martes, 27 de outubro de 2026

Primeiras entregas

Outubro está a chegar xa ao seu final, mais dende o equipo de Nube de palabras temos moitas novas que compartir. Así pois, foi este o primeiro mes de reunións, de encontros e de postas en común. A maiores, tamén tivo lugar algunha que outra actividade complementaria fóra do centro e fomos concretando algo mellor as saídas posteriores.


Desta maneira, a mediados de mes, xa logo do rebumbio de comezo de curso, configuramos os grupos lectores e entregamos as primeiras fornadas de libros. Talvez a fotografía máis orientativa desta primeira etapa sexa a que acompaña esta entrada, cun feixe de alumnos e alumnas recollendo as obras literarias no espazo da biblioteca dedicado aos clubs de lectura.

Con base nisto, é posible facermos un pequeno percorrido a través dos libros que habemos traballar durante estas semanas, algúns moi centrados no medo, o terror e, en definitiva, o Samaín, e outros máis centrados noutras cuestións, como o acoso ou a fantasía. En primeiro lugar, o alumnado de 2º da ESO comezou o curso con Non cantan paxaros neste bosque, libro de relatos de Carlos Negro que recolle historias curtas non aptas para os máis medorentos. En segundo lugar, os dous grupos lectores de 3º da ESO escolleron camiños diferentes: por unha banda, un deles leu a obra dramática de Rosalía Fernández Rial Fóra de campo, centrada nas relacións tóxicas e no poder das redes sociais no mundo actual; pola outra banda, Alba Rozas e A caída de Guiomar foi a encargada de engaiolar co seu argumento mítico o outro dos grupos de 3º. No que atinxe a 4º da ESO, tamén achamos unha dobre vertente. Como ben se ve na imaxe, algúns alumnos e alumnas que xa se mergullaron na fantástica Gardas, Gardas, de Terry Pratchett (traducido á lingua galega pola editorial Boadicea) e outros na distópica e terrorífica DX, de Eli Ríos. En último lugar, o alumnado de 1º de bacharelato xa rematou O pacto do letargo, o cómic escrito e debuxado por Miguelanxo Prado.

Xa que logo, esta pequena mostra de historias pode facer unha idea da ampla comunidade lectora con que conta o IES Sánchez Cantón e que segue medrando, ano tras ano, grazas ao esforzo de todas as persoas alumnas e profesoras que apostan pola cultura e os libros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario