversa entre a autora e Mª Xesús Escudeiro sobre a obra, puidemos escoitar a Fran Alonso e as dúas contertulias ler un fragmento da novela; a música de Su Garrido Pombo ilustrou a presentación, á que asistiu unha chea de xente e os melindres típicos de Ribadavia (onde se localiza a acción) puxeron remate a un acto xa de por si moi doce e emotivo do cal desfrutamos moitísimo.

 (fotografía de Anxo Ganzález Guerra)

MEMORIA DO SILENCIO é unha historia a tres voces ( a de Gunter, a de Frida e a de Lola) que nos relatan a historia das irmás Touza, tres mulleres ribadenses que formaron parte da cadea humanitaria que axudou, durante a Segunda Grande Guerra, a fuxir aos xudeus da  persecución nazi, a través de Galicia e Portugal. Memoria do silencio xa que a historia destas heroínas foi descoñecida no seu pobo e na súa propia familia (o anonimato dos heroes na historia) e é Eva Mejuto quen nola narra agora para visibilizar o papel das mulleres que foron silenciadas no tempo e recuperalas para a Memoria Histórica, para transmitir o seu legado ás novas xeracións de lectores, de feito a novela preséntase nestas datas para entroncar coa data de homenaxe ás vítimas do Holocausto (27 de xaneiro).

O compromiso da autora coa historia e coa literatura paira ao longo de toda a novela no tratamento dos personaxes femininos (Frida e Lola fundamentalmente) e na descuberta dunha narración que navega entre o que é ficcional e o que forma parte da nosa realidade pasada, da herdanza que nos deixan Lola e as súas irmás, do seu comportamento exemplarizante e desinteresado nunha época convulsa na que o medo se respira ao longo da narración.

 Unha linguaxe sinxela e nada requintada, á que xa nos ten afeitos a autora, os diálogos fluídos e a acción dinámica farán que xoves e adultos se asomen a esta fermosa historia que transmite feitos e valores, que emociona e intriga, que namora e conquista desde a primeira escea cando coñecemos a Gunter e o seu peculiar e distintivo nariz que ten a capacidade de cheirar o medo.



Empatizamos con estas mulleres rurais, vendedoras de melindres e licor café na estación de Ribadavia, que souberon estar a altura do momento histórico que lles tocou vivir, que souberon coser cos fíos da liberdade, a liberdade propia e a de todos e todas aos que salvaron.

De seguro que no noso club desfrutaremos moi, moito con esta nova novela de Eva Meuto. Parabéns para ela.


A filla do Minotauro de Marilar Aleixandre Club de lectura 4º ESO, 1º e 2º de Bacharelato


A nosa nova odisea no club de lectura.
Os que xa o están a ler nos din:
"Se che gustan os mitos, vaiche gustar; e se non, vaiche resultar moi entretido e ameno".
"Perfecto para un fan doa mitoloxía grega e tamén para todo aquel que quera achegarse a lectura"