venres, 24 de xaneiro de 2020

Paseo literario: Roteiro coa profesora Stefanie Bauer.



O club de 1º de Bacharelato conduciu á profesora alemá Stefanie Bauer, profesora de intercambio de Bonn, nun percorrido polos textos literarios e os seus espazos en Pontevedra.

Esta mañá  realizamos unha incursión lectora polas rúas de Pontevedra coa idea de aportar unha visión literaria da nosa cidade á profesora alemá que nos visita estes días.
Paradas nos lugares e textos: O Ravachol ou a igrexa de Santa María con Torrente Ballester, a praza de Méndez Nuñez de Valle Inclán, a igrexa de San Francisco con Paio Gomes Chariño, as prazas da cidade con Castelao, a Ferrería con Amado Carballo... e a nosa convidada escoitou, preguntou e respectou a nosa cultura e á nosa lingua, as nosas letras.

Un café quentiño a carón de San Domingos rematou este fermoso paseo/ convivencia lectora, ao que a profesora correspondeu agasallando ao alumnado cuns saborosos caramelos da Alemaña.





martes, 21 de xaneiro de 2020

Andainas lectoras II: 2º trimestre.



Grazas á asignación de fondos recibidos do programa de clubs de lectura da Consellería de Educación


 puidemos realizar unha importante compra de novidades lectoras para os nosos clubs, unha moi boa nova para todos os que participamos destes grupos lectores e que agradecemos de corazón.
As lecturas deste trimestre son pois:

1º de ESO:
Grupo A: Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra y Fabra.
Grupo B: Conta nove estrelas de Andrea Maceiras.
Grupo C: El asesinato de la profesora de lengua de  Jordi Sierra y Fabra.

Grupo de inglés: Little women de Louisa May Alcott (adaptación)

3º de ESO:  
Atranco no banco de Manuel Núñez Singala.

4º ESO:
Grupo A: DX de Eli Ríos.
Grupo B: O que sei do silencio de Andrea Maceiras.
Grupo linguas clásicas: Libro das alquimias de Xesús Constela.

1º Bacharelato:
Grupo A ( 1º e 2º bach.): A arte de trobar de Santiago Lopo.
Grupo B: A historia interminable de Michael Hende (en galego)
Grupo C: Tu contas, eu conto de Susana Aríns.

Grupo de igualdade: Senlleiras de Antía Yáñez.


E agora a desfrutar das lecturas... e tamén do cine:


"O som das cores" de Jimmy Liao no club de lectura.

Cando a luz desaparece, a soidade e o medo poden achegarnos ao "som das cores" e a luz e a harmonía poden chegar a iluminar o camiño.
O som das cores, álbum do ilustrador taiwanés Jimmy Liao, foi escollido polo noso club como lectura inclusiva para achegarnos ao mundo da protagonista que ao cumprir 15 anos queda cega; a maiores de gozar das fermosas imaxes e da grande sensibilidade e imaxinación do autor, coa selección deste título queriamos poñernos na pel da protagonista, sentir o seu medo e a súa soidade para comprendela, empatizar coa personaxe e descubrir un camiño no que o son pode facernos sentir as cores do mundo que nos rodea a pesar da escuridade.
Di Rainer Maria Rilke no seu poema "A cega":

Agora xa non teño que pasar sin iso:
todas as colores tradúcense
en sons e olores.
E resoan como melodías
de beleza infinita.

Así mesmo a nosa rapaza protagonista  pasa da escuridade do metro (entre a realidade e a imaxinación) a escoitar o son e precibir as cores que producen espazos e seres, realidades e fantasías que vai atopando ao saír por distintas bocas do metro: páxinas nas que a cor e as figuras son verdadeira poesía en imaxes.

Coma noutras obras de Jimmy Liao tamén aquí está presente a influencia de pintores impresionistas, surrealistas e a representación de imaxes do mundo real. Grazas á colaboración do noso compañeiro e profesor de historia Humberto Martínez Gargamala, puidemos identificar moitos deses paralelismos pictóricos que son referentes artísticos no álbum e desfrutar deles nesta presentación de diapositivas da súa autoría coa que nos agasallou:




Relacionamos tamén este album con outras dúas xoias moi inclusivas que recomendamos para complementar a súa lectura:

Resultado de imaxes para album ilustrado con figuras em braille