xoves, 14 de maio de 2026

"Compracer nunca, con pracer sempre" encontro lector coa poeta Carme Quinteiro.


No día de onte recibimos con ledicia, no club de lectura de familias, á poeta Carme Quinteiro para compartir poemas e falar do seu poemario "Compracer nunca, con pracer sempre". Iniciamos o encontro falando do título da súa obra e de como foron nacendo pouco a pouco os poemas que a conforman, de como foi nacendo o diálogo entre a voz poética coa muller e coa propia poeta. 




Realmente a conversa foi do máis pracenteira pola amabilidade con que a autora nos compraceu: Cada lectora do club compartiu con ela o poema que máis lle chegou ou gustou para comentar e partillar co grupo as súas sensacións e mesmo os sentimentos que os versos lle provocaron; Carmen falounos da construción dos poemas, das dificultades de entrar e saír do mesmo, das persoas a quen llelos escribiu, de como naceron e como foron conformando este fermoso e sensible poemario.


Unha sesión na que se falou moito de ler poesía, dos gustos lectores e que culminou cando a autora nos agasallou co seu último poemario que, como non, será a nosa próxima lectura. 

Agradecidísimas quedamos todas a Carmen Quinteiro por contaxiarnos o seu amor polos versos e a poesía. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario