sábado, 30 de maio de 2026

Club de lectura de familias, recomendación lectora: "Asasinato no muiño do cura" de Arantza Portabales.


Na tarde de onte, algúns membros do noso club asistimos á presentación no novo auditorio de Marín, da última novela de Arantza Portabales. O evento organizado polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra ( Lucía e Marta, e coordinado por Susana Pedreira) no marco do programa "Mulleres de Palabra -s" podemos dicir que resultou unha marabillosa aposta pola "palabra" en clave feminina, pola escrita e pola lectura de muller, pola localización e reivindicación do espazo literario (Loira e Marín), pola memoria en clave persoal (a da escritora), polo mundo social e xeográfico do rural galego (Loaira), o das relacións persoais e interxeracionais da muller e do rural (a veciñanza); moi interesantes por certo as relacións da adolescencia na aldea... o protagonismo social e cultural das mulleres e as interactuaccións entre elas.

Unha conversa, a de Susana Pedreira e Arantza Portabales  que nos abriu portas á reflexión sobre o noso pasado máis inmediato, a visibilización da vida e peso das mulleres ( non hai moito tempo),  sobre a nosa Galiza (e a súa sociedade) nas pequenas vilas, as xentes, os comentarios, as visións e os perfís, os xuízos morais, en palabras de autora sobre "escribir a vida", nun marco de novela negra que nos intriga, que nos sorprende e fai que a lectura sexa fluída para chegar a resolución do crime. 

Sorpréndenos e conquístanos como o contido da historia nos leva a temas profundos, como nos conduce a reflexionar sobre a nosa identidade e o que nos identifica coma mulleres (protagonistas) de Loira e de Marín.

En conclusión, a novela de Arantza Portabales, non se trata simplesmente dunha novela negra de asasinatos, aporta valores e reflexións moito máis alá, valores femininos e mesmo do empoderamento das mulleres do rural galego da etapa da transición nas aldeas galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario