Amosando publicacións coa etiqueta marcos calveiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta marcos calveiro. Amosar todas as publicacións

mércores, 9 de febreiro de 2022

Maridaxe nas artes (literatura, música e pintura) arredor de "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS" de MARCOS CALVEIRO.

 Nos clubs de lectura de 1º ESO C e B (grupo 2) estamos desfrutando da lectura de "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS" de MARCOS CALVEIRO e aproveitando para gozar da concordancia que nos facilitan pintores, escritores e músicos e mesmo os museos.

Este concerto de letras (o texto de Calveiro), sons ( a canción de Don Maclean) e colores (Vicent Van Gogh) achéganos á  XXIII Edición do Salón do libro  Infantil e Xuvenil que ten coma lema "Con moita arte!"... e da man do rapaz protagonista  da novela de Calveiro (anónimo), de Vincent, da tía Jo Jo... viaxaremos a Auvers para acompañalos polas paisaxes dos cadros do pintor. 

E coma nos encanta a harmonía e a concordancia aquí temos a primeira mostra: 


Combinamos pois letras, son, cores e luz coas palabras da novela, poderedes realizar este reto???

    O museo Thyssen- Bornermisza no 2007  realizou unha exposición "Los últimos paisajes" recollendo os últimos cadros que Van Gogh pintou en Auvers que podedes ver no seguinte enlace:

LOS ÚLTIMOS PAISAJES

E no seguinte enlace atopamos información sobre Van Gogh en relación coa novela de Marcos Calveiro:


sábado, 28 de outubro de 2017

Palabras de auga de Marcos Calveiro no club de 1º de ESO grupo 2.


Lecturas man a man, chocolate e moita ilusión o xoves na biblio para comezar a andaina lectora dos rapaces e rapazas de 1º de ESO grupo 2.

Puntualísimos esperaban a súa coordinadora coa sorpresa debuxada nos ollos: Que vai ser isto do club de lectura?

Explicamos, repartimos os contratos de responsabilidade, comemos boliñas de chocolate (non quedou ningunha) e presentamos esta obriña de Marcos Calveiro que aínda que xa foi publicada hai uns aniños segue a ser unha boa aposta para gozar da súa lectura nun club e comentar, profundar nela e analizala.


Esperamos que gocen de compartir lecturas este curso e que lles guste a novela.

Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro (escolma):

O tema de fondo é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…

É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes.

Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.

Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias.