venres, 19 de abril de 2024

Quen escribirá a miña historia? de Iria Morgade Valcárcel no club de 1º de bacharelato.


 O tema da Memoria segue sendo unha constante nas nosas lecturas e neste caso escollemos esta novela de Iria Morgade  Quen escribirá a miña historia? que nos foi recomendada por Pepe Álvarez cando nos visitou para entrevistalo e gravar o podcast.

Unha historia moi dura que nos leva desde a actualidade (ano 2020) ata 1939, ao remate da Guerra Civil española momento máis cruel de represalias contra os integrantes do bando dos perdedores, o bando republicano. 

Alba trasládanos ao fermoso mosteiro de Oia, o único a carón do mar, e  nunha visita ao mesmo vaise atopar cunha realidade que nada ten coa fermosura: O mosteiro foi un campo de concentración franquista e alí consérvanse unha pinturas nun dos seus muros que a van facer investigar sobre a vida dun dos presos, Eugenio Blanca.

 (O mosteiro campo de concentración)

( As pinturas do mosteiro)

 A partir de aquí vanse alternar en saltos temporais as historias de Alba no presente e a de Eugenio, os compañeiros presos e os seus crueis carcereiros no pasado.

Unha historia moi conmovedora e moi ben artellada estruturalmente falando, unha historia tecida con palabras fermosas que cosen fíos  para visibilizar e achegarnos a un pasado recente que non debemos esquecer,  que nos vai emocionar e conmover.

Información sobre a autora: Iria Morgade



xoves, 11 de abril de 2024

Paseo literario co alumnado de intercambio do instituto Helmholtz-Gymnasium de Bonn.

 



A nosa rapazada do club de lectura de 1º de ESO: Alicia, Anxo, Claudia, Lucía, Pablo e Marta actuaron coma guías literarios da nosa cidade co alumnado do  instituto Helmholtz-Gymnasium de Bonn. 


O paseo comezou a carón da igrexa de San Francisco onde presentamos a riqueza do galego -portugés medieval lendo unha cantiga de amigo de Paio Gomes Chariño que está enterrado nesta igrexa. Logo comezamos coa lectura trilingüe galego-castelán-alemán do álbum ilustrado "A miña cidade" de Eva Mejuto e ilustrado por Susana Suniaga que nos fala do modelo de cidade de Pontevedra (sen coches, sen fume, con prazas onde xoguen os nenos e nenas).

Daquí fomos visitar a Valle-Inclán na praza de Méndez Nuñez onde lemos un texto deste autor sobre Pontevedra para desprazarnos logo á praza de Santa María para rematar a lectura do álbum ilustrado.

Quixemos logo agasallar ao alumnado alemán cunhas recomendacións lectoras de obras da literatura galega en alemán: 

Rematamos o paseo literario onda a estatua do loro Ravachol lendo a descrición que deste personaxe fixo Gonzalo Torrente Ballester en La saga fuga de JB. 



xoves, 4 de abril de 2024

Pazo de Meirás e roteiro en A Coruña sobre a escritora Luisa Villalta.

 

O pasado martes 2 de abril, alumnado dos Clubs de Lectura "Nube de Palabras", incluido o alumnado do  CGTD, e alumnado axudante da nosa Biblioteca "Charo Sánchez-Gabriel", desfrutaron dunha visita guiada ao Pazo de Meirás despois de realizar a lectura do libro de Eva Mejuto: "A ladroa da biblioteca de Meirás". 

Foi o xusto premio outorgado polos seus coordinadores Anxos Rial, María Gómez e Fernando Tomé, ao traballo e o esforzo desinteresados desenvolvidos a cotío por estes rapaces e rapazas no club de lectura e na biblioteca.O noso alumnado foi acompañado nesta xornada literaria polo Club de Lectura do IES A Xunqueira II e a súa coordinadora, Eva López.






Na visita guiada ao pazo puidemos comentar aspectos do libro coa nosa guía (coma a lenda dos "ovos de Franco" ou as expropiacións de propiedades relatadas no mesmo) e realizar unha "venteada" lectura dun fragmento do libro (voz a voz dos clubs do Sánchez e da Xunqueira II) baixo un señorial magnolio.








Pola tarde, tras o xantar de convivencia de ambos clubs, os alumnos e alumnas realizaron un roteiro (venteado e pasado por auga, unha mágoa!) pola cidade de A Coruña acompañados pola escritora Eli Ríos, que os guiou polos espazos nos que discorreu a vida e a obra de Luisa Villalta, escritora, filóloga e violinista galega á que se lle adica o día Día das Letras Galegas neste ano 2024. Ninguén mellor que Eli Ríos para levar a cabo este labor, xa que é coautora do libro "Alma de violino", biografía de Luisa Villalta.



luns, 1 de abril de 2024

Materiais "A miña cidade" en alemán

 


Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil 2024

 Mañá, o noso club de lectura, o club de lectura do IES A Xunqueira II e o alumnado axudante da biblioteca imos celebrar o dia do Libro dun xeito moi especial: Visitaremos o pazo de Meirás co lectura "A ladroa da biblioteca de Meirás" e logo realizaremos o Roteiro de Luísa Villalta polo corazón da Coruña; as nosas lecturas e os versos acompañarannos todo o camiño. Xa vos contaremos.

Vaia por diante o cartel e o texto que a OEPLI seleccionou para a celebración deste ano:


Sobre as alas, os contos viaxan. Desexando sentir o latexo do teu corazón.
 
 
Son o Conto Viaxeiro. Vou voando a calquera sitio.

Ás veces vou nas alas do vento. Outras, nas alas das ondas.

E outras nas aliñas dun gran de area.

Por suposto, tamén subo nas alas das aves migratorias.

E, de cando en vez, incluso nas dos avións.

Despois, sento ao teu carón, abro as miñas páxinas e cóntoche a historia que queiras.

Quizais unha historia fantástica?

Ou prefires unha historia triste? De medo?

Unha para rir ás gargalladas?

E se polo de agora non queres escoitar ningunha, non pasa nada.

Seguro que algunha vez terás ganas. Daquela, chámasme. Non tes máis que dicir:
«Conto Viaxeiro, ven aquí!», e irei voando ao teu lado. 


Podedes descargalo no seguinte enlace:

Na páxina da OEPLI podedes descubrir porque este día sinalado se celebra o 2 de abril.