luns, 7 de xaneiro de 2019

PROGRAMACIÓN DE LECTURAS. 2º TRIMESTRE .

Xa case estamos de volta ás aulas e imos barallando os títulos das posibles lecturas e actividades lectoras para este segundo trimestre, que vai ser moi longo, polo que poderemos ler moito e con moita profundidade e análise. LEMBRADE que nos clubs é fundamental o desfrute das prácticas lectoras mais tamén estamos a razonar, analizar, coñecer e formarnos coma lector@s crític@s, un lector/-a ben formado é un lector/-a intelixente, con criterio propio, cualidade indispensable para moverse polo mundo real e dixital. 

Na selección de obras que leremos este trimestre temos unha grande variedade de temas e moitas novidades editoriais (algunha está por saír do prelo); a adxudicación económica que nos correspondeu no Programa de Clubs de lectura (Plan Lía, Consellería de Educación) vainos permitir comprar estas novidades/novidosas e de calidade; agradecemos pois á Dirección Xeral de Centros e en especial á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia o seu esforzo en recursos pecuniarios e humanos para manter e apoiar a lectura en Galicia:

Pero imos xa coas lecturas...
En 2º de bacharelato atopamos obras xa coñecidas pero é que algunhas delas non deixades de solicitalas polo que seguimos propoñéndoas: 
  • Bonus Track de Rosalía Fernández Rial (proposta de relatos moi novidosos no enfoque e no tema cunha prosa poética acompañada de moitas e fermosas emocións sonoras xa que levan da súa propia banda sonora).
  • Invisibles de Montse Fajardo, uns relatos realistas moi duros baseados en feitos reais sobre a violencia de xénero; unha obra imprescindible na sociedade actual moi ben tratado o tema pola autora. Un libro que non deixades de escoller.
                                                                         ( Da ilustradora Sonia Marialuce)

  • O kilix dos deuses otra das obras xa coñecidas, aventuras, matemáticas e                                                                
    arte na Grecia actual; o tema do roubo de obras de arte, asasinatos e acción asegurados.


En 1º de bacharelato estreamos unha xoia da literatura xuvenil actual: 
  • A filla do Minotauro de Marilar Aleixandre; unha gran autora Marilar que leva namorando coa súa prosa exquisita a varias xeracións de xoves do noso país. A Mitoloxía reinterpretada, actualízase para tratar o tema do expolio de obras de arte en Sicilia; acción, aventuras e amor sempre moi ben tratados e cunha escrita perfecta.


En 4º de ESO teremos novidades editoriais recén sacadas do forno por panadeiros e panadeiras que con moito amor e fantasía nos falan de feitos históricos, seres marabillosos (ao mellor estilo cunqueiriano), zombies na cidade de A Coruña e bichos futuristas que van destrozar aos humanos:
  • A Memoria do silencio de Eva Mejuto vainos levar á Ribadavia na época da 2ª Guerra Mundial onde nos atoparemos cun oficial nazi moi, moi malo que intenta frear a fuxida de xudeus polo río Miño.
  • A xa coñecida por algúns dos nosos lectores (moi ben valorada por certo) O que sei do silencio da nosa querida Andrea Maceiras vainos axudar a profundar no tema do acoso escolar; conseguirá que nos poñamos na pel dos acosadores pasivos e reflexionemos sobre as consecuencias dos seus actos. Unha das mellores obras da colección Fóra de Xogo da autora recén galardoada  co premio Lazarillo.
  • O bestairio científico de Anxos Nogueirosa de Antonio M. Fraga é unha libro real e marabilloso onde seres fantásticos conviven na Galicia dos anos 30/40 cos xoves, que cun método científico, se adican a estudialos. Fermosa obra para a imaxinación e para aqueles e aquelas interesados na fauna mitolóxica.
  • E  os zombies chegaron a A Coruña: nunha empresa da cidade, especializada en tecnoloxía avanzada, DX,durante a festa de anivello comezan a acontecer feitos estraños... da man da prosa áxil e ben tratada de Eli Ríos,comezaremos unha vertixinosa fuxida da loucura e da morte.

E tamén haberá espazo nas nosas lecturas para poesía de Carlos Negro; Aplicación instantánea, o poemario gañador do Jules Verne 2018, segue a liña doutros poemarios do autor, de afondar no mundo da adolescencia, achegarse a el, comprendelo e poñelo en valor; novas tecnoloxías, avatares, selffies, o acoso entre adolescentes e a lingua son entre outros os temas dos poemas; un libro de poesía con perfil en Instagram.

Fóra do normal de María Reimóndez que profundiza na problemática da transexualidade en canto á súa aceptación pola sociedade e a  identidade de xénero, é outra das obras desta escritora que sabe e quere estar do lado dos que son illados pola intransixencia social ou polos escasos recursos.

Tamén nos van acompañar títulos lidos no trimestre anterior, que mudarán de mans e grupo, como a emocionante incursión no mundo das máquinas e dos corvos, da luz e da escuridade, de Jack o destripador en A balada dos unicornios  de Ledicia Costas.

As voces na auga de Ánxela Gracián levaranos á China e falaranos da situación da muller nesa cultura, a historia de Wei Su e Li; ao tempo Los sueños de Nassima de Mercè Rivas Torres achegaranos a Afganistán baixo a ditadura talibán e amosaranos como un pobo sobrevive nas peores situacións pola falta de liberdade.

E moitas máis lecturas por concretar en español, inglés e francés para mellorar as nosas capacidades lectoras en linguas estranxeiras. 

QUE DESFRUTEDES DAS LECTURAS DO 2019. FELIZ ANO LECTOR PARA TOD@S.

CALENDARIO DO LIBRO E A LECTURA 2019


xoves, 20 de decembro de 2018

Visitounos Xosé Monteagudo para falar de "Todo canto fomos".


O pasado 17 de decembro, o alumnado dos clubs de 2º de bacharelato recibimos ilusionados a visita do escritor Xosé Monteagudo para falar da súa novela "Todo canto fomos"; coa amabilidade que lle é habitual e con moita paciencia o escritor foi respondendo a todas as nosa preguntas sobre a trama da novela, os personaxes, a ambientación e sobre o proceso da escrita.

Preguntas sobre a dificultade que conleva escribir sobre feitos reais e mesmo introducir personaxes históricos na trama da obra servíronnos para valorar o importante proceso de documentación que o autor debe facer antes de escribir e o respecto con que se deben tratar a estes personaxes.

Moi emotivo foi cando presentamos a Xosé Monteagudo a Aarón Fontán, o noso compañeiro escritor ( https://saladelecturasc.blogspot.com/2018/11/testigos-de-la-verdad-de-aaron-fontan.html ) , e con canta delicadeza lle recomendou escribir e escribir como mellor consello para ser escritor.

Seica cada vez que nos visita Xosé Monteagudo trae da man a Carlota ( a nosa personaxe preferida) e aos demais personaxes de Todo canto fomos que non nos cansamos de escoitalo.

Moitas Grazas Xosé Monteagudo.




xoves, 11 de outubro de 2018

mércores, 10 de outubro de 2018

Programación de lecturas para o primeiro trimestre "Nube de palabras"





Á espera de que se publiquen dous libros de poesía polos que agardamos con moita ilusión 💙, a narrativa é o xénero que vai dominar a programación lectora deste primeiro trimestre, é a narrativa en lingua galega xa que logo os grupos en lingua galega son os máis numerosos.




PRIMEIRO TRIMESTRE:

1º de ESO, narrativa en galego:
Grupo A: "O torques de ouro" de Lourdes Maceiras.
Grupo B: " Corredora" de María Reimóndez.

2º de ESO, narrativa en galego:
Grupo A (lectores avanzados): "A balada dos Unicornios" de Ledicia Costas.
Grupo B: Lectura por determinar.

3º de ESO:
Grupo A, narrativa en galego: "22 segundos" de Eva Mejuto.
Grupo A, inglés: "A Sherlock Homes Collection"
 Grupo B, inglés: "A Sherlock Homes Collection"
Grupo A, narrativa en castelán: "El gran sueño" de Jordi Sierra y Fabra.

4º de ESO:
Grupo A, narrativa en galego: "O libro das alquimias" de Xesús Constela.
 Grupo B, narrativa en galego: "O que sei do silencio" de Andrea Maceiras.
Grupo C, narrativa en galego: "22 segundos" de Eva Mejuto
Grupo D, narrativa en galego: "Corredores de sombras" de Agustín Fernádez Paz
Grupos A e B de francés: “ A volta ao mundo en 80 días” de Jules Verne.

Mixto 1º de bacharelato:
"O kilix dos deuses"de Nicanor Alonso Álvarez.

2º de bacharelato, narrativa en galego:
Grupo A: "Invisibles" de Montserrat Fajardo.
Grupo C: "Resistencia" de Rosa Aneiros.
Grupo D: "Bonus track" de Rosalía Fernández Rial.
Grupo B: "A arte de trobar" de Santiago Lopo.

Grupo de profesorado e persoal non docente:
"A nena do abrigo de astracán" de Xabier P. Do Campo.

Grupos de pais e nais:
Lectura sen determinar á espera que se celebre a asamblea da ANPA.