mércores, 6 de decembro de 2017

Jules Verne no club de lectura de 3º de ESO

Os rapaces e rapazas de 4º de ESO desfrutarán este curso de varias lecturas da autoría de Jules Verne ou relacionadas con este personaxe.
Neste primeiro trimestre comezaron lendo "Jules Verne y la vida secreta de las mujeres planta" da autora Ledicia Costas, obra coa que quedou finalista no premio Jules Verne de literatura xuvenil en galego no ano 2015 e coa que acadou o premio Lazarillo 2015 en castelán,

https://www.anayainfantilyjuvenil.com/catalogos/capitulos_promocion/IJ00556901_9999973232.pdf




mércores, 29 de novembro de 2017

A arte de trobar. Antón Lopo reúnese co club de lectura de adultos.



O escritor Antón Lopo reuniuse co noso grupo de lectura de adultos para compartir un cafeciño e falar sobre a súa obra A arte de trobar.
Iniciamos a conversa falando do xénero no que se podería encadrar a obra, histórico e de aventuras, comentounos que a súa intención ao escribir esta obra era divulgar as trobadoras occitanas e a hipótese de que porque aquí non podería ter habido trobadoras igual que na Provenza e suscitar o debate, agora que o Pergamiño Vindel está en Vigo, sobre a voz feminina nas Cantigas de Martín Codax (Martiño ou Martina?).

A orixe da obra está nunha conferencia que escoitou sobre poesía feminina aquitana e logo a súa cabeza que se puxo a crear.
Falamos do cinematográfico que ten a novela, a vista do falcón por exemplo, que introduciu a posteriori e non ten valor simbólico algún.
E así "destripamos" a novela pouco a pouco da man do seu autor. Grazas por acompañarnos.






E escribiu Santiago Lopo no seu Twitter:

No club de lectura de profesor@s do IES Sánchez Cantón de Pontevedra xa leron e parece que lles gustou... Ademais prepararon un menú digno de Guy de Lille! Excelente encontro literario. Grazas a e a tod@s integrantes do club.



martes, 14 de novembro de 2017

martes, 31 de outubro de 2017

Comezamos xa 1º Bach.

Hoxe botamos a andar cun libro que, sen dúbida, nos vai achegar moito

E tamén temos un CLUB DE LECTURA DE ADULTOS ...



Onte presentamos o club de lectura de adultos Nube de palabras do Sánchez Cantón; animados e animadas, a pesar do cansazo da tarde do luns houbo tempo para falar de libros, organizarnos e programar lecturas e de cafés para acompañalas.

Este trimestre decidimos facer dúas lecturas en común, moi diferentes en canto a temática e linguas pois unha é en galego e outra en castelán:

  • A Arte de trobar de Santiago Lopo.
  • Despois do amor de Sonsoles Ónega.

A idea é dividirnos en dous grupos, cada un le unha obra e ao remate facer o cambio; para a próxima reunión teremos a posta en común das dúas obras.

Feliz andaina lectora para todos.

TODO CANTO FOMOS DE XOSÉ MONTEAGUDO nos clubs de 2º de bacharelato (grupos 1,2 e 3).


Unha chea de rapaces e rapazas de 2º de bacharelato (45 repartidos en tres grupos) que desexan compartir lecturas e aprender algo máis de "todo canto fomos" na nosa vila  da man dos personaxes de ficción protagonistas da novela e de algúns outros reais coma Castelao ou Bóveda que pasean a vida polas rúas  de Pontevedra.

 Unha chea de vidas que pouco a pouco van ir tecendo a urdidura ata completar un cadro completo da historia do noso país :

“Todo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias; poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.

Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar  sociedade galega actual.

Esperemos que estes mozos e mozas de segundo de bacharelato gocen da súa lectura e desfruten falando e compartindo as súas apreciacións sobre ela.

Desexámoslles unha feliz singradura polas súas páxinas.




sábado, 28 de outubro de 2017

Palabras de auga de Marcos Calveiro no club de 1º de ESO grupo 2.


Lecturas man a man, chocolate e moita ilusión o xoves na biblio para comezar a andaina lectora dos rapaces e rapazas de 1º de ESO grupo 2.

Puntualísimos esperaban a súa coordinadora coa sorpresa debuxada nos ollos: Que vai ser isto do club de lectura?

Explicamos, repartimos os contratos de responsabilidade, comemos boliñas de chocolate (non quedou ningunha) e presentamos esta obriña de Marcos Calveiro que aínda que xa foi publicada hai uns aniños segue a ser unha boa aposta para gozar da súa lectura nun club e comentar, profundar nela e analizala.


Esperamos que gocen de compartir lecturas este curso e que lles guste a novela.

Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro (escolma):

O tema de fondo é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…

É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes.

Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.

Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias.





mércores, 25 de outubro de 2017

Momentos para ler:

Galicia Le: Préstamo de libros electrónicos.



https://catalogo.galiciale.gal/

Esta páxina pode virvos moi ben para pedir e-books en préstamo só co carnet dunha biblioteca pública galega; libros de lectura en galego ou en español. A seguir tedes a información sobre o seu uso e condicións:

Qué é o catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe?

O “Catálogo do libro electrónico galego” forma parte, xunto co “Catálogo do libro electrónico en castelán” (eBiblio Galicia), do proxecto GaliciaLe, plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia que fai posible a lectura de libros electrónicos a través de internet.
Desde o catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe podes realizar o préstamo das principais novidades editoriais en galego en formato dixital para lelas en diferentes dispositivos: tabletas, teléfonos intelixentes, ordenadores persoais ou lectores de libros electrónicos.
Este catálogo promoveuno e xestiónao a Xunta de Galicia. O servizo está dispoñible no enderezo catalogo.galiciale.gal.

Quen pode utilizar o catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe?

Se xa es socio/a dunha das bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, soamente precisas rexistrarte como novo/a usuario/a da plataforma de préstamo de libro electrónico GaliciaLe. Podes facelo desde calquera ordenador sen necesidade de trasladarte á biblioteca.
En caso de que non sexas socio/a dalgunha das bibliotecas da Rede, debes acudir a unha delas para obter o carné. Alí rexistrarante como novo/a usuario/a da plataforma de préstamo de libro electrónico GaliciaLe.

Requisitos técnicos

Para poder ser usuario/a do catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe é necesario cumprir os seguintes requisitos:
  • Dispoñer dun dispositivo compatible.
  • Ter acceso á internet.

Que libros podo encontrar no catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe?

O catálogo do libro electrónico galego de GaliciaLe ofrécelle á cidadanía unha colección de novidades editoriais de todo tipo. De acordo coa clasificación que se utiliza para a selección e adquisición das obras, existen libros electrónicos co seguinte contido:
  • Ficción orientada ao público infantil e xuvenil.
  • Ficción destinada ao público adulto.
  • Obras xerais sobre ciencia e tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, informática de interese xeral etc.

O neno inverno de María Canosa. Recomendación de Antía Rodeiro.

"O neno inverno" de María Canosa no club de lectura de 1º de ESO grupo 1.


Resultou moi emocionante acompañar aos rapaces e rapazas de 1º de ESO (grupo 1) que por vez primeira participaban nun club de lectura.

Espectación, sorpresa e ledicia nesta primeira reunión na que da man do profe Juan, o seu coordinador falaron de lecturas compartidas, responsabilidades, agasallos, contratos e boliñas de chocolate para darlle un toque doce ás lecturas.

Presentámoslle a obra que van ler este trimestre "O neno inverno" de María Canosa, adiantándolles un pouquiño do argumento para abrir boca.

Podedes atopar información sobre a novela na seguinte ligazón:

http://editorialgalaxia.gal/o-neno-inverno-de-maria-canosa-valentia-de-ser-fraxil/









 

martes, 24 de outubro de 2017

Presentación do club de 4º de ESO


Despois da degustación literaria que tivemos o pasado luns e cun sabor aínda doce na boca, hoxe tivemos na biblioteca a primeira sesión do club de lectura de 4º de ESO; conxuntamente con Carme Mouriño que vai ser a coordinadora deste grupo, presentamos o club para os novo membros, repartimos contratos lectores, marcapáxinas e a nova lectura que nos vai acompañar neste trimestre: 

Xa non estou aquí de Iria Misa, obra pola que a autora recibiu o premio Jules Verne de literatura xuvenil 2016.

A novela cóntanos a historia de Ánxela, unha adolescente, e do seu grupo de amigos que viven buscando o pracer polo pracer. A desaparición de Ánxela é o motor que provoca que todos vaian tirando do fío ata desfacer o nobelo que esconde a trama.

Os protagonistas son personaxes desarraigados, produto de familias rotas de clase media acomodada  que se sinten perdidos no mundo que viven. A amistade, a homosexualidade na adolescencia, o mundo das drogas, os riscos e as subidas de adrenalima son temas que pairan sobre a novela que presenta unha estrutura moi interesante que pon en  destaque a individualidade e o poder do grupo a través do narrador colectivo.

Unha crítica á sociedade do benestar que "perde de vista"aos seus fillos aos que non é quen de protexer.

Pactamos a sección de lectura ata a próxima sesión e fixemos unhas fotos para o futuro.






domingo, 15 de outubro de 2017

DEGUSTACIÓN LITERARIA PARA COMEZAR O CURSO LECTOR NOS CLUBS DE 4º DE ESO E 1º BACHARELATO.




Mañá teremos a nosa primeira cita lectora cos clubs de 1º de bacharelato e 4º da ESO cunha actividade lectora moi golosa

Unha degustación literaria, unha cata de lecturas e de doces, chocolate, biscoito e unha fermosa selección de lecturas para formar o voso paladar lector, para deleitarmos coa palabra e coa gastronomía.


Ademais recibiremos a visita dunha persoa que comparte con nós o seu amor e a súa sabedoría sobre libros e ensinanza, un encontro que estou certa que será moi especial e deixará unha importante pegada nos nosos hábitos lectores.



Esperámosvos na biblioteca despois da sesión das clases da tarde, con bo ánimo e apetito.


Non poderedes resistir a tentación !!!!!!



xoves, 12 de outubro de 2017

DE LECTURAS E CULTIVOS ESCOLARES; JULES VERNE, AS MULLERES PLANTA E O HORTO ESCOLAR.



Este curso lector imos centrar moitas das nosas lecturas arredor da obra do escritor francés JulesVerne e dalgunhas novelas que xiran tamén sobre o autor e o seu mundo coma personaxe:  
"Viaxe ao centro da terra", "Around the World in 80 Days" de Jules   Verne por citar algunhas ou a obra de Ledicia Costas " Xulio  Verne e a vida das mulleres planta" (en galego e en castelán).


E coas plantas e a terra quixemos relacionar as nosas futuras lecturas a través dun proxecto que se está a desenvolver no noso centro desde o curso pasado: "O horto escolar";  desexamos que lecturas e terra sexan as sementes deste curso lector que agora comezamos e xa que logo queremos que o noso horto literario se vexa tan vizoso coma o noso horto escolar.



Pois logo collemos os libros e levámolos connosco a "O Verxel" (que é o nome do noso hortiño) e alí cobraron vida e decidiron rubir polas tomateiras, polas cabaceiras en flor, pousar ao lado das verdes leitugas e das cebolas e non marchar de volta á biblioteca sen aromatizarse co romeu, a menta e outros ricos olores que daquelas prantiñas saían.

Xa de volta nos andeis, as lecturas reunidas en asamblea decidiron que pedirían aos seus lectores que os achegasen de novo ao horto nas mans.    



martes, 10 de outubro de 2017

Beizóns para este novo blog

Botei 34 anos de feliz traballo no IES Sánchez Cantón sempre sosténdome en tres columnas: o alumnado, o profesorado e os libros; porque a Biblioteca e as lecturas foron unha peza fundamental na miña vida docente. Por iso me produce unha fonda ledicia o nacemento deste blog para comentar libros. A lectura é un agasallo, un dos praceres dos que podemos gozar os humanos: que actividade pode superar á lectura en silencio ou cos auriculares postos dunha boa historia ou dun poema? Ademais agora cos clubs de lectura poderedes compartir con outras persoas as vosas impresións e sensacións sobre os libros. Que máis se pode pedir?
PARABÉNS e a LER!!!
Xaquín Marín ve así ao Balbino, o neno labrego de Neira Vilas, que el vos acompañe!