xoves, 16 de decembro de 2021

"A nena lectora" de M. Rivas e S. Suniaga.

 


Pois o Nadal tamén é época de lecturas, e máis,  cando se conta cun álbum ilustrado tan fermoso e emotivo coma A NENA LECTORA, un álbum con aroma a MEMORIA no que a emotiva escrita de Manuel Rivas  empata marabillosamente coas ilustracións de Susana Suniaga.

Achegámonos á Coruña de comezos de século XX, ás traballadoras da Fábrica de tabaco e á NENA LECTORA que coas súas lecturas suaviza o duro traballo das mulleres ( Di Rivas que esta foi a historia que sempre quixo contar).




xoves, 9 de decembro de 2021

"Senlleiras", recibimos a Antía Yañez.

 



Tras a lectura da novela Senlleiras de Antía Yañez, o noso club de lectura de 1º de bacharelato quedou tan emocionado que non puidemos deixalo pasar e convidamos a autora a visitarnos na nosa biblioteca e realizar coa rapazada do club un obradoiro de igualdade e encontro lector.



A autora, amablemente, falounos dalgunhas claves sobre feminismo que a moveron a escribir a novela, sobre os espazos e personaxes da mesma;  aclarou tamén algunhas das dúbidas das súas lectoras e comentaron partes e escenas que lles encantaron. Faloulles ademais do proceso de documentación á hora de escribir a obra. 



Unha sesión moi produtiva en canto á lectura, á igualdade e á prevención da violencia contra as mulleres: 






domingo, 14 de novembro de 2021

xoves, 11 de novembro de 2021

Preséntamos o club de inglés de 4º ESO/1º Bacharelato.

 O club de ingles de 4º ESO/1º Bacharelato que é virtual, hoxe deixouse caer pola biblioteca acompañadxs da súa coordinadora, María Torres, para que puideramos coñecelxs e poñerlles cara... e non esqueceron traer a súa lectura !!!! aquí vos deixamos unhas imaxes: 




Aprendemos a LER IMAXES no club de arte: 4º ESO B

 


Que sesión máis chula tivemos hoxe cxs mozxs do club de 4º B: realmente traían moi traballado o libro "Caderno de Animalista"de Fortes e Quarello  e buscaran os cadros correspondentes ás imaxes... e atopáranos todos!

Puidemos comprobar que as libretas que lles regalamos son de utilidade pois nelas apuntaran e tomaran notas; a maiores a nosa coordinadora Esther (a especialista en arte) ao tempo que elxs citaban os cadros íalles falando dos mesmos e dos autores, superenriquecedor, grazas Esther.

Tamén puidemos comprobar con sorpresa que moitxs gostaban das imaxes e seleccionaban según os seus estilos... e tocou o timbre e non había quen os mandara para clase...

Para continuar traballando o libro, imos aproveitar o boísimo traballo feito na biblioteca do IES Xoán Montes  na sección zooarte polo que aquí lles deixamos o enlace para realizar o cuestionario: 

ZOOARTE.

Que desfrutedes dos enigmas....










sábado, 16 de outubro de 2021

Lecturas programadas para o primeiro trimestre:




A maxia da lectura, un agasallo para todos os niveis, idades e gustos no primeiro trimestre desta nova andaina: en varias linguas, en distintos xéneros, en texto, en imaxes... uns grupos lectores moi diversos e moi inclusivos. Felices lecturas para todos e todas.

Grupos lectores de 1º de ESO:

  • 1º C/ D: Usha de María Reimóndez.
  • 1º B: O bestiario científico de Anxos Nogueirosa de Antonio M. Fraga.
  • 1º ESO A: O neno inverno de María Canosa.
Grupos lectores de 2º de ESO: 
  • 2º ESO B/D: El misterio Velázquez de Eliacer Cansino.
  • 2º de ESO A/C: Game Over de Santiago Lopo
  • 2º de ESO C: Non cantan os paxaros neste bosque de Carlos Negro.
Grupos lectores de 3º de ESO:
  • 3º ESO A, club de ciencias: 22 segundos de Eva Mejuto.
  • 3º ESO B/C/D, club de ciencias: Bárbaras de María Reimóndez.
  • 3º ESO, narrativa en galego: Esta noite hei ir verte de Beatriz García Turnes.
Grupos lectores de 4º de ESO: 
  • 4º ESO B, club de arte: Caderno animalista de Antón Fortes e Maurizio Quarello.
  • 4º ESO/ 1º bach.  narrativa en galego: Cobiza de María Reimóndez.
  • 4º A, grupo lector de igualdade CMN: Identidade de Nee Barros.
Grupos lectores de  Bacharelato:
  • 1º bach. E, club de linguas clásicas: Así aman los dioses de Concha Romero.
  • 1º bach./ 4º ESO, club de inglés: Romeo and Juliet de William Shakespeare.
  • 1º Bach A/E, narrativa en galego: Senlleiras de Antía Yañez.
  • Grupo lector de 2º de bach. , iniciación ao portugués: Os da minha rua de Ondjaki.
Varios: 
  • Grupo lector de Igualdade CMN: Masculino singular de Carlos Negro.


Presentamos os grupos lectores do Sánchez, en imaxes.

 








NICO dá a benvida ao Club de Lectura ao alumnado de 1º ESO.

REGRESAN DE NOVO OS "CLUBS DE LECTURA DO SÁNCHEZ: NUBE DE PALABRAS"

 

 

Pois xa estamos aquí de novo; un curso máis os grupos lectores do noso club NUBE DE PALABRAS retoman con máis forza as súas prácticas lectoras: arredor de 150 mozos e mozas de todos os cursos e niveis, 11 docentes mediadores e unha chea de lecturas "novas e vellas" que nos van deleitar coa súa maxia. 

Volvemos presencialmente e, por fin !!!!!  

... na nosa BIBLIOTECA, o espazo propio, polo que estamos felices de voltar a rodearnos do aroma do papel dos libros. 

Este curso voltaremos ler en galego, en inglés, en castelán, e en portugués, ofertamos clubs de narrativa, de linguas clásicas, de igualdade e coma novidade un club de arte (para aprender e desfrutar da lectura en imaxes) e un club de ciencias (para achegarnos á bioloxía e outros temas tratados cun enfoque científico).

Os e as mediadores/-as dos grupos lectores xa andamos a darlle voltas á nosa cabeciña para programar encontros lectores con autor/-a, colaborar co Salón do Libro,  realizar roteiros, visitas a museos, exposicións e algunha cousiñas máis que xa vos iremos adiantando...

Benvidos pois todos e todas os e as lectores/-as e xa sabedes: 

Vémonos na biblioteca!!!!

 

xoves, 1 de xullo de 2021

"Non cantan os paxaros neste bosque" booktrailer de Daniel Míguez.

 O alumno do club de lectura de 2º de ESO, Daniel Míguez Torres, agasallounos con este fermoso booktrailer sobre o libro de relatos de Carlos Negro "Non cantan os paxaros neste bosque":

 






Un fermoso agasallo de despedidas lectoras para todos e todas.Grazas e parabéns Daniel. Feliz verán.

luns, 17 de maio de 2021

Debullamos as reviravoltas de COBIZA con María Reimóndez.


 COBIZA:

I Premio Literario Pinto e Maragota da diversidade sexual e de xénero.  

A escritora, activista implicada, María Reimóndez, respondeu amablemente ás preguntas da nosa rapazada do club de lectura e 4º de ESO D coa fin de debullar as reviravoltas da súa novela COBIZA , aquí vos deixamos un resume das respostas que compartiu con nós:

Sobre o tempo de escrita.

Escribín COBIZA durante a pandemia porque foi cando tiven tempo para escribir e axudou a rematar a novela para presentala ao premio, pero non escribín a novela para o premio .

Sobre as fontes.

Neste libro houbo unha confluencia de ir percibindo e recollendo cousas por exemplo o tema da escravitude no século XVII e XVIII foi moi importante á hora de escribir COBIZA, ese é un tema que teño traballado moito como tradutora, como activista, textos de persoas que foron escravizadas; no tema da tecnoloxía bebo máis da teoría que vou lendo que do que son obras en si. No libro non inflúen tanto os textos literarios coma as cuestións temáticas coas que eu teño un contacto máis directo. A base previa á obra é a vida. 

Vai a humanidade cara un desastre medioambiental?

Hai que chegar ao final da obra para contestar a esa pregunta; a ciencia ficción permítenos proxectar desde o presente posibilidades, penso que non hai un futuro predeterminado senón que o estamos construíndo a cotío, que hai unha crise ambiental é evidente hoxe aínda que hai intereses económicos que non permiten actuar dun xeito máis contundente; estamos afeitas a levar unhas formas de vida moi consumidoras, destrutoras e moi pouco reflexivas sobre as consecuencias dese sistema de vida, isto máis que pesimista é realista.  


 


Sobre as árbores ou seres completos:

Hai outras maneiras de ver aos seres humanos e necesitamos a distancia para facelo,os seres de COBIZA son unha maneira de desnaturalizar partindo da natureza; Os corpos son máis diversos, explicados con outros parámetros que non son os que temos agora mesmo. 

Sobre a COBIZA no mundo (move o mundo o amor ou a cobiza?): 

Pensade no momento que estamos a vivir coas vacinas, se lle quitades o elemento de cobiza de lucro das farmacéuticas vacinariase todo o mundo pero as patentes impiden que as vacinas se poidan producir libremente, é un exemplo de miles. O que non entrou o sistema do lucro é porque hai un traballo inxente de grupos e persoas en todo o mundo que se unen para evitalo.  

Sobre como fixeches para crear unha historia e unir tantos temas e personaxes

Iso é o interesante de escribir, hai moitas historias pero o interesante da escrita é como contalas, que sexa un desafío. Neste caso COBIZA foi unha maneira de experimentar outras maneiras de escribir máis polifónicas, crear distintos personaxes cada quen deles coa súa voz. Iso é para min o divertido de escribir. Para min é importante que cada personaxe teña a súa personalidade, é un traballo da escrita crear unha voz, coñecer a súa historia, un ser completo coas súas motivacións, a súa maneira de falar... Neste libro foi complicado traballar con personaxes que non teñen unha visión de xénero cunha linguaxe con xénero.


 

Sobre os lugares que inspiraron COBIZA

Un dous lugares é Haití e o tema da escravitude que xa tratara no libro Pirata e outro lugar foi Nova Iorque, unha cidade cunhas desigualdades tremendas e todo o mundo quere vivir alí, é un espazo onde me resulta incómodo estar, a partir de aquí se constrúen os espazos das capitais e os recunchos e tamén Galicia (Galicia podería ser un deserto en pouco tempo se seguimos co nivel de eucaliptización que temos agora que nos leva ao comezo da novela).

Sobre a Gran Desconexión da tecnoloxía

A min sorpréndeme que non a houbese xa, con desconectar un par de satélites, cada vez a nosa dependencia da tecnoloxía é maior e xa hai moitas cousas que non somos capaces de facer sen a tecnoloxía e perdemos capacidades para a supervivencia.


Un pracer a conversa, grazas mil a María Reimóndez.por este formativo encontro lector.



                                                                Pontevedra, 15 de maio 2021.

 

martes, 4 de maio de 2021

"IDENTIDADE" presentación da obra de NEE BARROS.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Grazas ao Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, a rapazada do club de lectura de 3º e 4º de ESO puideron encontrarse no noso centro co autor NEE BARROS que nos presentou a súa obra de teatro IDENTIDADE.

E sobre identidade de xénero, de diversidade, de sexo biolóxico, sobre a orientación sexual, sobre o xénero neutro: 

"Un simple acto, o de nacer, é o que marca a nosa vida" así comeza cunha voz en off a obra de teatro Identidade de Nee Barros.


 Unha presentación-obradoiro que nos serviu para preguntarnos, reflexionar sobre como nos sentimos representados na vida polo xénero, polo sexo, polas atracións...Dinos Nee Barros no encontro:

"Os pronomes non definen o noso xénero, con que pronome me sinto máis cómodo???"

"A identidade de xénero é como ti te sintes, como ti es, e non só é home ou muller, hai persoas que non se sinten representadas como home ou muller"


 

E na obra de teatro:

"(...) Está claro que os nomes, coma ti dixeches, crean vínculos coa familia; pero o meu creou un vínculo coa persoa equivocada. Creou un vínculo coa túa filla María, pero xa é hora de que te decates de que en realidade o teu fillo se chama Zé" di o personaxe de Zé no primeiro acto da obra de teatro nunha carta á súa nai.

Hai que realizar un proceso de autocoñecemento, o que importa é como me sinto e identifico eu. Este proceso, a loita pola aceptación dun mesmo e que os demais me acepten relátase na obra de teatro: 

" É que o xénero non ten que ver coa roupa, e nin sequera coa relación co teu corpo (...) Penso que todo o mundo está en certa maneira descontento coa súa categoría.." di Zé no segundo acto.

Mais creo que sería mellor que vos animarades a ler a obriña de teatro, a reflexionar e a debater sobre ela cxs compañeirxs.


Grazas Nee Barros e grazas ao Salón do Libro.

sábado, 1 de maio de 2021

"MACULINO SINGULAR" . Encontro lector do Club de igualdade co poeta Carlos Negro.

 


O Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra facilitounos que o Club de Igualdade de bacharelato coordinado pola nosa compañeira María Buceta mantivera un encontro lector co poeta Carlos Negro, nun fermoso día e nun fermoso espazo que agasallou aos presentes para falar de poesía e igualdade, do cal sairon todos e todas emocionados.






venres, 30 de abril de 2021

"Non cantan os paxaros neste bosque" Encontro lector con Carlos Negro.


Os clubs de lectura de 2º de ESO puidemos desfrutar dun encontro lector co poeta, e agora narrador, Carlos Negro arredor do deu libro de contos de medo e fantasmas Non cantan os paxaros neste bosque grazas ao Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra.

Un diálogo moi animado se estableceu entre a rapazada e o autor que non cesaron de facerlle preguntas ás que el respostou coa xenerosidade que o caracteriza; deixámosvos aquí un pequeno resume das palabras do autor:

" A miña idea era escribir contos e coma nunca escribira narrativa, sentíame máis seguro cos contos que cunha novela, o conto é coma unha novela breve. Ao mellor no futuro anímome a escribir unha historia máis complexa e con máis personaxes." 


" Os contos de fantasmas é un xénero moi sutil, non se pode abusar dos efectos gratuítos, hai que ir elevando a tensión pouco a pouco, parece que ao principio do relato se trata doutra cousa e despois acaba aparecendo un pantasma ou algo extraordinario ou raro."

"As veces dubido sobre o final do conto, sobre ser máis ou menos cruel se morren os personaxes; o tobogán é inocente, está asociado aos xogos, entón nunha viaxe vin un tobogán vello e tirando do fío deille vida propia que dá unha enerxía especial ao que sobe nel; fun creando o ambiente, este conto é máis do estilo Stephen King."

" A despedida é un microrrelato que xurdiu coma un reto, é un conto cun final aberto e cada lector pode seguir a historia ou rematalo como desexe. "

" Nos contos de pantasmas está sempre presente a morte e ao tempo danche o gusto e pracer que a xente volva da morte, provocan un medo gustoso porque estás protexido polas palabras"

"Paseino moi ben escribindo contos de pantasmas e medo, o máis complicado foi facelos cribles e sorprender ao lector.



martes, 20 de abril de 2021

Novas lecturas nos clubs.

 E seguimos repartindo lecturas en 1º de ESO:

 

 

Club de 1º ESO C, grupo 2: 

A balada dos unicornios de Ledicia Costas.

 
Club de 1º de ESO grupo E/F/B: Eu son A. de Steve Tasane.


Díptico das Bibliotecas Escolares Galegas para a celebración do Día do Libro

 Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia chega esta fermosura:


E dísenos del:

"A profesora, tradutora e poeta, Elvira Ribeiro creou un texto orixinal cedido xenerosamente para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, centrándose nas potencialidades da lectura e que nos agasalla esta evocadora afirmación: 
 
"Talvez é ler un diamante de mil caras, un mar sen varandas."
 
 Pódese descargar no seguinte enlace: 
 

sábado, 17 de abril de 2021

XII Salón do Libro infantil e xuvenil de Pontevedra.

 

O mes de abril está cheíño de boas novas relacionadas cos libros  e a lectura, e como xa vén sendo habitual esperabamos con impaciencia a presentación do programa do Salón do Libro de Pontevedra; unha cita habitual para todos e todas as que somos amantes da lectura e dos libros.

O Salón reinvéntase cada ano, así o pasado foi virtual pola pandemia e esta segue a condicionar a celebración actual, fixádevos no tema:

" EMERXENCIA LITERARIA. Os libros salvan o planeta"

Suxestivo, provocador, atraente e moi na liña dos tempos Covid que vivimos. Do 23 de abril ao 9 de maio podedes participar nas actividades, visitar as exposicións, contacontos... en espazo pechado (O Pazo) ou aberto (A Illa do Covo), iso si, reservando a nosa praza polos límites de aforo, un Salón seguro.Este ano o Salón a maiores irá ás escolas e institutos xa que logo, os centros de ensino non poden acudir ao Salón. No noso caso recibiremos o 29 de abril ao escritor Carlos Negro co seu último libro  de relatos de medo: Os paxaros non cantan esta noite.



Pois xa sabedes, para nenos, nenas, mozos e mozas, pais e nais, avós e avoas, tíos e tías, sobriños e sobriñas... haberá que visitar o Salón,aquí vos deixamos o programa:

https://www.salondolibro.gal/programa-2021/


 

domingo, 11 de abril de 2021

"Xelís, o guieiro das botellas de mar" de Rosa Aneiros.

 


 O pasado venres, o club de 1º de ESO, grupo 1 de 1º C, tivemos a sesión final de "Xelís, o guieiro das botellas de mar" de Rosa Aneiros e con ilustracións de Andrés Meixide.

Á rapazada do club gustou moito da noveliña, aínda que nalgún momento se sentiron desconcertados xa que no capítulo da botella esperaban unha acción máis rápida e lixeira.

 

Falamos moito da necesidade que hoxe en día temos de guieiros, de Xelís que se comprometan co medio ambiente e reaccionen para evitar que os plásticos acaben co noso mundo; pensan que é un libro moi necesario e que axuda a concienciarnos de que temos que movernos e perservar o noso medio natural, evitar a contaminación; tamén nos suxeriu a lectura do libro falar da Celulosas e do seu impacto na ría de Pontevedra.

Durante toda a sesión estivemos acompañados dos pequenos Xelís que eles e elas construíron co modelo que se facilita no libro, mirade que lindos Xelís: 



COBIZA de MARÍA REIMÓNDEZ

 




COBIZA, a nova novela de María Reimóndez foi galardoada co "I Premio Pinto e Maragota á diversidade sexual e de xénero"  polo tratamento da temática da diversidade de xénero e identidade propia do individu; pola trama en si e pola variedade de temáticas ás que nos achega e que poden conquistar e provocar o debate entre os lectores e lectoras, conmover e facelos mirar ao seu redor; pola orixinalidade ao crear un mundo distópico (novidoso en lingua galega) e pola mensaxe que nos transmite, por compartir o soño dun mundo diferente e novo, máis xusto e igualitario; pola reivindicación do feminismo, da importancia do papel da muller no desenvolvemento da nosa sociedade e do mundo e como non pola escrita, polo tratamento literario que fai da historia, o xogo de narradores e de tempos e pola linguaxe coidada e cun léxico moi rico.

As temáticas que se desenvolven na novela:
 

ANO 30 A G.D.

  • A ambientación, o mundo distópico. Comezamos cun desastre medioambiental, contaminación, degradación, andazos, morte e esterilidade...no ano 30 da G.D.

“Luz crecera naquel deserto...todo mundo quería marchar e tamén ficar.. (páx. 9/10) 

  • A estrutura familiar está formada por un home, unha muller e fillos...só as mulleres procrean, a identidade de xénero:

“Toda esa leria de ser homes e mulleres é un invento...Así que o detiveran por chamar á rebelión xenérica” ( pax.14/15)

  • A contaminación, a degradación do medio ambiente; O mar de plástico, seres apreixados:

“Isto deixou dito Luz Divina... un ser derrotado que quere poñerse de pé” (pax. 23/24)

Tessi, Dandara, Seh-Dong seres creados da terra, pola forza da terra, seres sin xénero nin sexo... simbolizan o futuro, a esperanza nun mundo máis igualitario? Os sentimentos destes personaxes, poden sentir afecto, ira... fronte aos humanos crueis e insensíveis... son seres creados para loitar e defender a vida. 

  • A Gran Desconexión: A tecnoloxía e a ciencia.

Presentación de Luz Divina (Páxina 32)

As universidades ao servizo da economía e das empresas, a pandemia e o negocio das empresas farmacéuticas.

  • A Cobiza:

Diario de Luz Divina (Páxina 39)

O título da novela aparece citado en varios lugares do texto, é a cobiza a que conduce ao ser humano á súa deshumanización?...

 


( Presentación de Cobiza no Club Faro de Vigo)

venres, 9 de abril de 2021

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO arredor do álbum ilustrado A LAVANDEIRA DE SAN SIMÓN.

 

 

O pasado venres recibimos no centro a visita da escritora Eva Mejuto para participar na nosa posta en común arredor do seu álbum ilustrado "A lavandeira de San Simón" unha obra na que se recupera a memoria daquelas mulleres lavandeiras que lavaban a roupa e facíanlle empanadas aos presos de San Simón.

A conversa foi moi fluída e a nosa escritora deunos claves interpretativas arredor da importancia da simbiose entre texto e imaxe no álbum, sobre a importancia de visibilizar o labor daquelas esquecidas pola historia que cun xesto de moito valor apoiaron e suavizaron o horror dos que alí estaban presos.

Tamén se falou do labor de documentación previo á escrita da historia e do apoio da web que acompaña á edición desta fermosa e conmovedora historia de Teresa a protagonista.