Pois por fin chegou o día: mañá os clubs de lectura de 4º e 3º de ESO ímonos de roteiro literario a Ribadavia con Eva Mejuto, arredor da súa novela Memoria do silencio.
Achegarémonos á historia das irmás Touza, coñeceremos datos sobre á súa participación na cadea para salvar aos xudeus da persecución nazi, mais tamén nos achegaremos á historia, arte e cultura da vila do Ribeiro... e á súa gastronomía xudía (sorpresa, sorpresa...)
Todo un pracer vai ser percorrer Ribadavia con Eva Mejuto, compartir as súas pesquisas, nas que se baseou para escribir a novela, falar dos personaxes e dalgún xeito render xuntos e xuntas unha sentida homenaxe ás protagonistas da historia. Lola, Günter e Frida de seguro acompañarán os nosos pasos no roteiro.
Os versos de Celso Emilio, de Rosalía e cantares populares servirán para introducirnos na apaixonante cultura literaria de O Ribeiro.
Haberá tempo para lecer, para mercar melindres e descansar da calor cun xantar "picnic" na área de A Veronza.
Un fermoso broche de ouro para as nosas lecturas deste curso 18/19. Desfrutade da visita.
Ningún comentario:
Publicar un comentario