COBIZA:
I Premio Literario Pinto e Maragota da diversidade sexual e de xénero.
A escritora, activista implicada, María Reimóndez, respondeu amablemente ás preguntas da nosa rapazada do club de lectura e 4º de ESO D coa fin de debullar as reviravoltas da súa novela COBIZA , aquí vos deixamos un resume das respostas que compartiu con nós:
Sobre o tempo de escrita.
Escribín COBIZA durante a pandemia porque foi cando tiven tempo para escribir e axudou a rematar a novela para presentala ao premio, pero non escribín a novela para o premio .
Sobre as fontes.
Neste libro houbo unha confluencia de ir percibindo e recollendo cousas por exemplo o tema da escravitude no século XVII e XVIII foi moi importante á hora de escribir COBIZA, ese é un tema que teño traballado moito como tradutora, como activista, textos de persoas que foron escravizadas; no tema da tecnoloxía bebo máis da teoría que vou lendo que do que son obras en si. No libro non inflúen tanto os textos literarios coma as cuestións temáticas coas que eu teño un contacto máis directo. A base previa á obra é a vida.
Vai a humanidade cara un desastre medioambiental?
Hai que chegar ao final da obra para contestar a esa pregunta; a ciencia ficción permítenos proxectar desde o presente posibilidades, penso que non hai un futuro predeterminado senón que o estamos construíndo a cotío, que hai unha crise ambiental é evidente hoxe aínda que hai intereses económicos que non permiten actuar dun xeito máis contundente; estamos afeitas a levar unhas formas de vida moi consumidoras, destrutoras e moi pouco reflexivas sobre as consecuencias dese sistema de vida, isto máis que pesimista é realista.
Sobre as árbores ou seres completos:
Hai outras maneiras de ver aos seres humanos e necesitamos a distancia para facelo,os seres de COBIZA son unha maneira de desnaturalizar partindo da natureza; Os corpos son máis diversos, explicados con outros parámetros que non son os que temos agora mesmo.
Sobre a COBIZA no mundo (move o mundo o amor ou a cobiza?):
Pensade no momento que estamos a vivir coas vacinas, se lle quitades o elemento de cobiza de lucro das farmacéuticas vacinariase todo o mundo pero as patentes impiden que as vacinas se poidan producir libremente, é un exemplo de miles. O que non entrou o sistema do lucro é porque hai un traballo inxente de grupos e persoas en todo o mundo que se unen para evitalo.
Sobre como fixeches para crear unha historia e unir tantos temas e personaxes?
Iso é o interesante de escribir, hai moitas historias pero o interesante da escrita é como contalas, que sexa un desafío. Neste caso COBIZA foi unha maneira de experimentar outras maneiras de escribir máis polifónicas, crear distintos personaxes cada quen deles coa súa voz. Iso é para min o divertido de escribir. Para min é importante que cada personaxe teña a súa personalidade, é un traballo da escrita crear unha voz, coñecer a súa historia, un ser completo coas súas motivacións, a súa maneira de falar... Neste libro foi complicado traballar con personaxes que non teñen unha visión de xénero cunha linguaxe con xénero.
Sobre os lugares que inspiraron COBIZA:
Un dous lugares é Haití e o tema da escravitude que xa tratara no libro Pirata e outro lugar foi Nova Iorque, unha cidade cunhas desigualdades tremendas e todo o mundo quere vivir alí, é un espazo onde me resulta incómodo estar, a partir de aquí se constrúen os espazos das capitais e os recunchos e tamén Galicia (Galicia podería ser un deserto en pouco tempo se seguimos co nivel de eucaliptización que temos agora que nos leva ao comezo da novela).
Sobre a Gran Desconexión da tecnoloxía:
A min sorpréndeme que non a houbese xa, con desconectar un par de satélites, cada vez a nosa dependencia da tecnoloxía é maior e xa hai moitas cousas que non somos capaces de facer sen a tecnoloxía e perdemos capacidades para a supervivencia.
Un pracer a conversa, grazas mil a María Reimóndez.por este formativo encontro lector.
Pontevedra, 15 de maio 2021.