Amosando publicacións coa etiqueta presentacion b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta presentacion b>. Amosar todas as publicacións
sábado, 16 de outubro de 2021
martes, 31 de outubro de 2017
TODO CANTO FOMOS DE XOSÉ MONTEAGUDO nos clubs de 2º de bacharelato (grupos 1,2 e 3).
Unha chea de rapaces e rapazas de 2º de bacharelato (45 repartidos en tres grupos) que desexan compartir lecturas e aprender algo máis de "todo canto fomos" na nosa vila da man dos personaxes de ficción protagonistas da novela e de algúns outros reais coma Castelao ou Bóveda que pasean a vida polas rúas de Pontevedra.
Unha chea de vidas que pouco a pouco van ir tecendo a urdidura ata completar un cadro completo da historia do noso país :
“Todo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias; poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.
Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar sociedade galega actual.
Esperemos que estes mozos e mozas de segundo de bacharelato gocen da súa lectura e desfruten falando e compartindo as súas apreciacións sobre ela.
Desexámoslles unha feliz singradura polas súas páxinas.
sábado, 28 de outubro de 2017
Palabras de auga de Marcos Calveiro no club de 1º de ESO grupo 2.
Lecturas man a man, chocolate e moita ilusión o xoves na biblio para comezar a andaina lectora dos rapaces e rapazas de 1º de ESO grupo 2.
Puntualísimos esperaban a súa coordinadora coa sorpresa debuxada nos ollos: Que vai ser isto do club de lectura?
Explicamos, repartimos os contratos de responsabilidade, comemos boliñas de chocolate (non quedou ningunha) e presentamos esta obriña de Marcos Calveiro que aínda que xa foi publicada hai uns aniños segue a ser unha boa aposta para gozar da súa lectura nun club e comentar, profundar nela e analizala.
Esperamos que gocen de compartir lecturas este curso e que lles guste a novela.
Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro (escolma):
O tema de fondo é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…
É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes.
Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.
Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias.
mércores, 25 de outubro de 2017
"O neno inverno" de María Canosa no club de lectura de 1º de ESO grupo 1.
Espectación, sorpresa e ledicia nesta primeira reunión na que da man do profe Juan, o seu coordinador falaron de lecturas compartidas, responsabilidades, agasallos, contratos e boliñas de chocolate para darlle un toque doce ás lecturas.
Presentámoslle a obra que van ler este trimestre "O neno inverno" de María Canosa, adiantándolles un pouquiño do argumento para abrir boca.
Podedes atopar información sobre a novela na seguinte ligazón:
http://editorialgalaxia.gal/o-neno-inverno-de-maria-canosa-valentia-de-ser-fraxil/
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)












