Amosando publicacións coa etiqueta Montse Fajardo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Montse Fajardo. Amosar todas as publicacións

venres, 21 de novembro de 2025

O club de lectura das familias: Encontro lector con Montse Fajardo "A vida incerta"

 


E coma remate dos actos Castelao, asistimos ao encontro lector con Montse Fajardo arredor do seu ensaio "A vida Incerta" sobre a personaxe de Virxinia Pereira . A semana anterior, despois da lectura, xa tiveramos a nosa sesión previa para preparar esta reunión lectora e realmente resultou moi gratificante comentar moitos dos datos que se nos contan no ensaio ( o exilio, as penurias vitais e económicas que sufriron, a loita polo patrimonio de ambos, a  reivindicación e defensa de Galicia, do galeguismo  e da República que Virxinia realiza tras a morte do escritor...).


O encontro lector desenvolveuse nun ambiente ideal (a libraría Nobel) e a escritora, xornalista e politóloga Montse Fajardo contestou a todas as nosas preguntas e máis, deunos unha gran lección de galeguismo, de visibilización e recoñecemento das mulleres represaliadas entre elas a protagonista da obra, Virxinia Pereira.





domingo, 14 de marzo de 2021

Falamos con MONTSE FAJARDO sobre INVISIBLES.

 


O 12 de marzo, na semana da MULLER recibimos no centro á xornalista e escritora Montse Fajardo para falarmos de INVISIBLES ( a lectura no club do 2º trimestre) e de violencia contra as mulleres e estas son algumhas da relexións que xenerou a lectura da obra e o noso diálogo con ela:

OS PERFÍS: 

  • Non hai un perfilque aúne ás vítimas da violencia machista, nin idade, nin clase social, nin nivel económico.
  • Non hai un comportamento nas mulleres que nos faga proclives á violencia machista.
AS ALARMAS:
  • A violencia machista é unicamente responsabilidade de quen a exerce.
  • Invisibles non vai de homes contra mulleres, vai de quen disculpa a violencia machista e quen a exerce.
  • Cando unha relación non é de igualdade, é de control, é un sinal de alarma.
 A XUSTIZA: 
  • Estamos dando unha resposta adecuada ás vítimas da violencia machista como sociedade?
  • Ana non denuncia porque é avogada e coñece o sistema.
  • El saltou por tres veces o distanciamento social antes de pasar un ano na cadea por incumprir a orde do xuíz...
  • As penas non son proporcionais aos feitos, ás culpas.

A DENUNCIA:

  • Ante a mínima alarma hai que denunciar e ir ao CIM. 

OS FILLOS: 

  • A violencia machista é un grave problema para os descendentes das parellas, a marca psicolóxica que deixa neles. Hai unha porcentaxe alta de que se repita un dos dous roles ( vítimas ou agresores).
  • Que acontece cando a persoa que che fai mal é a que queres?
  • No momento da entrevista ao fillo de Tina: Podes deixar de querer ao teu pai?
  • É un problema moi difícil de resolver porque vai unido aos sentimentos.
INVISIBLES:
  •  " Eu estaba agochada intentando ser invisible" (Begoña, 5 anos).
  • "Para sobrevivir teño que ser invisible, iso mantenme protexida" ( Begoña)
  • Hai que apartar ás mulleres e aos nenos da violencia.
O XORNALISMO e A ESCRITA: 
  • O xornalista ten a misión de poñerlle voz ás vítimas. É unha obriga moral.
  • O libro pode servir para axudar ás vítimas, ás persoas, que se recoñezan e denuncien.
  • O libro axudou ás mulleres a empoderarse xa que fala de vítimas que se convertiron en supervivintes.
Grazas mil a Montse Fajardo polo seu libro, pola súa visita e polo seu labor encomiable.
 

mércores, 7 de marzo de 2018

INVISIBLES: Encontro lector coa escritora Montserrat Fajardo e a Concelleira da muller, Carmen Fouces. Actos reivindicativos arredor do 8 de Marzo.


No día de onte, o alumnado do club de lectura de 2º da ESO e do Consello da Muller Nova do noso IES participou na biblioteca nun emotivo encontro con Montse Fajardo a autora da lectura deste trimestre no club INVISIBLES (escollida desta vez polo propio alumnado).

Difícil é concentrar en poucas liñas o duro que resultou este encontro para todos e todas nós polo tema central do libro - o maltrato e a situación das mulleres que o sofren-  tendo en conta a boa comunicación que se estableceu entre o auditorio - a autora - a sra. concelleira.

Falamos da invisibilidade destas mulleres que sofren en silencio, de asasinatos, de maltrato psicolóxico, de xustiza, de vítimas... de Eva, de Mariluz,  de Tina, de Irene, de Marga, de Begoña presentes no encontro na voz de Montse e de Carmen... coma se soe dicir coloquialmente todas e todos cos sentimentos a flor de pel, as bágoas, os silencios... o encontro coa autora que nos encolleu o corazón.

Unha lección do alumnado reivindicando información, coñecemento, que se lles permita decidir e opinar... alzaron as súas voces con forza e enerxía e prendeu en nós os adultos presentes a esperanza e confianza nestas xeracións do futuro; grazas mil ás voces de muller, de Montse e de Carmen por facelo posible.

Hoxe o libro rulaba xa entre alumnas e alumnos que non pertencen aos clubs nen ao CMN, nunca tal vin, só quedaban dous exemplares disponibles... e mañá seremos moitos  e moitas os que recitaremos, falaremos, cantaremos... no acto que entre todos e todas preparamos para que mulleres coma Mariluz, Eva, Begoña... NUNCA MÁIS SEXAN INVISIBLES.