xoves, 16 de abril de 2026

"Escribo porque me gusta moitísimo imaxinar" Encontro lector con Rosa Aneiros.


     No día de hoxe, os clubs de lectura de 1º de bacharelato, tivemos o pracer de desfrutar dun encontro lector coa escritora Rosa Aneiros ao redor da lectura da novela gañadora do premio Raíña Lupa, Unha historia de amor coma outra calquera.

    O faladoiro coa escritora foi moi completo xa que se centrou na obra lida polos clubs ( temas, escrita, contexto, documentación e ambientación da novela, as e os  perfís dos e das personaxes, música, argumento, obxectivos de transmisión, bases científicas... ) e tamén noutros coma as lecturas da rapazada, a escrita ( relacionando coa anterior actividade na radio), as competencias da escritora para "intentar meterse na cabeza do outro", a súa inquedanza para "preocuparse polo mundo que lles estamos deixando a nivel humano", ou a "necesidade de fomentar  a curiosidade e a imaxinación", etc.

    Rosa Aneiros defende que "lemos o que queremos ler", "somos todos diferentes" mais na adolescencia prima o que nos une , falamos do que nos une, do que nos fai ser iguais e a ela gústalle "xogar coas palabras", "intentar meterse na cabeza do outro" e iso é o que lle permite a literatura.

A respecto da súa traxectoria literaria di que "procura romper moito entre obra e obra, cambiar de rexistro ao escribir"; un encontro moi enriquecedor para a anosa rapazada lectora no que a escritora amablemente déunolo todo, mil grazas Rosa Aneiros.


mércores, 15 de abril de 2026

Os clubs de lectura de 1º de bacharelato B e C visitan PontevedraViva Radio.

 


No día de onte, os clubs de lectura de 1º de bacharelato B e C, visitamos PontevedraViva Radio coa intención de participar no programa de fomento de lectura que a cadea desenvolve co gallo da celebración das Letras Galegas.


A conversa coa xornalista Marisa Ciordia estivo composta de varios bloques: Información e medios de comunicación entre a rapazada do club, achegamento ao club de lectura, hábitos e preferencias lectoras entre eles e elas (xéneros, temáticas...) e finalmente centrámonos na figura da escritora e comunicadora Begoña Caamaño para rematar cunha análise da lectura que o noso alumnado realizou da súa obra Morgana en Esmelle ( temáticas, personaxes, feminismo, accións e valoración da novela).

Rematou a conversa con tres dos nosos alumnos (Nico, Mariola e Sofía) centrada nas súas prácticas escritas. Con todo o material que se gravado neste encontro, a cadea radiofónica elaborará un podcast que poderemos escoitar na súa páxina nun futuro e do cal nos enviarán un enlace.







Construtiva visita, moi educadora e tamén moi reflexiva arrador dos temas sobre os que dialogaron; a rapazada saiu moi animada desta experiencia formadora.