xoves, 20 de decembro de 2018

Visitounos Xosé Monteagudo para falar de "Todo canto fomos".


O pasado 17 de decembro, o alumnado dos clubs de 2º de bacharelato recibimos ilusionados a visita do escritor Xosé Monteagudo para falar da súa novela "Todo canto fomos"; coa amabilidade que lle é habitual e con moita paciencia o escritor foi respondendo a todas as nosa preguntas sobre a trama da novela, os personaxes, a ambientación e sobre o proceso da escrita.

Preguntas sobre a dificultade que conleva escribir sobre feitos reais e mesmo introducir personaxes históricos na trama da obra servíronnos para valorar o importante proceso de documentación que o autor debe facer antes de escribir e o respecto con que se deben tratar a estes personaxes.

Moi emotivo foi cando presentamos a Xosé Monteagudo a Aarón Fontán, o noso compañeiro escritor ( https://saladelecturasc.blogspot.com/2018/11/testigos-de-la-verdad-de-aaron-fontan.html ) , e con canta delicadeza lle recomendou escribir e escribir como mellor consello para ser escritor.

Seica cada vez que nos visita Xosé Monteagudo trae da man a Carlota ( a nosa personaxe preferida) e aos demais personaxes de Todo canto fomos que non nos cansamos de escoitalo.

Moitas Grazas Xosé Monteagudo.




mércores, 10 de outubro de 2018

Programación de lecturas para o primeiro trimestre "Nube de palabras"





Á espera de que se publiquen dous libros de poesía polos que agardamos con moita ilusión 💙, a narrativa é o xénero que vai dominar a programación lectora deste primeiro trimestre, é a narrativa en lingua galega xa que logo os grupos en lingua galega son os máis numerosos.




PRIMEIRO TRIMESTRE:

1º de ESO, narrativa en galego:
Grupo A: "O torques de ouro" de Lourdes Maceiras.
Grupo B: " Corredora" de María Reimóndez.

2º de ESO, narrativa en galego:
Grupo A (lectores avanzados): "A balada dos Unicornios" de Ledicia Costas.
Grupo B: Lectura por determinar.

3º de ESO:
Grupo A, narrativa en galego: "22 segundos" de Eva Mejuto.
Grupo A, inglés: "A Sherlock Homes Collection"
 Grupo B, inglés: "A Sherlock Homes Collection"
Grupo A, narrativa en castelán: "El gran sueño" de Jordi Sierra y Fabra.

4º de ESO:
Grupo A, narrativa en galego: "O libro das alquimias" de Xesús Constela.
 Grupo B, narrativa en galego: "O que sei do silencio" de Andrea Maceiras.
Grupo C, narrativa en galego: "22 segundos" de Eva Mejuto
Grupo D, narrativa en galego: "Corredores de sombras" de Agustín Fernádez Paz
Grupos A e B de francés: “ A volta ao mundo en 80 días” de Jules Verne.

Mixto 1º de bacharelato:
"O kilix dos deuses"de Nicanor Alonso Álvarez.

2º de bacharelato, narrativa en galego:
Grupo A: "Invisibles" de Montserrat Fajardo.
Grupo C: "Resistencia" de Rosa Aneiros.
Grupo D: "Bonus track" de Rosalía Fernández Rial.
Grupo B: "A arte de trobar" de Santiago Lopo.

Grupo de profesorado e persoal non docente:
"A nena do abrigo de astracán" de Xabier P. Do Campo.

Grupos de pais e nais:
Lectura sen determinar á espera que se celebre a asamblea da ANPA.

Quen afirma que os adolescentes non len ? Clubs de lectura do curso 2018/19 "NUBE DE PALABRAS"

Cos seguintes datos estatísticos demostramos que "A RAPAZADA LE"  ...
e se hai quen o dubide que se pase pola biblioteca do IES SÁNCHEZ CANTÓN por exemplo un xoves, e verán 5 grupos lectores falando de lecturas... 

E seguimos a crecer, neste IES Sánchez Cantón, todo é ao grande : Case mil alumnos e alumnas matriculados no centro, aproximadamente,  e 234 alumnos e alumnas que participarán nos distintos grupos lectores este curso (aproximadamente un 25% do alumnado). 

19 grupos lectores - ALUMNADO- repartidos en:

  • Temáticamente:

- Narrativa en galego. (14)
- Lingua inglesa (2)
- Lingua francesa (2)
- Lingua española(1)

  • Cursos:

-1º de ESO (2)
-2º ESO (2)
-3º ESO (4)
-4º ESO (6)
-1º bacharelato (1)
-2º bacharelato (4)


  • 3 grupos lectores de adultos (2 de pais e un de profesores e persoal non docente).



  • 11 profesores mediadores de lectura pertencentes a departamentos moi variados: 

Lingua galega (2)
Lingua española (1)
Lingua inglesa (2)
Lingua francesa (1)
Linguas clásicas (1)
Relixión (1)
Tecnoloxía/TIC (1)
Sociais (2)

E asegúrovos que a coordinadora tivo que facer "encaixe de bolillos" para axustar grupos, cambios, amizades, selección de lecturas, petición de préstamo interbibliotecario a outras bibliotecas escolares ( vaia o noso agradecemento ás bibliotecas do IES Pino Manso de Porriño, do IES San Paio de Tui e do IES A Xunqueira II de Pontevedra, e ás e aos seus colaboradores e pacientes organizadores,e á incondicional coordinadora dos clubs do IES Joham Carballeira de Bueu,  para as amigas que transportaron as lecturas, grazas mil para el e elas). 

Pero por fin, despois do papelame do proxecto para participar no programa de axudas aos clubs de lectura
Convocatoria de Clubs de lectura en centros públicos de ensino secundario e outros. Curso 2018/2019)

Iniciativa que se encadra nas actuación para o fomento da lectura contempladas no Plan LÍA de bibliotecas escolares 2016-2020 (Lectura, Información, Aprendizaxe).

 esta semana comezamos cos CLUBS. 

domingo, 22 de abril de 2018

"Tendencias" Carlos Negro en 3 segundos.



O pasado xoves recibimos no noso insti ao poeta recentemente nomeado  "Premio dos clubs clubs de lectura 2018"
e a pesar dos inconvenientes da folga de estudiantes puidemos desfrutar do seu obradoiro de poesía. E así foi coma o presentamos aos nosos compañeiros:





" CARLOS NEGRO é poeta, mestre e "muller de conto":

  •  CARLOS escolleu os versos para falar cos adolescentes, para transmitirlles a emoción, contaxialos coa beleza da palabra e facelos mirar cara a dentro, Carlos é POETA... coma Frederiko.
  • CARLOS sente coa súa rapazada, comunica, xoga coas palabras para namorala da literatura galega; docemente, co sabor do chocolate entrégalles haikus, achégaos á fermosura e á sabedoría. Carlos é MESTRE.
  • CARLOS é unha muller "penúltimas tendencias" que se busca a si mesma e que nos mira en "masculino singular". É el pero é ela, o home-muller do futuro. Carlos é unha MULLER DE CONTO.
IN XOCHILT, IN CUICAT
(FLOR E CANTO)

GRAZAS MIL, CARLOS NEGRO.




















sábado, 21 de abril de 2018

I ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA. O SALÓN DO LIBRO.

( alumnado dos nosos clubs de 1º e 2º de ESO)

Hai anos xa que a comunidade educativa de secundaria viñamos solicitándolle aos organizadores do Salón do libro, que xestionaran actividades arredor do salón, máis axustadas á súa idade; a organización deste ano "Mulleres de conto" agasallounos con este encontro de rapazada de clubs de lectura procedente de diferentes puntos de Galicia (Porto do Son, Neda, Catoira, Pontevedra, Bueu e Vilagarcía) no que tivemos o pracer de participar.

Comezamos a mañá con bicos, abrazos e benvidas, como debe ser, e Marta e Eric, Canela Cafuné, foron os nosos anfitrións para poñer calornos primeiros momentos co seu espectáculo "Non son fada nen princesa", reflexións, música e unha canción xa case convertida en himno.

Continuamos cunha gymkana literaria, 30 minutos compartidos nun obradoiro cun elenco de luxo: María Reimóndez  (a muller e o deporte), Ledicia Costas ( a nosa querida Escarlatina), Fran Alonso ( cos seus "Street Poems"), Tamara Andrés (versos desde Antiochia) e Anxo Fariña (a ilustración dos Megatoxos); misturados rapaces e rapazas de todos os clubs por números e cores, os seus rostros emocionados falaban por si sós. Encantados falaban logo das súas experiencias e obradoiros e valoraban a súa aprendizaxe e intercambiaban opinións. 

E as profes coordinadoras aproveitamos para ver, observar os obradoiros e aprender, para compartir experiencias e datos do noso labor entre nós e daquí saíron: intercambio de materiais, unha proposta de encontro entre clubs, marcapáxinas, recomendacións lectoras e tamén reflexións sobre a oferta editorial en LIX en galego, carencias e desexos.

Un xantar de confraternización, firma de libros e unha visita ao Salón, fixeron que as nosas perspectivas para o desfrute e aprendizaxe da actividade foran superadas. 

Queremos agradecer á Eva Mejuto e o seu equipo, o seu labor e o seu compromiso coa lectura e cos adolescentes, á Concellalía de Pontevedra polo gran esforzo que se fai co Salón do Libro e... a todos e todas os participantes  parabéns pola lectura que nos une.





sábado, 7 de abril de 2018

Preparamos o encontro coa narradora mexicana: María García Esperón.


O vindeiro luns vainos visitar María García Esperón e de seguro que desfrutaremos moitísimo desta xuntanza lectora pois sei ben de certo que trae unha caixiña chea de historias marabillosas para relatarnos, as cales nos axudarán a coñecer  e a comprender a mestizaxe de culturas, o punto de encontro de linguas diversas que se dá no seu país México.

(alfabeto azteca)

Falaranos de Moctezuma e do respecto polas culturas indíxenas, do elemento enriquecedor que a cultura española aportou do outro lado do océano e da maridaxe, da convivencia entre todas. 

Vaia por diante este exemplo, extraído de "Mi abuelo Moctezuma":

" - ¿Quienes hablan náhualt?
- La gente de los pueblos. Y no le dicen "nahualt" sino "mexicano". Pero la hablan entre ellos. Cuando vienen a la capital todos hablan español.
-Entonces- concluyó Francisco-  la gente de los pueblos es bilingüe.
Norberto dijo que nunca se lo había planteado de esa manera. El término "bilingüe" se aplicaba más bien a quienes hablaban español e inglés. Nunca se había encontrado con nadie que considerara al nahualt o mexicano un idioma. Para Norberto la lengua de sus padres, la lengua ancestral de los tlaxcaltecas, había sido simplemente un modo de hablar... Y ahora que Francisco lo hacía reflexionar, pensaba que había sido un modo de hablar en secreto."




E ide con tino que seica María tamén nos trae de México un tigre...


martes, 3 de abril de 2018

3º TRIMESTRE: ACTIVIDADES PARA O MES DO LIBRO E OBRAS DE LECTURA.


Uns lectores e unhas lecturas,  moi viaxeiros:

Pois temos xa, en marcha as lecturas para o terceiro trimestre: Basicamente o que faremos é intercambiar, ente os distintos grupos, lecturas e introducir algunhas novas xa que o presuposto vaise acabandoooo.

Este trimestre seremos un club moi internacional pois coas lecturas viaxaremos por Brasil, Grecia, México, Galicia, Etiopía... que máis se pode pedir para despedir o curso.

Nos clubs de 2º de bacharelato leremos:
  • Invisibles de Montse Fajardo. (sobre o tema do maltrato) . No grupo A-B-E 
  • A praia dos afogados de Domingo Villar. (novela policíaca e de suspense). No grupo D.
  • A dúbida de María Reimóndez. ( sobre o tema dos abusos a menores). No grupo C


(Montse Fajardo na biblioteca do Sánchez presentando Invisibles)


No club do CGTD lerán: Xa non estou aquí de Iria Misa (novela sobre os problemas dos adolescentes) e 22 segundos de Eva Mejuto.

Nos clubs de 1º de ESO,:
  •  Corredora de María Reimóndez e as dificultades da muller para sobrevivir en Etiopía.
  • Xulio Verne e a vida das mulleres planta de Ledicia Costas ( unha fermosa historia de fantasía na que un dos personaxes é o famoso escritor Jules Verne). 
Nos clubs de 2º de ESO leremos:
  • A miña planta de laranxa lima de Jose Mauro de Vasconcelos que nos levará ata o Brasil.
  • Mi abuelo Moctezuma de María García Esperón que nos transportará a México.
No club de 4º de ESO lerán:
  • 22 segundos de Eva Mejuto ( Cando naces nun corpo no que te sintes estraño...)
Nos clubs de 1º de bacharelato leremos:
  • O Kilix dos deuses de Nicanor Alonso Álvarez unha historia detectivesca na Grecia que nos arrastrará ao mundo clásico e ás matemáticas.
  • A arte de trobar de Santiago Lopo. Do sur de Francia, desde terras provenzais e aquitanas ata a nosa Galicia polo camiño francés de Santiago.
E máis lecturas as dos clubs de inglés, francés e español que seguirán profundando na obra do escritor Jules Verne.


No club de adultos estamos lendo:

O MES DO LIBRO NOS CLUBS DE LECTURA: 


E como actividades complementarias,  o mes de abril será de ALTO NIVEL:

Visitaranos Carlos Negro ( cantas ganiñas de recibilo e gozar da súa poesía), María García Esperón desde México nos trae a Moctezuma ( de seguro que falaremos con ela sobre colonización e diversidade lingüística) , os clubs de 1º e 2º de ESO teremos un encontro no Salón do libro con Ledicia Costas, Tamara Andrés, Fran Alonso... ( un elenco de alto nivel),  o club de 4ª asistirá a unha actividade de cine fórum con Fina Casalderrey  sobre "Querido Tomás" de Xosé Neira Vilas... De certo que con este programa celebraremos o mes do libro por todo o altoooooo.

E tamén poderemos reencontrarnos cos nosos clubs de lectura preferidos: do CEIP Progreso, do Fernando Esquío, do Joham Carballeira e do IES Castrove... unindo mundos lectores de Catoira, de Bueu, de Neda e de Vilagarcía... que ben que o imos pasar.

E os profes COORDINADORES asistiremos ás Xornadas de lectura: "A lectura é unha arma para o futuro"  e ao " I Congreso de Mediación lectora" no marco do salón do libro, que nós tamén temos dereito a formarnos... na LECTURA.

http://www.salondolibro.gal/

Bon appétit para todos e todas.

domingo, 1 de abril de 2018

Vídeo da X Xornada dos Clubs de lectura.

Veñen de publicarse os vídeos da X Xornada dos clubs de lectura (Compostela, Xuño 2018) na que participamos, en concreto estivemos representados no obradoiro "sobre como facer un programa piloto, a cargo de Óscar López e máis un grupo de alumnas e alumnos de diversos Clubs de lectura".

Alí estivo Alberto (clubs de lectura de 2ºde ESO) representando ao noso club " Nube de palabras" do IES Sánchez Cantón... e que ben o fixo... cáseque levou el só moitos dos aplausos do público:




mércores, 21 de marzo de 2018

De México á biblioteca do Sánchez: Mi abuelo Moctezuma de María García Esperón.


" El destino es un espejo negro a sangre y a fuego, a agua y a palabra"

E o destino destes libros era chegar a nós e xa temos na biblioteca do Sánchez os exemplares de "Mi abuelo Moctezuma" desde o corazón de México e cargadiño de fermosas historias e aventuras.

Foi un gustazo recibilo e depositar o primeiro exemplar nas mans de Sabela, unha das mellores lectoras de 1º de ESO, que de certo sabemos vai desfrutar estas vacacións da novela e que vai facer unha lectura moi atenta para logo compartir as súas impresións coa autora.

Benvida sexa a literatura mexicana á nosa Galicia, lecturas que nos unen e nos achegan, a un e otro lado do océano.

mércores, 7 de marzo de 2018

INVISIBLES: Encontro lector coa escritora Montserrat Fajardo e a Concelleira da muller, Carmen Fouces. Actos reivindicativos arredor do 8 de Marzo.


No día de onte, o alumnado do club de lectura de 2º da ESO e do Consello da Muller Nova do noso IES participou na biblioteca nun emotivo encontro con Montse Fajardo a autora da lectura deste trimestre no club INVISIBLES (escollida desta vez polo propio alumnado).

Difícil é concentrar en poucas liñas o duro que resultou este encontro para todos e todas nós polo tema central do libro - o maltrato e a situación das mulleres que o sofren-  tendo en conta a boa comunicación que se estableceu entre o auditorio - a autora - a sra. concelleira.

Falamos da invisibilidade destas mulleres que sofren en silencio, de asasinatos, de maltrato psicolóxico, de xustiza, de vítimas... de Eva, de Mariluz,  de Tina, de Irene, de Marga, de Begoña presentes no encontro na voz de Montse e de Carmen... coma se soe dicir coloquialmente todas e todos cos sentimentos a flor de pel, as bágoas, os silencios... o encontro coa autora que nos encolleu o corazón.

Unha lección do alumnado reivindicando información, coñecemento, que se lles permita decidir e opinar... alzaron as súas voces con forza e enerxía e prendeu en nós os adultos presentes a esperanza e confianza nestas xeracións do futuro; grazas mil ás voces de muller, de Montse e de Carmen por facelo posible.

Hoxe o libro rulaba xa entre alumnas e alumnos que non pertencen aos clubs nen ao CMN, nunca tal vin, só quedaban dous exemplares disponibles... e mañá seremos moitos  e moitas os que recitaremos, falaremos, cantaremos... no acto que entre todos e todas preparamos para que mulleres coma Mariluz, Eva, Begoña... NUNCA MÁIS SEXAN INVISIBLES.








martes, 27 de febreiro de 2018

Paseo literario por París: "Hai cidades que teñen que ver cos lugares e coas historias..." viaxamos con Mercedes Corbillón.

"Andábamos sin buscarnos pero andábamos para encontrarnos" Rayuela. Julio Cortázar.




Mercedes Corbillón, super libreira, super amante das lecturas, super amante das viaxes conduciu o noso Paseo Literario pola cidade de París: "A min gústame cando vou de viaxe levar unha maleta chea de lecturas de autores que sexan do lugar ou que transcorran nese espazo".


E desfrutamos de acompañala neste paseo: " Na historia das novelas e da propia literatura, non sempre as cidades quedan representadas polos autores locais, a gran novela de París é Rayuela de Cortazar, obra de difícil lectura  mesmo para adultos pero que se pode petiscar por calquera páxina e desfrutar da lectura, da historia de amor entre a Maga e Horacio Oliveira.

Mercedes tamén nos achegou aos cemiterios das cidades, no cemiterio de Montparnasse visitamos a tumba de de Cortazar e Carol sempre chea de cunchiñas, de marcapáxinas, de flores.  

...( Pausamos a visita para ler o capítulo nº 7 de Rayuela)...



"No cemiterio de Montparnasse atopamos tamén a tumba de Sartre e Simone de Beauvoir, filósofos existencialistas eela piar do feminismo coa súa obra O segundo sexo...

E continuamos a andaina polos cafés ( o café do Fiore), librerías ("Shakespeare and company" cuxa libreira Silvia Beach publicou o Ulises de James Joyce), e polas referencias literarias:

Ana Gavalda con Xuntos e máis nada, Patrick Modiano e as súas novelas nas que París é tan protagonista coma os propios personaxes, Inma López Silva e Memoria de cidades sen luz, Enrique Vila Matas con París non se acaba nunca, Rosa Aneiros e Ámote Leo A.,  Boris Vian con La espuma de los días e moit@s máis...





Un verdadeiro pracer esta andaina parisina e literaria, de libros, de lecturas grazas á compañía deste marabillosa guía turística que nos contaxiou o seu amor pola palabra literaria. Grazas mil, Mercedes.























domingo, 25 de febreiro de 2018

Preparándonos para o Paseo literario por París da man de Mercedes Corbillón.

Mañá teremos o pracer de recibir no noso centro á super-libreira Mercedes Corbillón que amablemente accedeu á nosa proposta de guiarnos nun paseo literario pola marabillosa cidade de París.

Estamos encantad@s de recibila xa que sabemos que imos gozar moito da actividade. Para ir abrindo boca estes son os materiais que preparamos seguindo as súas recomendacións:



martes, 20 de febreiro de 2018

Encontro lector con Ana Cabaleiro "Sapos e sereas"



No club de lectura de adultos tivemos onte o pracer de compartir impresións coa escritora Ana Cabaleiro, arredor da lectura da súa obra de relatos e obra primeira "Sapos e sereas".

Canto máis se goza da lectura dun libro despois de destripar as súas entrañas coa autora! Puidemos afondar nos temas dos relatos, nas interpretacións, nos personaxes... comentar a obriña chea de realidades, de simboloxías, da ambigüidade da vida mesma coa que a autora goza de xogar na escrita.

E con Ana Cabaleiro odiamos aos sapos, amamos as sereas (aínda que non compartimos a sede de vinganza), falamos do lobo, dos Reis Magos, de Groucho March... debatemos, analizamos e quedamos encantados e encantadas da amabilidade e paciencia da nosa autora.

A escritura en simbiose coa lectura para rematar falando da vida, dos adolescentes, do acoso, da violencia de xénero e moitos máis temas. Esperamos con espectación a súa próxima obra para desfrutar da súa lectura e volver compartila con ela.

 Un verdadeiro gustazo, grazas a ela e a Lucía que nos facilitou este encontro.





venres, 16 de febreiro de 2018

22 segundos para TRANSformar o mundo nos clubs de lectura de 1ºbacharelato.




E intentamos TRANSformar o noso pequeno recuncho do mundo en 22 segundos coa calor e o agarimo de Eva Mejuto e as voces e a música de Canela Cafuné; e foi en 1º persoa pois en primeira persoa está escrita a novela da escritora.



Esperabamos con ilusión esta visita tras a lectura da obra primeira de Eva e non nos decepcionou,  coa lectura de fragmentos do libro, as cancións de Marta e Eric, as reflexións, as miradas adolescentes (inquisitivas e concentradas), o encontro desta mañá na biblioteca  foi unha gozada, unha apertura á diversidade e ao respecto mentras que coas cancións e as palabras alonxabamos de nós os prexuízos.

E berramos con Eric que queremos ser nós mesmos en liberdade.









mércores, 17 de xaneiro de 2018

Novas lecturas para o segundo trimestre.

E xa temos en marcha as lecturas para o segundo trimestre:


Nos clubs de 2º de bacharelato leremos:
  • Invisibles de Montse Fajardo. (sobre o tema do maltrato) - Compartindo lectura co Consello da Muller Nova do noso instituto. 
  • A praia dos afogados de Domingo Villar. (novela policíaca e de suspense)
  • A dúbida de María Reimóndez. ( sobre o tema dos abusos a menores)


(Presentación de "Invisibles" de Montse Fajardo)


No club do CGTD lerán: Xa non estou aquí de Iria Misa (novela sobre os problemas dos adolescentes) 

Nos clubs de 1º de ESO, intercambian os libros entre eles:
  • Palabras de auga de Marcos Calveiro. (sobre os problemas dos nenos en África).
  • O neno inverno de María Canosa (sobre a incomprensión ante a diversidade).
Nos clubs de 2º de ESO leremos:
No club de 4º de ESO lerán:
  • Anágnorise de Mª Victoria Moreno ( os problemas e a incomprensión nos adolescentes da escritora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano) .
Nos clubs de 1º de bacharelato leremos:
E máis lecturas as dos clubs de inglés, francés e español que seguirán profundando na obra do escritor Jules Verne.

(Jessica lendo Invisibles).
No club de adultos estamos lendo:


venres, 12 de xaneiro de 2018

Encontro lector: Xosé Monteagudo dialoga co club de lectura de 2º de bacharelato arredor da súa novela "Todo canto fomos"


Estamos encantados coa visita que recibimos do escritor Xosé Monteagudo.
Rematada a lectura nos clubs de 2º de bacharelato da novela Todo canto fomos, o autor tivo a amabilidade de encontrarse con nós e responder con sabedoría e moita paciencia ao batallón de preguntas que lle fixemos; e estas son algunhas das cousiñas sobre a obra que nos contou.
  • Sobre os personaxes falounos de Amaro, o primeiro dos personaxes da historia que creou e que vive na historia as peripecias máis amplas; Cada personaxe foi creado coa súa historia de maneira autónoma e logo o escritor encaixou as súas historias. El sabe cando escribe como van rematar as súas historias e os personaxes evolucionan a medida que escribe, di que se fai un guión decomo han de evolucionar os personaxes estes perden vida. Os personaxes teñen que ter unha vida propia e acumular unhas reflexións propias.

  • O labor de documentación: Contounos que non lle gusta moito documentarse, o que lle gusta é escribir pero nesta novela o marco histórico e a xeografía condicionárono, por exemplo no tema da Illa de San Simón hai memoria dos presos que responde a realidade do que aconteceu alí.No tema da pesca houbo unha persoa que o ilustrou sobre como era esta nesa época.

  • En todas as novelas hai algo seu pero non responden á súa biografía, as experiencias que cada un ten fan que mude a súa forma de pensar e é o que trato de reflectir nos meus personaxes. Carlota é o personaxe que espertou máis simpatías entre os lectores, para creala inspireime en personaxes que viviron o que ela vive na novela, no ensino naquela época, o labor dun mestre como instrumento que pode cambiar a sociedade, non é un caso concreto senón varios.
  • Un escritor sempre escribe tres novelas: a que quere escribir, a que escribe e a que pensa que escribiu, esta levoume cinco anos e absorbeulle tempo e enerxías.
  • Non cre que a función da novela sexa facer unha crítica, mais ben unha incitación á reflexión do lector, a interpretación da realidade segundo le.
  • Respecto do proceso da escrita dinos que hai unha primeira idea e logo pénsase ao escribir, non se planea previamente, para el é moi importante desenvolver a historia.
  • Tiña unha idea previa da estrutura, escribiu as historias sabendo que formaban parte da mesma historia pero non as encaixou ata o final do proceso.

" Quixen que a novela dese a voz aos que non tiveron voz"


E rematamos a sesión cunha fotiño para a lembranza e a acostumada sinatura de libros.