xoves, 12 de outubro de 2017

DE LECTURAS E CULTIVOS ESCOLARES; JULES VERNE, AS MULLERES PLANTA E O HORTO ESCOLAR.



Este curso lector imos centrar moitas das nosas lecturas arredor da obra do escritor francés JulesVerne e dalgunhas novelas que xiran tamén sobre o autor e o seu mundo coma personaxe:  
"Viaxe ao centro da terra", "Around the World in 80 Days" de Jules   Verne por citar algunhas ou a obra de Ledicia Costas " Xulio  Verne e a vida das mulleres planta" (en galego e en castelán).


E coas plantas e a terra quixemos relacionar as nosas futuras lecturas a través dun proxecto que se está a desenvolver no noso centro desde o curso pasado: "O horto escolar";  desexamos que lecturas e terra sexan as sementes deste curso lector que agora comezamos e xa que logo queremos que o noso horto literario se vexa tan vizoso coma o noso horto escolar.



Pois logo collemos os libros e levámolos connosco a "O Verxel" (que é o nome do noso hortiño) e alí cobraron vida e decidiron rubir polas tomateiras, polas cabaceiras en flor, pousar ao lado das verdes leitugas e das cebolas e non marchar de volta á biblioteca sen aromatizarse co romeu, a menta e outros ricos olores que daquelas prantiñas saían.

Xa de volta nos andeis, as lecturas reunidas en asamblea decidiron que pedirían aos seus lectores que os achegasen de novo ao horto nas mans.    



Ningún comentario:

Publicar un comentario