sábado, 28 de outubro de 2017

Palabras de auga de Marcos Calveiro no club de 1º de ESO grupo 2.


Lecturas man a man, chocolate e moita ilusión o xoves na biblio para comezar a andaina lectora dos rapaces e rapazas de 1º de ESO grupo 2.

Puntualísimos esperaban a súa coordinadora coa sorpresa debuxada nos ollos: Que vai ser isto do club de lectura?

Explicamos, repartimos os contratos de responsabilidade, comemos boliñas de chocolate (non quedou ningunha) e presentamos esta obriña de Marcos Calveiro que aínda que xa foi publicada hai uns aniños segue a ser unha boa aposta para gozar da súa lectura nun club e comentar, profundar nela e analizala.


Esperamos que gocen de compartir lecturas este curso e que lles guste a novela.

Entrevista de Montse Dopico a Marcos Calveiro (escolma):

O tema de fondo é a loita pola supervivencia dunha tribo á que lle quitaron as súas terras…

É que nós tamén pertencemos a unha cultura ao bordo da extinción. Cada vez temos máis problemas e o tema da lingua é un bo exemplo. A min aínda me seguen preguntando por que escribo en galego. Por iso o libro pode ter algo de reflexo de como me sinto ás veces. Ademais, no fondo todas as culturas minorizadas se parecen, viven dificultades semellantes. O que pasa é que eu teño certa tendencia a escapar de Galicia para falar dela. Digamos que o meu camiño vai do global ao local, e non ao revés. Cando falo de que as mulleres africanas son o alicerce do clan malia estaren relegadas socialmente, tamén estou falando das mulleres da sociedade rural tradicional galega. Todos somos seres humanos, e non somos tan diferentes.

Outro dos piares do libro é a preocupación polo medio natural: os incendios, a destrución da paisaxe coas minas. E a ruptura desa relación tan estreita coa natureza que tiñan as sociedades rurais.

Iso é unha preocupación persoal tamén. O mundo labrego é de onde nacen as culturas. E ese mundo está esmorecendo, como tan ben contaron John Berger e outros autores. Hai rapaces de Vigo que xa perderon o contacto con ese mundo rural. E se ese mundo esmorece vanse con el moitas partes importantes da nosa cultura. Só hai que pensar por exemplo en todo o vocabulario que se perde. Ademais, é certo que sempre estamos contando a mesma historia, entón reflectimos o que nos preocupa. É o que fai Philip Roth, ou Paul Auster -e non me estou comparando con eles literariamente-. Cando escribimos non podemos ser outros, só podemos ser nós, e escribimos desde as nosas circunstancias.





Ningún comentario:

Publicar un comentario