martes, 6 de xuño de 2023

Homenaxe exposición a Fina Casalderrei, a nosa candidata ao Premio Hans Christian Andersen

 



A nosa biblioteca e os clubs de lectura organizamos unha exposición bibliográfica e visual arredor da figura e obra da escritora de LIX, FINA CASALDERREY; Ela foi mestra de parte do alumnado do IES e mozos e mozas deste centro colaboraron con ela no seu proxecto musica Lingua Guapa polo que para eles e elas é unha actividade moi especial xa que á admiración que lle profesan como profesional únese o gran cariño co que a lembran.

Esta biblioteca quere pois achegar aos seus usuarios o marabilloso perfil humano e literario da académica, visibilizar e apoiar a súa CANDIDATURA ao PREMIO HANS CHRISTIAN ANDERSEN de literatura infantil e xuvenil. Desde esta biblioteca sumámonos tamén a homenaxe que vai recibir en Pontevedra o día 10 deste mes. 

https://pontevedraviva.com/cultura/95818/ies-sanchez-canton-fina-casalderrey-premio-hans-christian-andersen-exposicion-biblioteca/?lang=es

Nesta exposición ocupan un lugar destacado os fondos literarios da biblioteca escritos pola autora, un retrato seu realizado por unha alumna de 4º de ESO, unha decoración variada e alegre baseada nos títulos e personaxes das súas novelas , carteis moi vistosos como por exemplo o deseñado en lettering por unha alumna de 3º de ESO e mesmo materiais dixitais (audios en podcast) creados por alumnas de 4º da ESO e que poden ser escoitados no blog da biblioteca “Novas Mesturas”. 

 

O club de lectura do Sánchez tamén se suma a esta homenaxe e comezará as súas sesións lectoras lendo e comentando previamente fragmentos das obras da autora. 

 


Agardamos que o xurado do premio sexa xusto e saiba aprezar o valor literario e persoal da nosa querida Fina Casalderrey, nós estamos ao seu lado.

luns, 5 de xuño de 2023

Recibimos ao equipo de gravación de "Un país para leerlo" TVE2

 Pois a sorpresa foi maiúscula cando recibimos a chamada do programa da TVE2 "En país para leerlo" dicindo que viñan ao noso centro para gravar aos clubs de lectura.

O rebumbio entre a rapazada foi enorme, todos e todas quería participar e ao final foron os guionistas do programa e o equipo, os que seleccionaron as actividades do club e os clubs que ían gravar. Tres horas e media de gravación, repeticións, preguntas, ambienteeee... uf!! para 3 ou 4 minutos que sairán no programa.


Falamos con eles de dinamización da lectura, da organización dos clubs, entrevistaron a coordinadoras e á rapazada, pouco se falou de libros concretos... en fin... unha experiencia... e non sabemos o que irá destacarse no programa que se vai emitir no verán.