xoves, 22 de decembro de 2022
mércores, 21 de decembro de 2022
Recibimos ao escritor Manuel Portas, "Unha cervexa Chang"
O club de ectura de 2º de bacharelato de Literatura galega do século XX realizou un encontro lector co escritor Manuel Portas arredor da súa novela "Unha cervexa Chang"; sen dúbida foi un proveitoso encontro no que debullaron o libro, fixéron preguntas ao autor e analizaron a trama a partir dun mural que a rapazada do club tiña previamente preparado; e para finalizar compartimos un cacho de rosca para celebrar o noso premio:
luns, 19 de decembro de 2022
Entrevista con Susana Pedreira de Onda Cero .
Unha representación dos nosos clubs de lectura acudimos á emisora de Onda Cero na nosa cidade para ser entrevistadas pola xornalista Susana Pedreira, no enlace anterior podedes escoitar a entrevista. Grazas á cariñosa acollida de Susana puidemos sentirnos coma na nosa casa.
venres, 9 de decembro de 2022
2º Premio Nacional aos Clubs de Lectura
Recibimos con moita ledicia un agasallo moi especial: O 2º Premio Nacional dos Clubs de lectura polas nosas prácticas lectoras do curso 2021/22; unha verdadeira festa para todo o equipo e a rapazada dos nosos clubs.
E recibimos a felicitación en RED do noso alcalde:
E fixéronse eco no Diario de Pontevedra:
mércores, 7 de decembro de 2022
"Usha" lévanos ata a India e aprendemos a colocar un "sari"
xoves, 24 de novembro de 2022
"AS MALAS MULLERES" de MARILAR ALEIXANDRE.
Hoxe presentamos no grupo lector mixto de 2º de bacharelato e 4º de ESO a nova lectura para o segundo trimestre: "AS MALAS MULLERES" de MARILAR ALEIXANDRE Premio nacional de narrativa deste ano.
Cremos que este libro, para unhas lectoras aventaxadas coma elas, será unha gozada de ler (malia o duro do tema e argumento) pola escrita e porque lles vai permitir achegarse a importantes figuras femininas da nosa historia coma Concepción Arenal ou Juana de Vega. Falamos tamén do respecto da autora coa nosa lingua xa que todas as personaxes - independentemente da súa clase social e cultura - falan en galego ("porque así é coma escoitou a autora as súas voces")
Na sesión falamos primeiro da escritora e a súa obra e algunhas das mozas xa a coñecían por ter lido "A expedición ao Pacífico" ou "Cabeza de medusa":
Aquí tedes un enlace á súa páxina onde a autora fala de si mesma:
https://marilar.gal/sobre-min/
Logo iniciámolas no libro e comezamos lendo a primeira páxina para ir saboreando o que nos espera; certamente coincidimos que o comezo é moi impactante, mesmo cinematográfico (o son das tesoiras ao cortar o cabelo "o único fermoso que posuía", a roupa, o cortello... a desposesión e a denigración das mulleres que van ao cárcere, as malas mulleres.
Deixámosvos aquí un enlace para completar a nosa información sobre quen son as malas mulleres:
xoves, 17 de novembro de 2022
A caloriña que dá a lectura na biblioteca.
No recreo de hoxe non había un oco no espazo reservado aos clubs de lectura, o club de 1º de bacharelato no cal hai maioría de presenza masculina (algo debe de estar a moverse entre os mozos...) acompañados da súa coordinadora Conchi Díaz e o club de 1º de ESO B co seu coordinador Juan García.
Os de máis idade andaban por Vigo co Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo e os pequenos andaban polo camiño de Santiago, mirade que xeitosos e xeitosas se lle ve:
mércores, 16 de novembro de 2022
Ledicia Costas no Sánchez Cantón.
Visitounos Ledicia Costas para ter un encontro lector co alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO organizado pola biblioteca e entre eles e elas non podía faltal o club de 1º de ESO D que está lendo "Jules Verne e a vida das mulleres planta". As mozas estaban moi nerviosas e ao tempo encantadas de poder preguntar a Ledicia sobre a súa lectura.
Finalmente as mozas e a súa coordinadora puideron fotografarse coa nosa querida Ledicia:
xoves, 10 de novembro de 2022
"Corredora" co alumnado deportista do CGTD.
Este curso recuperamos o club de lectura máis deportista do Sánchez Cantón, o do CGTD, club deportista e cinéfilo pois da man dos seus coordinadores David Rodríguez, María Gómez e Juan M. Álvarez van experimentar a simbiose de texto, deporte e cine coas súas lecturas.
Comezan pois cunha novela de María Reimóndez, Corredora que se achega ao seu mundo, o do deporte, para ir abrindo boca antes de "meterlle o dente" a "Cuando hablo de correr" de Murakami e visionar o filme Invictus con Matt Damon e Morgan Freeman.
Feliz andaina para eles e elas.
mércores, 2 de novembro de 2022
"A ladroa da biblioteca de Meirás"
Sempre fieis ás novidades narrativas de Eva Mejuto, tivemos hoxe a primeira sesión arredor da lectura de A ladroa da biblioteca de Meirás. Acompañamos os nosos comentarios sobre a obra coa lectura de fragmentos dunha obra das que facían ler ás mozas da posguerra coa fin de modelalas ao xeiro relixioso de conduta na ditadura franquista " La joven creyente".
A novela está a darnos moito xogo para falar de represión, de inxustizas, diversidade e de igualdade ao tempo que coñecemos un episodio fundamental da nosa historia.
venres, 28 de outubro de 2022
Clubs de lectura de 2º de ESO e 4º de ESO A
Presentamos aos clubs de lectura de 2º de ESO co seu coordinador Alexandre Peón introducindo a súa primeira lectura Non cantan os paxaros neste bosque de Carlos Negro:
E ao club de 4º de ESO A presentando a súa lectura Flor de Area do escritor Manuel Lourenzo:
luns, 24 de outubro de 2022
Club de lectura de inglés
Aquí tedes ao novísimo club de lectura de inglés (1º e 2º de ESO) acompañados da súa coordinadora María Castellano e súa obra de iniciación:
María Estuardo, unha lectura moi histórica e moi rexia.
Esperamos que desfruten moito da lectura e que nos acompañen nos clubs durante moitos anos.
venres, 21 de outubro de 2022
"Unha cervexa Chang" de Manuel Portas no club de 2º bacharelato.
O alumnado de 2º de bacharelato coordinados pola súa mediadora Salomé Díaz están a ler a novela de Manuel Portas "Unha cervexa Chang" coa que viaxarán a Tailandia, aos mares exóticos e "exóticos" serán tamén os problemas que lle acontecerán ao protagonista cando ve unha muller desaparecer no mar e decide avisar á policía...
Medio comedia de enredo, medio novela de detectives, de seguro que van desfrutar da súa lectura.
martes, 18 de outubro de 2022
Club de lectura de 1º de ESO B/C
Pois xa temos á rapazada do club de lectura de 1º de ESO facendo o Camiño de Santiago, lector claro, coordinados polo seu profe e mediador Juan García. Que sorpresas lles agardarán nesta viaxe lectora????
mércores, 12 de outubro de 2022
Xa están aquí de novo os grupos lectores do Sánchez Cantón
Pouco a pouco os grupos lectores do Sánchez van collendo o seu ritmo; rapaces e rapazas vanse incorporando por vez primeira aos clubs (1º de ESO) e outras son fieis desde hai xa tempo (2º bacharelato). A pesar da forte competencia pola oferta doutros proxectos e actividades que se van realizar no noso centro, este curso temos un maior número de participantes e unha importante oferta de grupos e temáticas:
domingo, 19 de xuño de 2022
Memoria gráfica do club de lectura "Nube de Palabras" 2021-22
Sedia-mi eu na ermida de San Simion...
E tras lecturas e máis lecturas na biblioteca do centro, o luns 13 de xuño fomos celebrar coas nosas lecturas á Illa de San Simón. Un fermoso día de moita calor - a da temperatura e a humana- collemos o barco en Cangas do Morrazo e durante tres cuartos de hora desfrutamos da Ría de Vigo co relato da Batalla de Rande e do tesouro soterrado no lodo baixo a ponte do mesmo nome.
Chegados e chegadas á Illa, realizamos un roteiro de dúas horas no que se alternaron as informacións que nos aportou o noso guía coas nosas lecturas e a información da unidade didáctica coa que nos agasallou para ocasión o noso profe de Sociais.
Houbo tempo tamén para as reflexións sobre A Memoria, unha lectura de homenaxe aos represaliados e rematamos cunha caza do tesouro.
“ A memoria do pobo acorda o tempo en que a illa amoreaba presos políticos. Homes sen delito ningún, castigados por devecer un tempo distinto que se soñaron libres por última vez paseando entre buxos”
Acorda. Montse Fajardo.
Embarcamos de volta e xantamos á fresca na Alameda de Cangas e logo duns xeados cos que a rapazada agasallou ás profes tomamos camiño ás Salinas do Illó onde visitamos as ruínas da granxa que a xestionaba.
Un día para lecturas, lembranzas e desfrute, o broche de ouro para animármonos a enganchar co Club de Lectura o vindeiro curso.
domingo, 12 de xuño de 2022
sábado, 4 de xuño de 2022
Tea party en 1º bach. club.
Tea party en 1BACH. Os alumos/as do club de lectura celebraron xunto cos seus compañeiros o pasado venres o final de curso con unha festa do té.
Non faltaron muffins, brownie, apple pie e outros doces tradicionais ingleses para acompañar.
martes, 19 de abril de 2022
"Un elefante na sala de estar" de BERTA DÁVILA no club de 1º bacharelato.
"... Ás veces podemos dicir que hai un elefante na sala de estar, que é unha expresión que usa cando hai unha cousa na que todos están pensando pero ninguén quere dicir... " (páx. 42).
Nesta obra , a primeira que a narradora e poeta Berta Dávila escribe para un público adolescente, as voces que falan nesta novela coral están pensando en Rosa, no porqué do seu suicidio pero ninguén quere tratar o tema abertamente. Na nosa sociedade o suicidio e mesmo a depresión son temas tabús dos que por medo ou por respecto, por afecto aos que os sofren non se quere falar.
E así, duramente, descarnadamente acompañamos á familia de Rosa, a súa amiga, a súa médico, o seu empregador nas súas preguntas para as que non hai resposta xa que quen as ten xa non vive. Unha análise introspectiva das interioridades e das vivencias e lembranzas máis íntimas dos protagonistas, os personaxes na procura do acougo e do silenciamento da culpa e do medo.
Unha obra diferente no tema e no seu tratamento pero tamén moi necesaria para escoitar máis atentamente as voces dos que sofren en silencio. Unha lectura que nos vai dar moito que falar no club polo tema, polo seu tratamento e polo desfrute da prosa tan fermosa e coidada da autora.
Déixovos aquí o enlace ao podcast no que Montse Pena fai unha valoración da novela para o Diario Cultural da Radio Galega:
COMO ENFRONTARNOS AO ELEFANTE NA SALA DE ESTAR
E esta é a dedicatoria que no seu libro fixo para nós:
martes, 5 de abril de 2022
xoves, 24 de marzo de 2022
Encontro lector con ROSA ANEIROS arredor de SIBILA
No Salón do Libro tivemos a grande sorte de poder realizar un encontro lector coa narradora Rosa Aneiros para compartir impresións e falar da súa última obra para o público adulto Sibila, obra que viñamos de ler nos clubs de bacharelato.
Rosa Aneiros falounos do proceso da escrita, do seu proceso creador mais asegurounos que a Literatura só existe cando nós lemos o libro; para ela non existe unha literatura única senón que cada lector crea o seu propio libro; "o valor da literatura está en quen a le".
Di a escritora que "as liñas en branco son o único que lle quedan das historias que escribe"; comparounos a escrita cun iceberg, o autor sabe moitas máis cousas dos personaxes e as historias que o lector.
Falamos logo dos gustos lectores da rapazada, das sagas literarias, da literatura en galego feita por mulleres e finalmente o noso alumnado realizoulle unhas recomendacións lectoras que ela agradeceu.
venres, 18 de marzo de 2022
Encontro lector con Fran Alonso "Douche a miña palabra"
Explicounos como se documenta para preparar a escrita dos seus libros ( por exemplo para Trailer viaxou en camión varios meses) toma notas das cousa que pasan en libretas; primeiro escribe un borrador, un esquema, fai varias correcccións de estilo, expresións, coherencia, unha terceira corrección.
Sobre a lectura contounos que ten moito de terapia, entender o que pasa, a lectura relaxa. Logo amablemente contestou a todas as nosas preguntas.
martes, 15 de febreiro de 2022
Fiando pintura e escrita: "Unha historia para un cadro".
E fiando, fiando chegamos ao Museo de Belas Artes de A Coruña e alí descubrimos a súa iniciativa "Unha historia para un cadro" na que publican unha serie de contos escritos por autoras e autor galegos en fermosa concordancia cun cadro da súa colección; son catro lenzos e catro libros:
- Mariña surrealista de Urbano Lugrís González con texto poético de igual título e autoría da poeta Yolanda Castaño.
- As Mariscadoras de Luís Seoane con texto narrativo de título Botella ao mar de Marilar Aleixandre.
- Dédalo e o Minotauro de Rubéns con texto narrativo de título Chega un baixel de Suso de Toro.
- Castigo de Muñoz Lucena con texto narrativo de título A pequena gardiana e autoría de Fina Casalderrey.
Todos eles con ilustracións de XOSÉ COBAS, o ilustrador homenaxeado no Salón do Libro deste ano.
( Atoparedes información sobre autores e obras clicando nos enlaces anteriores)
Estes libriños son ideais para o noso club pois ademais de desfrutar da maridaxe " imaxe pictórica e texto literario" permítenos achegarnos aos pintores e á súa obra, aprender a ler imaxes, ler e comentar os relatos e o poema en comunidade e coñecer o/-as autor/-as e mesmo ao Museo de Belas Artes de A Coruña.
E coma aprendizaxe queremos proporvos un reto, seguindo a proposta do Museo amosámosvos agora as imaxes duns cadros, debedes buscar o/-a pintor/-a e aceptando o convide de Yolanda Castaño...
" Pero a esta beira do lenzo
o tesouro máis valioso
é que sempre haberá
quen con cadros, fotos, poemas
ou facendo música ó cantar,
de mil fermosas maneiras, outras historia poderá contar."
... pois aquí van as imaxes para que a partir delas "outras historias poidades contar" :
mércores, 9 de febreiro de 2022
"DOUCHE A MIÑA PALABRA" de FRAN ALONSO ( A arte da palabra) e BEA GREGORES (A arte da ilustración).
E seguimos traballando A ARTE de cara á chegada do Salón do libro (A ARTE. CON MOITA ARTE! ), neste caso A ARTE DA PALABRA: a escrita, a poesía, a literatura en xeral e a creada polo poeta FRAN ALONSO neste ensaio (fermosamente ilustrado por BEA GREGORES) dirixido á rapazada de 1º ciclo.
Pasiño a pasiño, ao longo de 11 capítulos, o escritor-o poeta invítanos a pensar e dar voltas a temas como á finalidade da escrita, o oficio de ser escritor, a importancia da formación lectora, o desfrute das lecturas compartidas, a literatura e a poesía (...é un globo) e á lingua.
Unha obra moi necesaria e que favorece a compañía lectora pois se enriquece cos comentarios, sensacións, emocións compartidas polos seus lectores.
A rapazada do noso club de 1º de ESO B xa na primeira sesión arredor do libro, debateu e opinou en relación ao primeiro capítulo falando de respecto, dos sentimentos que acompañan á lectura, sobre cal é a literatura que nos desacouga ( mesmo achegaron exemplos), e sobre o concepto e contido da arte. Foi moi interesante escoitalos opinar sobre temas dos que realmente pensamos os adultos que están moi afastados, mais aportan ideas e argumentos do máis creativo e interesante.
E só foi a primeira sesión... acordamos pois, grabar as sesións para escoitalas ao rematar de ler o libro e facer unha valoración da súa aprendizaxe e desfrute, do crecemento persoal que lles vai aportar esta lectura.
E para non perdérmonos nadiña temos a nosa propia guía de lectura: