domingo, 17 de novembro de 2024
xoves, 20 de xuño de 2024
Encontro literario coa autora Eva Mejuto do club de familias arredor de 22 segundos.
Nesta ocasión a lectura reuniu ás mamás e aos fillos ( club de 2º de ESO) nun encontro lector coa escritora Eva Mejuto e que serviu de colofón a este curso lector 23/24.
22 segundos foi a novela que favoreceu este punto de encontro familiar, o tema do tratamento da diversidade de xénero, da transexualidade e o seu tratamento entre os adolescentes nos centros de ensino foi a porta que nos abriu a autora para debullar nos capítulos da súa novela. A partir da obra tamén as mamás aportaron o seu gran de area falándonos da súa experiencia profesional a respecto do tema, en concreto na sanidade e nos xulgados de menores.
Agradecemos a Eva Mejuto que nos fixera un oco na súa apertada axenda e fora tan receptiva coas nosas preguntas e comentarios. E ata aquí esta experiencia de lectura adultos/adolescentes que pon fin ao noso curso lector.
mércores, 2 de novembro de 2022
"A ladroa da biblioteca de Meirás"
Sempre fieis ás novidades narrativas de Eva Mejuto, tivemos hoxe a primeira sesión arredor da lectura de A ladroa da biblioteca de Meirás. Acompañamos os nosos comentarios sobre a obra coa lectura de fragmentos dunha obra das que facían ler ás mozas da posguerra coa fin de modelalas ao xeiro relixioso de conduta na ditadura franquista " La joven creyente".
A novela está a darnos moito xogo para falar de represión, de inxustizas, diversidade e de igualdade ao tempo que coñecemos un episodio fundamental da nosa historia.
mércores, 24 de marzo de 2021
O contexto histórico de A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN.
O contexto de "A lavandeira de San Simón"
O noso profesor e colaborador do club de lectura, Humberto Martínez Gargamala, agasallounos con este genially arredor do contexto do álbum ilustrado para completar e ilustrar a nosa lectura en clubs do álbum ilustrado de Eva Mejuto e Bea Gregores.
Grazas mil.
sábado, 24 de outubro de 2020
Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO ( Programa Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria. Ministerio de Cultura).
Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".
Coma a nosa biblioteca funciona coma aula e coma hai que respectar o tempo de duración das actividades e o número de participantes polas normas COVID, o encontro lector realizouse en dúas quendas e dous espazos ( a primeira na aula de 1º de ESO C e a segunda no paraninfo con 1º de ESO B e 1º de ESO F).
Aproveitamos esta visita para comezar as actividades de fomento da lectura que organizamos desde o club de lectura e celebrar ao tempo o Día das Bibliotecas ( aínda que fóra da biblioteca xa que esta foi reconvertida en aula).
Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.
Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.
Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade.
xoves, 30 de maio de 2019
Ímonos de roteiro literario con Eva Mejuto: " Memoria do silencio"
martes, 19 de marzo de 2019
Eva Mejuto e o seu "Memoria do silencio" na TVG
http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-4064225?t=277?t=278




























