domingo, 10 de maio de 2026

"Remexido de patacas". Recibimos a Eli Ríos.

 


Seguindo coa celebración das Letras galegas 26, o mércores recibimos na nosa biblioteca á escritora e crítica literaria de A Sega, Eli Ríos autora da nosa lectura "Remexido de patacas".

A xuntanta arredor da novela, das súas claves interpretativas (patacas, gato, luvas, flores, coitelo...) e dos temas transversais que esta toca como feminismo, violencia doméstica, patriarcado, saúde mental, amor... centraron a conversa coa autora ao longo de hora e media na que a rapazada puido facerlle preguntas e aclarar dúbidas (fundamentalmente sobre o final aberto da obra, sobre a sombra do gato...) da súa lectura.


Frases contundentes coma: 

" O feminismo nunca matou mulleres"

"Eu non quería dicirche que a miña voz é máis importante cá túa, se quero cambiar as cousas teño que ofrecerche as mesmas posibilidades que eu teño"

"Os corpos son diverso e as habilidades son diversas"

"Escribo para construír un mundo máis igualitario"


"O machismo que se exerce e prepetúa como dominio e explotación da muller"

"A lingua é unha maneira de ver o mundo"

"As patacas non asasinan, son moi galegas, son nosas; a pataca é un elemento cultural para nós"

"Como imos cambiar o mundo se vós non contades a vosa historia"


déronnos que pensar, que debater, proporcionáronnos unha ollada máis completa sobre a lectura da novela. Grazas mil Eli Ríos por acompañarnos e facernos saír do noso espazo de confort, por facernos ler e pensar.



Letras galegas 26: Beatriz Caamaño, Club de lectura "O sofá violeta" e Club de lectura de 1º bacharelato "Nube de palabras"

 

O pasado martes tivemos o pracer de recibir na nosa biblioteca a Beatriz Caamaño (irmá de Begoña Caamaño a quen se lle adica o Día das Letras Galegas deste ano), a Montse Fajardo, coordinadora do club feminista do Concello de Pontevedra "O sofá violeta" e ás súas compoñentes para desenvolver unha xuntanza lectora común coas nosas rapazas do club de lectura de 1º bacharelato B arredor da personaxe da escritora e en concreto da lectura realizada Morgana en Esmelle.

Realmente foi un encontro lector enriquecedor, tenro e moi emotivo, cada grupo aportou puntos de vista desde posturas diferentes grazas ás miradas interxeneracionais polo que foi un encontro lector no que confluíron ideas, lecturas, opinións, desfrutes lectores variados e diversos conformando un tecido colorido marabilloso arredor da nosa lectura.


A sesión comezou cun percorrido polo espazo vital de Begoña Caamaño no que a súa irmá tivo a amabilidade de compartir connosco vivenzas que nola fixeron sentir moi perto, incidimos no seu activismo e logo xa nos centramos nas claves interpretativas da novela ( mitos, personaxes, trama, valores...), Realmente a posta en común foi moi fluída e houbo un espazo no que todas participaron e aportaron, as máis mozas opinando e dirixindo os enfoques lectores e as máis adultas comentando e compartindo.


Non só a literatura, o activismo feminista e o mundo da radio tiveron un espazo importante non só na decoración da mesa arredor da cal convivimos senón tamén nas nosas conversas e olladas. Moi emotivo resultou cando Beatriz Caamaño se dirixiu ás mási novas dicindo que se Begoña estivera presente no encontro se sentiría moi orgullosa de conversar con eles. 



Unha gorentosa merenda puxo fin a esta sesión tan, tan especial; parabéns a todas e en especial a elas, as máis novas, depositarias do legado literario e ideolóxico de Begoña Caamaño.




De certo que foi un pracer compartir lectura do club coordinado por Montse Fajardo e non descartamos, logo de falar coas participantes de ambos clubs de poñer en marcha novas colaboracións lectoras.

Grazas a todas por participar.