martes, 25 de xuño de 2024
xoves, 20 de xuño de 2024
Encontro literario coa autora Eva Mejuto do club de familias arredor de 22 segundos.
Nesta ocasión a lectura reuniu ás mamás e aos fillos ( club de 2º de ESO) nun encontro lector coa escritora Eva Mejuto e que serviu de colofón a este curso lector 23/24.
22 segundos foi a novela que favoreceu este punto de encontro familiar, o tema do tratamento da diversidade de xénero, da transexualidade e o seu tratamento entre os adolescentes nos centros de ensino foi a porta que nos abriu a autora para debullar nos capítulos da súa novela. A partir da obra tamén as mamás aportaron o seu gran de area falándonos da súa experiencia profesional a respecto do tema, en concreto na sanidade e nos xulgados de menores.
Agradecemos a Eva Mejuto que nos fixera un oco na súa apertada axenda e fora tan receptiva coas nosas preguntas e comentarios. E ata aquí esta experiencia de lectura adultos/adolescentes que pon fin ao noso curso lector.
martes, 14 de maio de 2024
Villalta-Aneiros no club de lectura de familias
O encontro deu moito de si e durante a hora e media que durou puidemos visionar unha presentación sobre os espazos da novela de Aneiros, falamos de amores, de dictaduras, de Portugal, de historia e sociedade e da obra da autora.
Logo puidemos ler unha semblanza da poeta coruñesa (biografía e obra) e cada participante escolleu e leu un poema de Villalta para logo comentalo.
Unha sesión do máis enriquecedora, para a próxima reunión leremos 22 segundos da autora Eva Mejuto, será o 18 de xuño ás 18 horas.
venres, 19 de abril de 2024
Quen escribirá a miña historia? de Iria Morgade Valcárcel no club de 1º de bacharelato.
O tema da Memoria segue sendo unha constante nas nosas lecturas e neste caso escollemos esta novela de Iria Morgade Quen escribirá a miña historia? que nos foi recomendada por Pepe Álvarez cando nos visitou para entrevistalo e gravar o podcast.
Unha historia moi dura que nos leva desde a actualidade (ano 2020) ata 1939, ao remate da Guerra Civil española momento máis cruel de represalias contra os integrantes do bando dos perdedores, o bando republicano.
Alba trasládanos ao fermoso mosteiro de Oia, o único a carón do mar, e nunha visita ao mesmo vaise atopar cunha realidade que nada ten coa fermosura: O mosteiro foi un campo de concentración franquista e alí consérvanse unha pinturas nun dos seus muros que a van facer investigar sobre a vida dun dos presos, Eugenio Blanca.
(O mosteiro campo de concentración)
A partir de aquí vanse alternar en saltos temporais as historias de Alba no presente e a de Eugenio, os compañeiros presos e os seus crueis carcereiros no pasado.
Unha historia moi conmovedora e moi ben artellada estruturalmente falando, unha historia tecida con palabras fermosas que cosen fíos para visibilizar e achegarnos a un pasado recente que non debemos esquecer, que nos vai emocionar e conmover.
Información sobre a autora: Iria Morgade
xoves, 18 de abril de 2024
xoves, 11 de abril de 2024
Paseo literario co alumnado de intercambio do instituto Helmholtz-Gymnasium de Bonn.
A nosa rapazada do club de lectura de 1º de ESO: Alicia, Anxo, Claudia, Lucía, Pablo e Marta actuaron coma guías literarios da nosa cidade co alumnado do instituto Helmholtz-Gymnasium de Bonn.
O paseo comezou a carón da igrexa de San Francisco onde presentamos a riqueza do galego -portugés medieval lendo unha cantiga de amigo de Paio Gomes Chariño que está enterrado nesta igrexa. Logo comezamos coa lectura trilingüe galego-castelán-alemán do álbum ilustrado "A miña cidade" de Eva Mejuto e ilustrado por Susana Suniaga que nos fala do modelo de cidade de Pontevedra (sen coches, sen fume, con prazas onde xoguen os nenos e nenas).
Daquí fomos visitar a Valle-Inclán na praza de Méndez Nuñez onde lemos un texto deste autor sobre Pontevedra para desprazarnos logo á praza de Santa María para rematar a lectura do álbum ilustrado.
Quixemos logo agasallar ao alumnado alemán cunhas recomendacións lectoras de obras da literatura galega en alemán:
Rematamos o paseo literario onda a estatua do loro Ravachol lendo a descrición que deste personaxe fixo Gonzalo Torrente Ballester en La saga fuga de JB.
xoves, 4 de abril de 2024
Pazo de Meirás e roteiro en A Coruña sobre a escritora Luisa Villalta.
O pasado martes 2 de abril, alumnado dos Clubs de Lectura "Nube de Palabras", incluido o alumnado do CGTD, e alumnado axudante da nosa Biblioteca "Charo Sánchez-Gabriel", desfrutaron dunha visita guiada ao Pazo de Meirás despois de realizar a lectura do libro de Eva Mejuto: "A ladroa da biblioteca de Meirás".
Foi o xusto premio outorgado polos seus coordinadores Anxos Rial, María Gómez e Fernando Tomé, ao traballo e o esforzo desinteresados desenvolvidos a cotío por estes rapaces e rapazas no club de lectura e na biblioteca.O noso alumnado foi acompañado nesta xornada literaria polo Club de Lectura do IES A Xunqueira II e a súa coordinadora, Eva López.
martes, 2 de abril de 2024
luns, 1 de abril de 2024
Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2024
Mañá, o noso club de lectura, o club de lectura do IES A Xunqueira II e o alumnado axudante da biblioteca imos celebrar o dia do Libro dun xeito moi especial: Visitaremos o pazo de Meirás co lectura "A ladroa da biblioteca de Meirás" e logo realizaremos o Roteiro de Luísa Villalta polo corazón da Coruña; as nosas lecturas e os versos acompañarannos todo o camiño. Xa vos contaremos.
Vaia por diante o cartel e o texto que a OEPLI seleccionou para a celebración deste ano:
Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.
E outras nas aliñas dun gran de area.
Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.
E, de cando en vez, incluso nas dos avións.
Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras.
Quizais unha historia fantástica?
Ou prefires unha historia triste? De medo?
Unha para rir ás gargalladas?
E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.
Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:
xoves, 14 de marzo de 2024
Carlos Negro e "O tempo dos lagartos" no club de familias.
Logo desfrutamos escoitando recitar a Carlos Negro (que ben o fai!) e conseguiu conmovernos no máis fondo.
luns, 11 de marzo de 2024
Festa dos Clubs de Lectura. Salón do Libro de Pontevedra.
Esta mañá unha pequena representación dos nosos clubs de lectura (1º e 2º de ESO) asistimos á Festa dos Clubs de lectura organizado polo Salón do Libro de Pontevedra:
Á festa acudimos os clubs dos centros de ensino medio de Pontevedra e tamén os de Cuntis e de Poio. Fomos recibidos polo persoal do Salón que nos deu a benvida e logo o escritor e músico Lois Pérez foi o confdutor da Festa coa súa poesía e a súa música:
A POESÍA É COMA A NEVE
A NEVE É ALGO PARECIDO Á POESÍA
A NEVE MÁRCHASE
A POESÍA DESAPARECE NA POESÍA
O TEMPO DESAPARECE NO TEMPO
foron algúns dos versos-proclamas cos que nos agasallou Lois Pérez; cantamos con el e desfrutamos dos seus músico-poemas:
A POESÍA ESTÁ NA PERIFERIA, NAS MARXES, E SEN EMBARGO... PRECISÁMOLA.
Logo da actuación do poeta realizamos a presentación dos nosos clubs e das obras que lemos este curso e a seguir houbo un sorteo de libros tras responder a preguntas relacionadas coas nosas lecturas. Ningún centro se foi coas mans baleiras.
Agradecemos ao Salón que nos convidase a participar nesta gran festa.
mércores, 6 de marzo de 2024
"Furia" e María Reimóndez nos clubs de 1º Bach. e do CGTD.
Adolescencia, igualdade no deporte ou o uso da lingua galega entre os máis novos foron algúns do temas sobre os que falamos para que finalmente os membros e membras do club compartiran coa autora as súas valoracións sobre a novela:
Primeiramente, un alumno presentoulle a autora aos seus compañeiros (obras publicadas e premios acadados), logo o alumnado do CGTD foi o responsable de realizar as preguntas de contacto (gustos literarios da autora, por que escribe, publicou toda a obra que escribiu...).
En segundo lugar, centrouse o faladoiro na obra FURIA, publicada recentemente. A partir de fragmentos diversos da novela, previamente comentados polo alumnado, establecéronse tres bloques de contido:
- A adolescencia: as vivencias e a toma de decisións (texto páxina 73)
- As afeccións dos adolescentes, as actividades que os fan sentir ben e que son menos convencionais (texto páxinas 29-30).
- O deporte, o boxeo: fórmula de autocoñecemento e de resistencia fronte as experiencias de vida dramáticas e fronte as normas de xénero impostas pola sociedade; a desigualdade neste tipo de deportes (texto páx. 101).
- A lingua galega, o seu uso nas urbes galegas polos mozos e mozas; os prexuízos co uso da lingua e a liberdade de escolla lingüística (texto páx. 31).
A rapazada leu os seus comentarios en relación ao tema e o libro, e a autora puntualiza e desenvolve.
Na terceira parte, o alumnado le as valoracións persoais que cada un deles realizou sobre a novela e coméntanas conxuntamente.
luns, 4 de marzo de 2024
mércores, 7 de febreiro de 2024
martes, 6 de febreiro de 2024
xoves, 1 de febreiro de 2024
xoves, 25 de xaneiro de 2024
A herdanza do dragón
Arredor da nosa nova lectura no club de 2º de ESO, Dragal de Elena Gallego Abad realizamos unha sesión sobre o tema dos dragóns na literatura galega: