sábado, 31 de outubro de 2020

Proxecto do Club de Lectura do IES Sánchez Cantón en tempos COVID.


Sen perder a nosa continuidade "Nube de Palabras. Clubs de lectura do IES Sánchez Cantón" reconfigurámonos para adaptarnos aos tempos COVID e ás novas medidas de seguridade:

  • A finalidade: Ao desenvolvemento de prácticas lectoras entre o noso alumnado (Lecturas Compartidas), ao fomento da lectura, á formación de lectores críticos engadimos agora o apoio inclusivo (NEE) ao alumnado, proporcionándolle un espazo de socialización (presencial ou virtual) e de acompañamento emocional en tempos incertos.
  • A seguridade: Os grupos lectores redúcen o número dos seus participantes -pero non o de grupos- de 12/15 alumnos pasamos a grupos de non máis de 8 (sete alumnos/-as e o/a coordinador/-a) ou mesmo máis reducidos. Os espazos dos encontros serán o patio cuberto e en caso de moita choiva ou frío a aula (a nosa biblioteca é aula e non pode usarse). A desinfectación dos libros, subímolos da biblioteca e ata o día seguinte non se entregan ( en 2ou 3 horas xa poderían estar disponibles). O distanciamento será respectado en cada reunión e esta realizarase cada tres semanas polo que será necesario un apoio dixital das lecturas.
  • Os apoios e posibles situacións: Cada grupo lector recibirá apoio na súa lectura a través dun curso propio na aula virtual do centro ( Edixgal no caso do alumnado de primeiro ciclo); neste curso o profesor mediador contactará co alumnado, proporcionaralle material complementario e aclaracións á lectura, suxerencias, vídeos dos autores ou sobre as lecturas, audios, xogos, música, etc.  As canles de comunicación serán as oficiais. Tamén se comtempla a lectura en formato electrónico de ser necesario.
  • Os encontros virtuais no caso de confinamento: Os encontros presenciais do grupo lector poden transformarse en virtuais a través de CiscoWebex e mesmo se contempla o encontro con autores vitualmente. 
  • As actividades: A proposta de encontros virtuais co autor ou mesmo a visita dos mesmos á aula (como xa se fixo coa escritora Eva Mejuto,con moi boa acollida polo alumnado), a participación nas actividades (virtuais ou presenciais de ser posible) do Salón do Libro, ou mesmo o encontro con editores e libreiros.
  • Os medios de difusión: O curso da aula virtual do grupo lector, o blog "Nube de Palabras" dos Clubs do Sánchez e a súa páxina en Facebook.

 


Nestes momentos contamos xa con 9 grupos lectores de 1º, 3º e 4º de ESO, grupos lectores en lingua galega (maioritarios), lingua española e lingua inglesa; estan pendentes de concretar 2 grupos de 2º de ESO e 1 de bacharelato.

Contamos con 8 profesores mediadores de lectura de lingua galega, lingua inglesa, relixión e lingua castelá.

O proxecto dos clubs de lectura do noso instituto forman parte das actividades do Proxecto Lector  e están contemplados na PXA do noso centro. 

As lecturas: Pódese consultar a programación lectora do primeiro trimestre na seguinte ligazón:

 LECTURAS.


venres, 30 de outubro de 2020

Que non nos pille o virus sen un libro na man!!!

 E con tantos sobresaltos e perimetraxes, onte decidimos adiantar o reparto das lecturas dos clubs e coma o Covid non nos permite facer fotos de grupo tivemos que reinvertarnos.

Para mostra un botón:

 que non nos pille o virus sen un libro nas mans!!

 


 E os comentarios no Facebook da autora e dos editores de "SuperUlex":



martes, 27 de outubro de 2020

Volven os clubs de lectura do Sánchez Cantón: "Nube de Palabras"

 Pois por fin podemos poñer en marcha os clubs de lectura, non imos deixar que o virus poida connosco e interrumpa as nosas lecturas compartidas, ou sexa que...

IMOS ALÓ.....

Este curso mudarán algunhas cousiñas, os grupos lectores serán máis pequeniños, miniclubs, sete membrxs máximo, oito co coordinador; as sesións seguirán sendo no recreo pero como non podemos usar a biblio porque é aula de clase (excepto en bacharelato que pola tarde está libre), os encontros serán no patio cuberto (ben abrigadiñxs pois) para 1º de ESO e na aula para 3º e 4º de ESO.

As reunións presenciais serán máis espaciadas (cada 21 días) e teremos o apoio dos cursos abertos por cada coordinador/-a na aula virtual ( Edixgal para 1º de ESO e Aula virtual para os demais). Xa que logo no caso de confinamento xa teremos creado o noso espazo para o apoio non presencia.

 

 

Mais falemos xa de

 LECTURAS: 

 

 

 

  • 1º de ESO ( 5 grupos lectores, tres mediadores/-as):

Grupos lectores de 1º de ESO B/F, C1 e C2 lerán 

-"Icía quere cambiar o mundo" de Fina Casalderrey e ilustracións de Carmen Pernas.

-"Conta nove estrelas" de Andrea Maceiras.

- "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta" de Ledicia Costas.

Grupos lectores de 1º de ESO en español lerán:

- "Caperucita en Manhattan" de Carmen Martín Gaite.

-"Mi abuelo Moztezuma" de María García.

 

  • Grupo lector de 3º de ESO ( 1 grupo, unha mediadora) lerá:

- "A historia interminable" de Michael Hende ( en galego).

 

  • Grupos lectores de 4º de ESO ( 3 grupos, tres mediadoras) lerán:

- "Memoria do silencio" de Eva Mejuto.

- "SuperUlex" de Susana Sanches Arins.

Grupo lector de 4º de ESO en Inglés lerá:

"Little Women" de   Louisa May Alcott.


 

  • Queda pendente a organización do club de bacharelato en sesión de tarde pero aínda comezaron onte as clases presenciais e os miniclubs de 2º ESO.

 

 

Adiantámosvos que este curso teremos a compañía dunha superheroína moi, moi especial, SuperUlex. 

 

Xa preparados os libros, xa organizados os grupos, EMPEZAMOSSSSSS......

 

 

Agasallos desde Bonn.

Está mañá tivemos a sorpresa de recibir un agasallo que nos enviou a profesora Stefanie Bauer desde Bonn; un fermoso detalle para indicarnos que non se esquece do paseo literario que fixemos con ela e da sesión de club que compartiu connosco.

 


Grazas Stefanie.

sábado, 24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO ( Programa Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria. Ministerio de Cultura).

 


 

Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

  http://www.culturaydeporte.gob.es/dam/jcr:0cb95498-6559-4c0d-a89e-369ac5d3e7e1/logotipo-dglfl.jpg

 


 

 

Coma a nosa biblioteca funciona coma aula e coma hai que respectar o tempo de duración das actividades e o número de participantes polas normas COVID, o encontro lector realizouse en dúas quendas e dous espazos ( a primeira na aula de 1º de ESO C e a segunda no paraninfo con 1º de ESO B e 1º de ESO F).

 

Aproveitamos esta visita para comezar as actividades de fomento da lectura que organizamos desde o club de lectura e celebrar ao tempo o Día das Bibliotecas ( aínda que fóra da biblioteca xa que esta foi reconvertida en aula).

 


 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.

 

  Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

 Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.

 


 

Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade. 



luns, 19 de outubro de 2020

Preparando o encontro lector coa escritora Eva Mejuto.

 O vindeiro día 23 de outubro visitaranos a escritora Eva Mejuto para falar con nós sobre "o oficio de escritora" e sobre a súa novela "22 segundos". Para ir sabendo algo máis dela podedes consultar este enlace da galipedia co seu currículo: 

EVA MEJUTO.

 

 


 



domingo, 11 de outubro de 2020

Día das escritoras, 19 de outubro.

Iniciamos as publicacións deste curso 20/21 (que tivo un comezo tan especial) cunha celebración, a do DÍA DAS ESCRITORAS; a Biblioteca Nacional tivo a iniciativa desta conmemoración coa finalidade de recuperar o legado destas e visibilizar o seu traballo no ámbito da literatura e combater a discriminación que sofreron na historia (fonte: Galipedia).

O lema desta edición é " "O esforzo cotián das mulleres"  e nesta liña as Bibliotecas Escolares de Galicia realizaron unha selección de textos de escritoras galegas (na cal participamos) que nos falen de mulleres galegas "bravas" coa fin de ponderalas.

Deixámosvos aquí o enlace para a descarga desta pequena antoloxía de textos coa idea de que poidamos lelos e coñecelos mellor nesta data tan significativa. Vaian como adianto as palabras que a nosa amiga e escritora Eva Mejuto puxo en boca das irmás Touza, heroínas na escuridade e protagonistas da súa novela " Memoria do silencio":

"Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisbles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente poque non se ve. Así facemos nosoutras."

 "O esforzo cotián das mulleres" :

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/D%C3%ADa_das_Escritoras_20.pdf