
Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da
escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do
Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación
Secundaria".

Coma a nosa biblioteca funciona coma
aula e coma hai que respectar o tempo de duración das actividades e o
número de participantes polas normas COVID, o encontro lector realizouse
en dúas quendas e dous espazos ( a primeira na aula de 1º de ESO C e a
segunda no paraninfo con 1º de ESO B e 1º de ESO F).
Aproveitamos
esta visita para comezar as actividades de fomento da lectura que
organizamos desde o club de lectura e celebrar ao tempo o Día das
Bibliotecas ( aínda que fóra da biblioteca xa que esta foi reconvertida
en aula).
A escritora Eva Mejuto
centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no
relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias
publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio
como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou
unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que
esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial
Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto".
Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.

Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos",
xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas
realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o
tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que
correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro
chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola
sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao
español.

Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e
case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de
preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a
escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a
invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan
enriquecedora.
Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade.