martes, 27 de outubro de 2026

As familias viaxan a Brandeira coa lectura de "Esta noite hei de ir a verte"

Outubro é, quizais, un dos meses máis ligados ao alén, a todo o que se agocha baixo as sombras. Daquela, nós, seguindo estas ideas, pensamos que o libro que mellor acaía para esta época era Esta noite hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes.


Co fin de gozar das últimas raiolas con que nos agasallou o outono e sen que a noite, debido ao cambio de hora, chegase antes, reunímonos o mércores 21 de outubro para falar arredor do libro de García Turnes, que xoga coa memoria histórica, coa aventura que supón marchar cun destino a unha aldea afastada durante o franquismo e tamén co descoñecido, con esas pantasmas que aparecen cando esmorece o día.

Desta forma, a nosa conversación non só incidiu nas accións, nos personaxes ou na estrutura da novela, senón que voou a través das familias das persoas presentes e, grazas a iso, puidemos coñecer historias doutras profesoras ou mestras que, como a Sabela que protagoniza a novela, viviron esa vida rural que o noso alumnado no Sánchez Cantón parece ter esquecida. Falamos, xa que logo, de tradicións e costumes, de procesos de oposicións e de fusilados que resucitaron. Isto levounos a relacionar a obra con outras que leramos con anterioridade, como Os xirasoles cegos, O mundo en que vivín ou O lector de Jules Verne, que se achegan a Esta noite hei de ir a verte a través da conexión histórica e da configuración dalgúns personaxes.

En xeral, podemos dicir que a obra gustou, pois pareceu entretida a pesar da dureza dos feitos que relata e ben encamiñada no que atinxe aos personaxes e as accións. Ademais, ao mesturar ese toque mítico, máxico ou fantástico coa realidade máis crúa e cruel, a novela garda relación cos dous libros propostos para o seguinte encontro: o cómic O pacto do letargo, de Miguelanxo Prado, e a novela Quen escribirá a miña historia, de Iria Morgade. Finalmente, para a seguinte xuntanza aproveitaremos a xuntanza sobre a novela de Morgade dentro do programa "Ler (en) Pontevedra", que nos servirá para coñecer a autora e aprender máis sobre a escritura dese proxecto que xira arredor das pegadas que deixaron os presos no mosteiro de Oia durante a Guerra Civil e a posterior represión franquista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario