En breve, a escritora portuguesa Ana Pessoa visitará o noso club de lectura de 4º de ESO no marco das actividades programadas no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Para recibir a Ana Pessoa como merece, iniciamos a nosa particular REVOLUCIÓN LECTORA e púxemonos a ler tolamente as dúas obras que ten publicadas Mary John e O caderno vermello da rapariga karateka e Ariadna de 4º de ESO B (superlectora) deixounos estas fermosas palabras sobre as súas impresións destes romances:
Mary John, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B
Este libro encantoume polo seu enfoque orixinal: non se limita a narrar os problemas dunha rapaza que cambia de cidade e, grazas a esta mudanza, de vida; senón que mantén un ton poético e íntimo que fai del unha lectura única. Os sentimentos e as inquedanzas da protagonista exprésanse dun xeito tan cru e emotivo que te sentes dentro da súa pel, usando para iso unha serie de símbolos e metáforas recurrentes ao longo da obra que a embelecen enormemente. Desta forma, a fronteira entre a narración e a poesía dilúese.Así e todo, gustaríame comentar que este libro está escrito en portugués, o cal non me supuxo ningún problema unha vez que comecei a ler: fun quen de sacar o pouco vocabulario que descoñecía polo contexto. Por esta razón, creo que non hai motivos para non ler en portugués e anímovos a probalo.
O caderno vermelho da rapariga karateca, Ana PessoaAriadna Lorenzo Poncela, 4º ESO B
Este libro trata dos problemas da adolescencia dende unha perspectiva á que non estamos afeitos: fronte ás súas dúbidas, a protagonista emprega o método científico para tomar a mellor decisión ou para analizar os seus sentimentos e escribe sobre isto nun caderno vermello que semella ter vida propia, quizais coma unha parte do espírito creador dela, a escritora.
Deste xeito, a súa lectura ensinoume que nada é tan cadrado como nos gustaría e que debemos abrir as nosas mentes ás novidades, sexan do tipo que sexan. Cómpre destacar tamén os pequenos relatos que se insiren na narración principal, dos cales salientaría o dos sinónimos.
Grazas a Ariadna polas súas recomendacións e xa sabedes a seguir lendo a Ana Pessoa.
Podedes atopar máis información das lecturas nos seguintes enlaces:
Ningún comentario:
Publicar un comentario