Un acto moi especial no que ademais da conversa entre a autora e Mª Xesús Escudeiro sobre a obra, puidemos escoitar a Fran Alonso e as dúas contertulias ler un fragmento da novela; a música de Su Garrido Pombo ilustrou a presentación, á que asistiu unha chea de xente e os melindres típicos de Ribadavia (onde se localiza a acción) puxeron remate a un acto xa de por si moi doce e emotivo do cal desfrutamos moitísimo.
(fotografía de Anxo Ganzález Guerra)
MEMORIA DO SILENCIO é unha historia a tres voces ( a de Gunter, a de Frida e a de Lola) que nos relatan a historia das irmás Touza, tres mulleres ribadenses que formaron parte da cadea humanitaria que axudou, durante a Segunda Grande Guerra, a fuxir aos xudeus da persecución nazi, a través de Galicia e Portugal. Memoria do silencio xa que a historia destas heroínas foi descoñecida no seu pobo e na súa propia familia (o anonimato dos heroes na historia) e é Eva Mejuto quen nola narra agora para visibilizar o papel das mulleres que foron silenciadas no tempo e recuperalas para a Memoria Histórica, para transmitir o seu legado ás novas xeracións de lectores, de feito a novela preséntase nestas datas para entroncar coa data de homenaxe ás vítimas do Holocausto (27 de xaneiro).
O compromiso da autora coa historia e coa literatura paira ao longo de
toda a novela no tratamento dos personaxes femininos (Frida e Lola
fundamentalmente) e na descuberta dunha narración que navega entre o que
é ficcional e o que forma parte da nosa realidade pasada, da herdanza
que nos deixan Lola e as súas irmás, do seu comportamento exemplarizante
e desinteresado nunha época convulsa na que o medo se respira ao longo
da narración.
Unha linguaxe sinxela e nada requintada, á que xa nos ten afeitos a
autora, os diálogos fluídos e a acción dinámica farán que xoves e
adultos se asomen a esta fermosa historia que transmite feitos e
valores, que emociona e intriga, que namora e conquista desde a primeira
escea cando coñecemos a Gunter e o seu peculiar e distintivo nariz que
ten a capacidade de cheirar o medo.
Empatizamos con estas mulleres rurais, vendedoras de melindres e licor café na estación de Ribadavia, que souberon estar a altura do momento histórico que lles tocou vivir, que souberon coser cos fíos da liberdade, a liberdade propia e a de todos e todas aos que salvaron.
De seguro que no noso club desfrutaremos moi, moito con esta nova novela de Eva Meuto. Parabéns para ela.
Tarde ben aproveitada por vós
ResponderEliminar