xoves, 24 de novembro de 2022

"AS MALAS MULLERES" de MARILAR ALEIXANDRE.


 Hoxe presentamos no grupo lector mixto de 2º de bacharelato e 4º de ESO a nova lectura para o segundo trimestre: "AS MALAS MULLERES" de MARILAR ALEIXANDRE Premio nacional de narrativa deste ano.

Cremos que este libro, para unhas lectoras aventaxadas coma elas, será unha gozada de ler (malia o duro do tema e argumento) pola escrita e porque lles vai permitir achegarse a importantes figuras femininas da nosa historia coma Concepción Arenal ou Juana de Vega. Falamos tamén do respecto da autora coa nosa lingua xa que todas as personaxes - independentemente da súa clase social e cultura - falan en galego ("porque así é coma escoitou a autora as súas voces")

Na sesión falamos primeiro da escritora e a súa obra e algunhas das mozas xa a coñecían por ter lido "A expedición ao Pacífico" ou "Cabeza de medusa": 

Aquí tedes un enlace á súa páxina onde a autora fala de si mesma: 

 https://marilar.gal/sobre-min/

Logo iniciámolas no libro e comezamos lendo a primeira páxina para ir saboreando o que nos espera; certamente coincidimos que o comezo é moi impactante, mesmo cinematográfico (o son das tesoiras ao cortar o cabelo "o único fermoso que posuía", a roupa, o cortello... a desposesión e a denigración das mulleres que van ao cárcere, as malas mulleres. 

Deixámosvos aquí un enlace para completar a nosa información sobre quen son as malas mulleres: 

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2022/10/29/span-langglaleixandre-ponlle-nome-historia-spanspan-langglas-malas-mulleres-da-rua-galeraspan/0003_202210H29H59910.htm



xoves, 17 de novembro de 2022

A caloriña que dá a lectura na biblioteca.

 No recreo de hoxe non había un oco no espazo reservado aos clubs de lectura, o club de 1º de bacharelato no cal hai maioría de presenza masculina (algo debe de estar a moverse entre os mozos...) acompañados da súa coordinadora Conchi Díaz e o club de 1º de ESO B co seu coordinador Juan García.

Os de máis idade andaban por Vigo co Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo e os pequenos andaban polo camiño de Santiago, mirade que xeitosos e xeitosas se lle ve: 



mércores, 16 de novembro de 2022

Ledicia Costas no Sánchez Cantón.

 

Visitounos Ledicia Costas para ter un encontro lector co alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO organizado pola biblioteca e entre eles e elas  non podía faltal o club de 1º de ESO D que está lendo "Jules Verne e a vida das mulleres planta". As mozas estaban moi nerviosas e ao tempo encantadas de poder preguntar a Ledicia sobre a súa lectura.

Finalmente as mozas e a súa coordinadora puideron fotografarse coa nosa querida Ledicia: 


xoves, 10 de novembro de 2022

"Corredora" co alumnado deportista do CGTD.

 Este curso recuperamos o club de lectura máis deportista do Sánchez Cantón, o do CGTD, club deportista e cinéfilo pois da man dos seus coordinadores David Rodríguez,  María Gómez e Juan M. Álvarez van experimentar a simbiose de texto, deporte e cine coas súas lecturas.

Comezan pois cunha novela de María Reimóndez, Corredora que se achega ao seu mundo, o do deporte, para ir abrindo boca antes de "meterlle o dente" a "Cuando hablo de correr" de Murakami e visionar o filme Invictus con Matt Damon e Morgan Freeman.

Feliz andaina para eles e elas.



mércores, 2 de novembro de 2022

"A ladroa da biblioteca de Meirás"

 Sempre fieis ás novidades narrativas de Eva Mejuto, tivemos hoxe a primeira sesión arredor da lectura de A ladroa da biblioteca de Meirás. Acompañamos os nosos comentarios sobre a obra coa lectura de fragmentos dunha obra das que facían ler ás mozas da posguerra coa fin de modelalas ao xeiro relixioso de conduta na ditadura franquista " La joven creyente". 

A novela está a darnos moito xogo para falar de represión, de inxustizas, diversidade e de igualdade ao tempo que coñecemos un episodio fundamental da nosa historia.