xoves, 1 de maio de 2025

Abril remata cos versos de Tamara Andrés. Club de lectura de familias.

 


A choiva e a ponte, aínda que se notaron, non puido co noso club de lectura de familias que se reuniu onte, rematando o mes de abril na mellor das compañías, a da poeta Tamara Andrés coa súa obra Irmá paxaro.

Comezamos a sesión a media luz escoitando varios poemas do poemario recitados pola propia autora que conquistou coa súa voz ás nosas lectoras; tras a escoita dos versos naceu xa a primeira cuestión: a súa poesía é preferiblemente para ser lida en voz alta, para ser escoitada coa fin de desfrutala e que nos penetre polos oídos e pola pel.

Falamos de versos e de familias, de violencia, da infancia, de poesía e adolescentes, de transmitir e conquistar lectores de poesía, das dificultades de comprensión, de saborear versos... así durante un encontro moi participativo por parte das nosas lectoras que lle fixeron interesantes preguntas á poeta polo que puidemos comprender e valorar mellor o poemario que viñamos de ler.

Para rematar a sesión, Tamara Andrés recitounos o poema Abril que pertence á súa última obra Por concretarme (finalista dos premios Follas Novas), espertando en nós o desexo de lelo e poder compartilo nun futuro coa autora. 

Grazas mil Tamara Andrés por abrir os nosos sentidos á poesía.



Ningún comentario:

Publicar un comentario