Estamos encantados coa visita que recibimos do escritor Xosé Monteagudo.
Rematada a lectura nos clubs de 2º de bacharelato da novela Todo canto fomos, o autor tivo a amabilidade de encontrarse con nós e responder con sabedoría e moita paciencia ao batallón de preguntas que lle fixemos; e estas son algunhas das cousiñas sobre a obra que nos contou.
- Sobre os personaxes falounos de Amaro, o primeiro dos personaxes da historia que creou e que vive na historia as peripecias máis amplas; Cada personaxe foi creado coa súa historia de maneira autónoma e logo o escritor encaixou as súas historias. El sabe cando escribe como van rematar as súas historias e os personaxes evolucionan a medida que escribe, di que se fai un guión decomo han de evolucionar os personaxes estes perden vida. Os personaxes teñen que ter unha vida propia e acumular unhas reflexións propias.
- O labor de documentación: Contounos que non lle gusta moito documentarse, o que lle gusta é escribir pero nesta novela o marco histórico e a xeografía condicionárono, por exemplo no tema da Illa de San Simón hai memoria dos presos que responde a realidade do que aconteceu alí.No tema da pesca houbo unha persoa que o ilustrou sobre como era esta nesa época.
- En todas as novelas hai algo seu pero non responden á súa biografía, as experiencias que cada un ten fan que mude a súa forma de pensar e é o que trato de reflectir nos meus personaxes. Carlota é o personaxe que espertou máis simpatías entre os lectores, para creala inspireime en personaxes que viviron o que ela vive na novela, no ensino naquela época, o labor dun mestre como instrumento que pode cambiar a sociedade, non é un caso concreto senón varios.
- Un escritor sempre escribe tres novelas: a que quere escribir, a que escribe e a que pensa que escribiu, esta levoume cinco anos e absorbeulle tempo e enerxías.
- Non cre que a función da novela sexa facer unha crítica, mais ben unha incitación á reflexión do lector, a interpretación da realidade segundo le.
- Respecto do proceso da escrita dinos que hai unha primeira idea e logo pénsase ao escribir, non se planea previamente, para el é moi importante desenvolver a historia.
- Tiña unha idea previa da estrutura, escribiu as historias sabendo que formaban parte da mesma historia pero non as encaixou ata o final do proceso.
" Quixen que a novela dese a voz aos que non tiveron voz"
E rematamos a sesión cunha fotiño para a lembranza e a acostumada sinatura de libros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario