martes, 27 de outubro de 2026

"Con barqueira e remador": as linguas, a poesía, as pontes

O pasado 2 de outubro, o alumnado dos clubs de lectura de 1º de bacharelato e da materia de Lingua Galega do século XX acudiu ao recital poético "Con barqueira e remador", que tivo lugar no Centro Maruxa Mallo de Pontevedra e que conseguiu facer da poesía unha ponte capaz de ganduxar unha rede lingüística e cultural arredor do mundo.

O recital, que parte do 15º obradoiro internacional de tradución poética "Con barqueira e remador", foi coordinado e presentado por Yolanda Castaño, quen, coa axuda de Tamara Andrés, representante galega da presente edición, falou da relevancia da variedade lingüística, da sonoridade das linguas e dos días que as persoas poetas pasaron en San Simón. Así, no acto tamén participou Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra.

Alén disto, seis poetas con seis linguas maternas diferentes presentaron as súas pezas: Tamara Andrés, de Combarro (Pontevedra); Ángel Erro, de Navarra; Tsead Bruinja, dos Países Baixos; Krystyna Dąbrowska, de Polonia; Marija Dejanović, de Bosnia-Hercegovina, e Mohammad Zahid, da India. Daquela, durante o recital, o noso alumnado puido escoitar de primeira man galego, éuscaro, frisón, polaco, croata e caxemirés. A sonoridade, a cadencia e a entoación dos diferentes idiomas, mais tamén as traducións que realizou ao galego Tamara Andrés, asombraron os alumnos e alumnas asistentes.

"O pacto do letargo" cativa o alumnado de 1º de bacharelato co seu estilo artístico

Miguelanxo Prado é unha aposta segura a calquera idade, pois os seus cómics mesturan tramas narrativas complexas e ben fiadas cun debuxo e un tratamento da cor inmellorables. Debido a isto, a primeira lectura do curso para o grupo lector de 1º de bacharelato foi O pacto do letargo, que acabou por impresionar a todo o alumnado.


A conversa xirou, en primeiro lugar, sobre o estilo do autor, sobre o debuxo e sobre a estrutura narrativa que emprega, moi achegada ao cinematográfico. Non obstante, estes apuntamentos iniciais axiña xiraron cara as decisións e motivación dos personaxes, sobre todo cara esa loita entre os Puros e os Demos verbo da natureza do ser humano.

Unha vez analizados os personaxes, falamos dos puntos fortes e débiles do cómic. Desta forma, varias persoas apuntaron (Miguelanxo Prado, toma nota) que a historia está un pouco coxa e que pide ben máis contexto e profundidade, ben unha segunda parte que afonde máis na trama ou que lle dea continuidade.

Finalmente, presentamos dúas propostas para a seguinte lectura conxunta para o club: dunha banda, O mundo en que vivín, de Ilse Losa, doutra banda, Avelaíñas eléctricas, de Sica Romero. Quizais por proximidade xeracional, quizais por temática, o alumnado escolleu a novela de Sica Romero, polo que as vindeiras reunións xirarán arredor deste produto híbrido e persoal da autora carnotá.

As familias viaxan a Brandeira coa lectura de "Esta noite hei de ir a verte"

Outubro é, quizais, un dos meses máis ligados ao alén, a todo o que se agocha baixo as sombras. Daquela, nós, seguindo estas ideas, pensamos que o libro que mellor acaía para esta época era Esta noite hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes.


Co fin de gozar das últimas raiolas con que nos agasallou o outono e sen que a noite, debido ao cambio de hora, chegase antes, reunímonos o mércores 21 de outubro para falar arredor do libro de García Turnes, que xoga coa memoria histórica, coa aventura que supón marchar cun destino a unha aldea afastada durante o franquismo e tamén co descoñecido, con esas pantasmas que aparecen cando esmorece o día.

Desta forma, a nosa conversación non só incidiu nas accións, nos personaxes ou na estrutura da novela, senón que voou a través das familias das persoas presentes e, grazas a iso, puidemos coñecer historias doutras profesoras ou mestras que, como a Sabela que protagoniza a novela, viviron esa vida rural que o noso alumnado no Sánchez Cantón parece ter esquecida. Falamos, xa que logo, de tradicións e costumes, de procesos de oposicións e de fusilados que resucitaron. Isto levounos a relacionar a obra con outras que leramos con anterioridade, como Os xirasoles cegos, O mundo en que vivín ou O lector de Jules Verne, que se achegan a Esta noite hei de ir a verte a través da conexión histórica e da configuración dalgúns personaxes.

En xeral, podemos dicir que a obra gustou, pois pareceu entretida a pesar da dureza dos feitos que relata e ben encamiñada no que atinxe aos personaxes e as accións. Ademais, ao mesturar ese toque mítico, máxico ou fantástico coa realidade máis crúa e cruel, a novela garda relación cos dous libros propostos para o seguinte encontro: o cómic O pacto do letargo, de Miguelanxo Prado, e a novela Quen escribirá a miña historia, de Iria Morgade. Finalmente, para a seguinte xuntanza aproveitaremos a xuntanza sobre a novela de Morgade dentro do programa "Ler (en) Pontevedra", que nos servirá para coñecer a autora e aprender máis sobre a escritura dese proxecto que xira arredor das pegadas que deixaron os presos no mosteiro de Oia durante a Guerra Civil e a posterior represión franquista.

Primeiras entregas

Outubro está a chegar xa ao seu final, mais dende o equipo de Nube de palabras temos moitas novas que compartir. Así pois, foi este o primeiro mes de reunións, de encontros e de postas en común. A maiores, tamén tivo lugar algunha que outra actividade complementaria fóra do centro e fomos concretando algo mellor as saídas posteriores.


Desta maneira, a mediados de mes, xa logo do rebumbio de comezo de curso, configuramos os grupos lectores e entregamos as primeiras fornadas de libros. Talvez a fotografía máis orientativa desta primeira etapa sexa a que acompaña esta entrada, cun feixe de alumnos e alumnas recollendo as obras literarias no espazo da biblioteca dedicado aos clubs de lectura.

Con base nisto, é posible facermos un pequeno percorrido a través dos libros que habemos traballar durante estas semanas, algúns moi centrados no medo, o terror e, en definitiva, o Samaín, e outros máis centrados noutras cuestións, como o acoso ou a fantasía. En primeiro lugar, o alumnado de 2º da ESO comezou o curso con Non cantan paxaros neste bosque, libro de relatos de Carlos Negro que recolle historias curtas non aptas para os máis medorentos. En segundo lugar, os dous grupos lectores de 3º da ESO escolleron camiños diferentes: por unha banda, un deles leu a obra dramática de Rosalía Fernández Rial Fóra de campo, centrada nas relacións tóxicas e no poder das redes sociais no mundo actual; pola outra banda, Alba Rozas e A caída de Guiomar foi a encargada de engaiolar co seu argumento mítico o outro dos grupos de 3º. No que atinxe a 4º da ESO, tamén achamos unha dobre vertente. Como ben se ve na imaxe, algúns alumnos e alumnas que xa se mergullaron na fantástica Gardas, Gardas, de Terry Pratchett (traducido á lingua galega pola editorial Boadicea) e outros na distópica e terrorífica DX, de Eli Ríos. En último lugar, o alumnado de 1º de bacharelato xa rematou O pacto do letargo, o cómic escrito e debuxado por Miguelanxo Prado.

Xa que logo, esta pequena mostra de historias pode facer unha idea da ampla comunidade lectora con que conta o IES Sánchez Cantón e que segue medrando, ano tras ano, grazas ao esforzo de todas as persoas alumnas e profesoras que apostan pola cultura e os libros.

martes, 6 de outubro de 2026

Novos comezos para o club de familias

Volver, ás veces, faise complicado, mais non nesta ocasión, pois retomar un club de lectura sempre é motivo de ledicia. Deste xeito, o pasado mércores 23 de setembro tivo lugar a primeira reunión do club de lectura de familias. A cita, que xirou arredor da obra Deixe a súa mensaxe despois do sinal, de Arantza Portabales, incluíu tamén unha benvida das novas compañeiras.


Como ben se pode comprobar na imaxe, a conversa foi ben entretida e interesante, pois a novela proposta retrata temas como a maternidade, a prostitución, as relacións humanas, as ausencias ou os novos comezos. Así, comezamos falando dos contactos de emerxencia dos teléfonos móbiles actuais, unha funcionalidade que moitas das participantes descoñeciamos, e continuamos esmiuzando as diferentes personaxes que van ganduxando a trama orquestrada por Portabales.

Igual que en calquera ámbito, as opinións foron dispares no que atinxe ás temáticas que formaron parte na conversación. Precisamente, o interesante foi coñecer máis polo miúdo a imaxe que as diferentes participantes tiñamos sobre Marina, Sara, Carmela e mais Viviana (Alicia) e todo o ronsel de nomes secundarios que atravesan as páxinas da obra. Non obstante, o punto que conseguiu achegar a todas as nosas participantes do club foi a necesidade da comunicación e o contacto humanos, sobre todo cando as cousas non van especialmente ben.

Por último, antes da despedida, tocou presentar o libro de outubro para o club de familias. Neste caso, seguimos con literatura de muller e cunha historia que mestura os segredos familiares, os misterios e unha Galicia rural moi emparentada con aquela que nos presentan Neira Vilas ou Fernández Paz nas súas obras. A novela, Esta tarde hei de ir a verte, de Beatriz García Turnes, será a protagonista da tarde do mércores 21 de outubro, data da próxima reunión.


sábado, 27 de xuño de 2026

Material complementario para "A filla do minotauro"

 Como despedida deste curso tan espléndido no que a lecturas se refire, gustaríanos compartir o material complementario que fixemos para acompañar o libro A filla do minotauro, de Marilar Aleixandre. Desta maneira, durante a segunda avaliación o alumnado de 3º da ESO afondou nesta lectura.

Debido a que a obra mestura elementos mitolóxicos baseados no mundo clásico con referencias históricas contemporáneas (sobre todo, da II Guerra Mundial) e a que está ambientada en Sicilia, o alumnado puido seguir os pasos de Miranda, a personaxe principal, a través das cidades e vilas sicilianas. Para facer este percorrido máis visual, deseñamos un pequeno mapa coas paradas que fixo a nosa protagonista e, xa que logo, no encontro lector fomos coñecendo o aspecto actual de lugares como Siracusa, Módica, Sciacca ou Marsala. Así pois, a continuación podedes ver ou descargar a guía.

Apoio visual A filla do minotauro

martes, 16 de xuño de 2026

Despedimos o curso lector coa visita do Concelleiro de Cultura. Clubs de 1º bacharelato.

 


O pasado venres, como colofón ás actividades realizadas neste curso, recibimos a visita do Concelleiro de Cultura de Pontevedra Demetrio Gómez.

O alumnado dos clubs de lectura de 1º de bacharelato recibíron ao concelleiro na nosa biblioteca e tras a presentación inicial puideron manter unha moi interesante conversa co señor concelleiro arredor das actividades organizadas polo Concello de Pontevedra dirixidas á xente moza coma eles e elas; Demetrio Gómez faloulles do local de música, do programa de noites abertas, dos concertos de verán, etc. 


Preguntoulles tamén o noso edil polos seus gustos e preferencias, inquiriu sobre que actividades bota a rapazada en falta en Pontevedra, falouse de cine de verán, de teatro, de lectura, de fotografía, de cociña, de baile... nunha conversa distendida e coido que moi instrutiva para ambas partes participantes no diálogo.


Agradecemos a Demetrio Gómez a súa visita e o seu interés por escoitar as voces e opinións do noso alumnado.