martes, 15 de febreiro de 2022

Fiando pintura e escrita: "Unha historia para un cadro".

Museo de Belas Artes da Coruña - Marina surrealista Urbano Lugris 1969  #museodebelasartescoruna #artegalega | Facebook                                                       

E fiando, fiando chegamos ao Museo de Belas Artes de A  Coruña e alí descubrimos a súa iniciativa "Unha historia para un cadro" na que publican unha serie de contos escritos por autoras e autor galegos en fermosa concordancia cun cadro da súa colección; son catro lenzos e catro libros:

Todos eles con ilustracións de XOSÉ COBAS, o ilustrador homenaxeado no Salón do Libro deste ano. 

( Atoparedes información sobre autores e obras clicando nos enlaces anteriores)

Estes libriños son ideais para o noso club pois ademais de desfrutar da maridaxe " imaxe pictórica e texto literario" permítenos achegarnos aos pintores e á súa obra, aprender a ler imaxes, ler e comentar os relatos e o poema en comunidade e coñecer o/-as autor/-as e mesmo ao Museo de Belas Artes de A Coruña.

E coma aprendizaxe queremos proporvos un reto, seguindo a proposta do Museo amosámosvos agora as imaxes duns cadros, debedes buscar o/-a  pintor/-a e aceptando o convide de Yolanda Castaño...

" Pero a esta beira do lenzo

 o tesouro máis valioso 

é que sempre haberá

quen con cadros, fotos, poemas

 ou facendo música ó cantar, 

de mil fermosas maneiras, outras historia poderá contar."

... pois aquí van as imaxes para que a partir delas "outras historias poidades contar" : 


 

mércores, 9 de febreiro de 2022

"DOUCHE A MIÑA PALABRA" de FRAN ALONSO ( A arte da palabra) e BEA GREGORES (A arte da ilustración).

 E seguimos traballando A ARTE de cara á chegada do Salón do libro (A ARTE. CON MOITA ARTE! ), neste caso A ARTE DA PALABRA: a escrita, a poesía, a literatura en xeral e a creada polo poeta FRAN ALONSO neste ensaio (fermosamente ilustrado por BEA GREGORES) dirixido á rapazada de 1º ciclo.

Douche a miña palabra.

Pasiño a pasiño, ao longo de 11 capítulos,  o escritor-o poeta  invítanos a pensar e dar voltas a temas como á finalidade da escrita, o oficio de ser escritor, a importancia da formación lectora, o desfrute das lecturas compartidas, a literatura e a poesía (...é un globo) e á lingua.

Unha obra moi necesaria e que favorece a compañía lectora pois se enriquece cos comentarios, sensacións, emocións compartidas polos seus lectores.

A rapazada do noso club de 1º de ESO B xa na primeira sesión arredor do libro, debateu e opinou en relación ao primeiro capítulo falando de respecto, dos sentimentos que acompañan á lectura, sobre cal é a literatura que nos desacouga ( mesmo achegaron exemplos), e sobre o concepto e contido da arte. Foi moi interesante escoitalos opinar sobre temas dos que realmente pensamos os adultos que están moi afastados,  mais aportan ideas e argumentos do máis creativo e interesante. 

E só foi a primeira sesión... acordamos pois, grabar as sesións para escoitalas ao rematar de ler o libro e facer unha valoración da súa aprendizaxe e desfrute, do crecemento persoal que lles vai aportar esta lectura.

E para non perdérmonos nadiña temos a nosa propia guía de lectura: 



Maridaxe nas artes (literatura, música e pintura) arredor de "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS" de MARCOS CALVEIRO.

 Nos clubs de lectura de 1º ESO C e B (grupo 2) estamos desfrutando da lectura de "O PINTOR DO SOMBREIRO DE MALVAS" de MARCOS CALVEIRO e aproveitando para gozar da concordancia que nos facilitan pintores, escritores e músicos e mesmo os museos.

Este concerto de letras (o texto de Calveiro), sons ( a canción de Don Maclean) e colores (Vicent Van Gogh) achéganos á  XXIII Edición do Salón do libro  Infantil e Xuvenil que ten coma lema "Con moita arte!"... e da man do rapaz protagonista  da novela de Calveiro (anónimo), de Vincent, da tía Jo Jo... viaxaremos a Auvers para acompañalos polas paisaxes dos cadros do pintor. 

E coma nos encanta a harmonía e a concordancia aquí temos a primeira mostra: 


Combinamos pois letras, son, cores e luz coas palabras da novela, poderedes realizar este reto???

    O museo Thyssen- Bornermisza no 2007  realizou unha exposición "Los últimos paisajes" recollendo os últimos cadros que Van Gogh pintou en Auvers que podedes ver no seguinte enlace:

LOS ÚLTIMOS PAISAJES

E no seguinte enlace atopamos información sobre Van Gogh en relación coa novela de Marcos Calveiro:


martes, 8 de febreiro de 2022

Sementando Flores de Ferro. María Rei Vilas.

 

No día de onte recibimos a visita na nosa biblioteca da escritora María Rei Vilas que se achegou desde Laracha para desenvolver dous encontros lectores, un coa rapazada do club de igualdade e o segundo con pais e nais deste alumnado e coas profesoras coordinadoras dos clubs.

María desvelounos como naceu nela a necesidade de contar esta historia, como a foi creando e fiando baseándose en datos históricos, en personaxes reais (ficcionados logo), en lugares, paisaxes e a vexetación da súa querida Costa da Morte.

Debateu cos e coas participantes que lle fixeron moitas e variadas preguntas, compartiron con ela a súa visión da novela, as súas emocións ao lela e a valoración tras a lectura. Foi moi interesante ver as imaxes coas que nos explicou o proceso de creación e documentación previo que realizou. O pai e a nai lectores que nos acompañaron tamén gozaron da lectura e da conversa coa autora o que nos amosa coma gustos e prácticas lectoras poden ser punto de encontro para a mocidade,  seus pais e as profes.

Como agasallo a rapazada do club creou un fermoso ramallete de flores de metal para agradecer a autora o esforzo da escrita e a súa enriquecedora visita. Ela agasallounos tamén cunha fermosa dedicatoria: 


Podedes visionar o encontro no seguinte vídeo: