Amosando publicacións coa etiqueta Salon do Libro 25. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Salon do Libro 25. Amosar todas as publicacións

venres, 4 de abril de 2025

Asistimos ao fallo e entrega do Premio Lazarillo de creación literaria e álbum ilustrado


 A Organización Española Para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) anunciou o mércores pasado, 2 de abril, os gañadores dos Premios Lazarillo 2024, no marco do Salón Internacional do  Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro Infantil.

O Premio Lazarillo 2024 na modalidade de Creación Literaria foi outorgado a Cristina Alfonso Ibáñez pola obra titulada Quiero un dragón. O xurado valorou a orixinalidade da obra, que aborda cun toque humorístico e creativo a adopción responsable de animais. A novela destaca pola súa narrativa entretida e imaxinativa, que consegue atraer ao público máis novo.

Na modalidade de Álbum Ilustrado, os galardoados foron Nerea Pérez Gordo, ilustradora, e José Luis Mestre Sarrión (Pepe Mestre), escritor, pola súa obra conxunta Tres eran tres. A través da rima e do minimalismo, o álbum captura a esencia da diversión e a aventura en diálogos vibrantes e asombrosos.

O noso alumnado dos clubs de lectura de 1º de bach. desfrutou no Salón do Libro desta importante ceremonia de entrega de premios que por vez primeira saía de Madrid para vir a Pontevedra.

Neste acto puidemos ver a importantes persoeiras da LIX galega coma Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Elena Gallego Abad, o novelista Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz.








xoves, 3 de abril de 2025

Encontro lector con Lois Pérez arredor de "Cartas na escuridade"

 


O pasado mércores 2 de abril, o alumnado mantivo no Salón do Libro un encontro co escritor Lois Pérez, para falar arredor da súa novela Cartas na escuridade, gañadora do premio Mª Victoria Moreno de narrativa que previamente leramos e analizaramos nos nosos clubs de lectura de 1º bach.


Unha conversa amena e chea de contido, reflexións e  historias acompañounos neste encontro lector a partir da novela lida . Falamos con Lois Pérez de literatura, do mundo e da vida cun importante fondo musical e recomendacións de obras e cancións.







mércores, 2 de abril de 2025

PÚRPURA TERO, encontro literario con DAVID CORTIZO máis alá da galaxia.



 Realmente a maxia dos libros e do Salón do libro transpórtanos máis alá das estrelas e máis lonxe aínda cando o escritor e editor David Cortizo lévanos de viaxe por Púrpura Tero.

O alumnado dos clubs de lectura de 1º ESO B e E, reuníronse este martes 1 de abril co creador dos mundos fantáticos do planeta Púrpura Tero.

O encontro lector foi moi ameno e o autor respondeu as múltiples preguntas da rapazada sobre a novela, as motivacións e técnicas da escrita, escenarios, personaxes e tamén as influencias textuais e cinematogràficas que tivo.


Grazas ao Salón do Libro de Pontevedra, puidemos realizar este enriquecedor faladoiro e vaia o noso agradecemento ao Salón do Libro por proporcionarnos as fotos que ilustran esta recensión.



Ademais tivemos a sorte de ser o primeiro club de lectura co que se reunía o autor polo que todos desfrutamos desta sesión e puidemos celebrarmos xuntos o Día do LIbro.





Encontro lector con Fina Casalderrey

 


Marabilloso o encontro lector do alumnado de 1º de ESO coa nosa querida escritora e académica Fina Casalderrey. A conversa xirou arredor da obra da escritora e concretouse na novela lida polo alumnado O misterio dos fillos de Lúa

As imaxes son do Salón do Libro que foi o organizador deste encontro







luns, 31 de marzo de 2025

Imos ao cine: AS NEVES.

 


O luns os clubs de lectura de 1º de bacharelato asistimos a unha actividade de cine forum coa proxección do filme AS NEVES de Sonia Méndez.

A película gustou moito á rapzada, pola temática que trata unha problemática derivada da adolescencia e polo elenco constituído tamén por adolescentes. Logo do visionado do filme tivemos un interesante coloquio coa directora Sonia Méndez e coa protagonista Andrea Varela que moi amablemente responderon ás nosas preguntas.


Resultou que a directora da película tamén estudara no Sánchez Cantón polo que a empatía foi mutua entre os participantes na actividade.

Esta actividade foi organizada polo Salón do Libro de Pontevedra. grazas por convidarnos.



venres, 28 de marzo de 2025

SALÓN DO LIBRO: Festa dos Clubs de Lectura


 Coma xa somos habituais, os clubs de 1º , 2º e de 3º de ESO asistimos á Festa dos clubs de lectura que organiza o Salón do libro para os clubs de lectura de Secundaria de Pontevedra e arredores. 

Tras a presentación de cada un dos clubs participantes e a actuación dun contacontos de Cangas tivemos o sorteo de libros para os clubs que tanto emocionan á rapazada. 


Logo os clubs de 1º de Bacharelato puideron asistir á representación do musical Os miserables de Víctor Hugo, posta en escea maxistral do IES Illa de Ons de Bueu.

Grazas ao Salón por convidarnos xa que houbo festa para todos e todas, lectores dos nosos clubs de ESO e de Bacharelato.


sábado, 21 de abril de 2018

I ENCONTRO DE CLUBS DE LECTURA. O SALÓN DO LIBRO.

( alumnado dos nosos clubs de 1º e 2º de ESO)

Hai anos xa que a comunidade educativa de secundaria viñamos solicitándolle aos organizadores do Salón do libro, que xestionaran actividades arredor do salón, máis axustadas á súa idade; a organización deste ano "Mulleres de conto" agasallounos con este encontro de rapazada de clubs de lectura procedente de diferentes puntos de Galicia (Porto do Son, Neda, Catoira, Pontevedra, Bueu e Vilagarcía) no que tivemos o pracer de participar.

Comezamos a mañá con bicos, abrazos e benvidas, como debe ser, e Marta e Eric, Canela Cafuné, foron os nosos anfitrións para poñer calornos primeiros momentos co seu espectáculo "Non son fada nen princesa", reflexións, música e unha canción xa case convertida en himno.

Continuamos cunha gymkana literaria, 30 minutos compartidos nun obradoiro cun elenco de luxo: María Reimóndez  (a muller e o deporte), Ledicia Costas ( a nosa querida Escarlatina), Fran Alonso ( cos seus "Street Poems"), Tamara Andrés (versos desde Antiochia) e Anxo Fariña (a ilustración dos Megatoxos); misturados rapaces e rapazas de todos os clubs por números e cores, os seus rostros emocionados falaban por si sós. Encantados falaban logo das súas experiencias e obradoiros e valoraban a súa aprendizaxe e intercambiaban opinións. 

E as profes coordinadoras aproveitamos para ver, observar os obradoiros e aprender, para compartir experiencias e datos do noso labor entre nós e daquí saíron: intercambio de materiais, unha proposta de encontro entre clubs, marcapáxinas, recomendacións lectoras e tamén reflexións sobre a oferta editorial en LIX en galego, carencias e desexos.

Un xantar de confraternización, firma de libros e unha visita ao Salón, fixeron que as nosas perspectivas para o desfrute e aprendizaxe da actividade foran superadas. 

Queremos agradecer á Eva Mejuto e o seu equipo, o seu labor e o seu compromiso coa lectura e cos adolescentes, á Concellalía de Pontevedra polo gran esforzo que se fai co Salón do Libro e... a todos e todas os participantes  parabéns pola lectura que nos une.