martes, 19 de marzo de 2019

Eva Mejuto e o seu "Memoria do silencio" na TVG

No club de lectura de 4º de ESO B estamos lendo "Memoria do silencio" a última novela de Eva Mejuto e aquí tedes o enlace á entrevista que lle fixeron no zig zag onde se falan dalgunhas das claves interpretativas da novela:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/zigzag-4064225?t=277?t=278


domingo, 17 de marzo de 2019

O Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.





Xa os temos de novo aquí, Orbi e o Salón van encher as nosas vidas lectoras durante case un mes, a REVOLUCIÓN é o tema que une as nosas prácticas lectoras este ano e o país convidado será A LUSOFONÍA.

Os nosos clubs participaremos en actividades como encontros con escritores e escritoras como Marilar Aleixandre - A filla do Minotauro - 4º de ESO e 1º de Bach., Ana Pessoa - Mary Jonh- 4º de ESO B, Antonio Manuel Fraga - O bestiario de Anxos Nogueirosa - 4º ESO A/B, Marina Colassanti - O laberinto do vento- 1º e 2º de ESO, Eli Ríos - DX - 4º de ESO C... e algún máis por determinar; visitarannos, iremos visitar ao Salón, unha REVOLUCIÓN LECTORA que nos vai animar a ler e ler...



Tamén participaremos na Festa dos Clubs de lectura con clubs de Pontevedra e de fóra da cidade. Para que non vos perdadesningún evento deixámosvos a ligazón ao programa do Salón.

http://www.salondolibro.gal/programacion-2019/


Dámoslles os PARABÉNS e as GRAZAS, por contarcon nós, ao equipo organizador que moito leva traballado.  

ANA PESSOA achegará a Mary Jonh e a Rapariga Karateca ao noso club de lectura (Salón do Libro Infantil e xuvenil)


En breve, a escritora portuguesa Ana Pessoa visitará o noso club de lectura de 4º de ESO no marco das actividades programadas no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Para recibir a Ana Pessoa como merece, iniciamos a nosa particular REVOLUCIÓN LECTORA e  púxemonos a ler tolamente as dúas obras que ten publicadas Mary John e O caderno vermello da rapariga karateka e Ariadna de 4º de ESO B (superlectora) deixounos estas fermosas palabras sobre as súas impresións destes romances:


Mary John, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B 

Este libro encantoume polo seu enfoque orixinal: non se limita a narrar os problemas dunha rapaza que cambia de cidade e, grazas a esta mudanza, de vida; senón que mantén un ton poético e íntimo que fai del unha lectura única. Os sentimentos e as inquedanzas da protagonista exprésanse dun xeito tan cru e emotivo que te sentes dentro da súa pel, usando para iso unha serie de símbolos e metáforas recurrentes ao longo da obra que a embelecen enormemente. Desta forma, a fronteira entre a narración e a poesía dilúese.

Así e todo, gustaríame comentar que este libro está escrito en portugués, o cal non me supuxo ningún problema unha vez que comecei a ler: fun quen de sacar o pouco vocabulario que descoñecía polo contexto. Por esta razón, creo que non hai motivos para non ler en portugués e anímovos a probalo.


O caderno vermelho da rapariga karateca, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B


Este libro trata dos problemas da adolescencia dende unha perspectiva á que non estamos afeitos: fronte ás súas dúbidas, a protagonista emprega o método científico para tomar a mellor decisión ou para analizar os seus sentimentos e escribe sobre isto nun caderno vermello que semella ter vida propia, quizais coma unha parte do espírito creador dela, a escritora. 

Deste xeito, a súa lectura ensinoume que nada é tan cadrado como nos gustaría e que debemos abrir as nosas mentes ás novidades, sexan do tipo que sexan. Cómpre destacar tamén os pequenos relatos que se insiren na narración principal, dos cales salientaría o dos sinónimos.

Grazas a Ariadna polas súas recomendacións e xa sabedes a seguir lendo a Ana Pessoa.