martes, 31 de outubro de 2017

TODO CANTO FOMOS DE XOSÉ MONTEAGUDO nos clubs de 2º de bacharelato (grupos 1,2 e 3).


Unha chea de rapaces e rapazas de 2º de bacharelato (45 repartidos en tres grupos) que desexan compartir lecturas e aprender algo máis de "todo canto fomos" na nosa vila  da man dos personaxes de ficción protagonistas da novela e de algúns outros reais coma Castelao ou Bóveda que pasean a vida polas rúas  de Pontevedra.

 Unha chea de vidas que pouco a pouco van ir tecendo a urdidura ata completar un cadro completo da historia do noso país :

“Todo canto fomos“de Xosé Monteagudo é unha marabillosa historia de historias; poderiamos dicir que tras a trama ou historia principal agóchase a historia da Galicia desde finais do século XIX (a emigración), primeiros anos dos século XX( a Segunda República, as Irmandades, o Estatuto) a Guerra Civil, a represión e o Réxime Franquista ata a actualidade. Non sei cal das dúas ten máis peso, a dos personaxes ou a que subxace por tras deles, a nosa Historia.

Cun didactismo que ben podería encadrarse cos obxectivos das Irmandades de Fala “Todo canto fomos” é un manual novelado de historia, de filosofía, de política, de humanidade… os personaxes que fan dela unha obra coral son parte fundamental do desenvolvemento de feitos históricos moi relevantes para podermos entender e valorar  sociedade galega actual.

Esperemos que estes mozos e mozas de segundo de bacharelato gocen da súa lectura e desfruten falando e compartindo as súas apreciacións sobre ela.

Desexámoslles unha feliz singradura polas súas páxinas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario