Amosando publicacións coa etiqueta Memoria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Memoria. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de novembro de 2023

Entrevistamos ao historiador Pepe Álvarez. Memoria e lectura.



 
O pasado luns un grupo de mozas dos nosos clubs de 4º de ESO e 1º de Bacharelato puideron entrevistar ao historiador e profesor especialista no tema da represión na Ditadura Franquista,  Pepe Álvarez ao tempo que se gravaba un podcast para participar no programa de Memoria de elefanta (programa municipal de mocidade e Memoria). 

A conversa foi moi construtiva xa que lles aportou moita información sobre os represaliados e represaliadas na nos zona durande a Guerra Civil e posteriormente; faloulles das Asociación pola memoria e do traballo que realizan para visibilizar os casos e axudar ás familias no proceso de recuperación dos restos dos desaparecidos.

" Para poñer en valor algo, díxolles, primeiro hai que coñecelo, ler libros, ver documentais, contactar con asociacións, realizar proxectos en clase... sobre o tema (...) Hai que falar do pasado máis traumático, a Memoria explica o pasado e fai que entendamos o presente"

Pepe Álvarez agasallounos con copias de distintos documentos entre os que se atopaban a carta de despedida de Alexandre Bóveda á súa esposa ou a folla dun diario dunha costureira de Baiona presa na cadea en León. Tamén nos recomendou a que vai ser unha das nosas lecturas: 

Quen escribirá a miña historia? da escritora Iria Morgade Valcárcel recén publicada e que nos relata a historia do campo de concentración do Mosteiro de Oia, dos deseños e mensaxes que alí nas paredes realizaron os presos e dos asasinatos cometidos. 

Grazas mil ao profesor por achegarse á nosa biblioteca e responder ás nosas preguntas. 



xoves, 16 de decembro de 2021

"A nena lectora" de M. Rivas e S. Suniaga.

 


Pois o Nadal tamén é época de lecturas, e máis,  cando se conta cun álbum ilustrado tan fermoso e emotivo coma A NENA LECTORA, un álbum con aroma a MEMORIA no que a emotiva escrita de Manuel Rivas  empata marabillosamente coas ilustracións de Susana Suniaga.

Achegámonos á Coruña de comezos de século XX, ás traballadoras da Fábrica de tabaco e á NENA LECTORA que coas súas lecturas suaviza o duro traballo das mulleres ( Di Rivas que esta foi a historia que sempre quixo contar).