Amosando publicacións coa etiqueta presentación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta presentación. Amosar todas as publicacións

martes, 31 de outubro de 2017

E tamén temos un CLUB DE LECTURA DE ADULTOS ...



Onte presentamos o club de lectura de adultos Nube de palabras do Sánchez Cantón; animados e animadas, a pesar do cansazo da tarde do luns houbo tempo para falar de libros, organizarnos e programar lecturas e de cafés para acompañalas.

Este trimestre decidimos facer dúas lecturas en común, moi diferentes en canto a temática e linguas pois unha é en galego e outra en castelán:

  • A Arte de trobar de Santiago Lopo.
  • Despois do amor de Sonsoles Ónega.

A idea é dividirnos en dous grupos, cada un le unha obra e ao remate facer o cambio; para a próxima reunión teremos a posta en común das dúas obras.

Feliz andaina lectora para todos.

martes, 24 de outubro de 2017

Presentación do club de 4º de ESO


Despois da degustación literaria que tivemos o pasado luns e cun sabor aínda doce na boca, hoxe tivemos na biblioteca a primeira sesión do club de lectura de 4º de ESO; conxuntamente con Carme Mouriño que vai ser a coordinadora deste grupo, presentamos o club para os novo membros, repartimos contratos lectores, marcapáxinas e a nova lectura que nos vai acompañar neste trimestre: 

Xa non estou aquí de Iria Misa, obra pola que a autora recibiu o premio Jules Verne de literatura xuvenil 2016.

A novela cóntanos a historia de Ánxela, unha adolescente, e do seu grupo de amigos que viven buscando o pracer polo pracer. A desaparición de Ánxela é o motor que provoca que todos vaian tirando do fío ata desfacer o nobelo que esconde a trama.

Os protagonistas son personaxes desarraigados, produto de familias rotas de clase media acomodada  que se sinten perdidos no mundo que viven. A amistade, a homosexualidade na adolescencia, o mundo das drogas, os riscos e as subidas de adrenalima son temas que pairan sobre a novela que presenta unha estrutura moi interesante que pon en  destaque a individualidade e o poder do grupo a través do narrador colectivo.

Unha crítica á sociedade do benestar que "perde de vista"aos seus fillos aos que non é quen de protexer.

Pactamos a sección de lectura ata a próxima sesión e fixemos unhas fotos para o futuro.