No día de onte, o alumnado do club de lectura de 2º da ESO e do Consello da Muller Nova do noso IES participou na biblioteca nun emotivo encontro con Montse Fajardo a autora da lectura deste trimestre no club INVISIBLES (escollida desta vez polo propio alumnado).
Difícil é concentrar en poucas liñas o duro que resultou este encontro para todos e todas nós polo tema central do libro - o maltrato e a situación das mulleres que o sofren- tendo en conta a boa comunicación que se estableceu entre o auditorio - a autora - a sra. concelleira.
Falamos da invisibilidade destas mulleres que sofren en silencio, de asasinatos, de maltrato psicolóxico, de xustiza, de vítimas... de Eva, de Mariluz, de Tina, de Irene, de Marga, de Begoña presentes no encontro na voz de Montse e de Carmen... coma se soe dicir coloquialmente todas e todos cos sentimentos a flor de pel, as bágoas, os silencios... o encontro coa autora que nos encolleu o corazón.
Unha lección do alumnado reivindicando información, coñecemento, que se lles permita decidir e opinar... alzaron as súas voces con forza e enerxía e prendeu en nós os adultos presentes a esperanza e confianza nestas xeracións do futuro; grazas mil ás voces de muller, de Montse e de Carmen por facelo posible.
Hoxe o libro rulaba xa entre alumnas e alumnos que non pertencen aos clubs nen ao CMN, nunca tal vin, só quedaban dous exemplares disponibles... e mañá seremos moitos e moitas os que recitaremos, falaremos, cantaremos... no acto que entre todos e todas preparamos para que mulleres coma Mariluz, Eva, Begoña... NUNCA MÁIS SEXAN INVISIBLES.