Xa case estamos de volta ás aulas e imos barallando os títulos das posibles lecturas e actividades lectoras para este segundo trimestre, que vai ser moi longo, polo que poderemos ler moito e con moita profundidade e análise. LEMBRADE que nos clubs é fundamental o desfrute das prácticas lectoras mais tamén estamos a razonar, analizar, coñecer e formarnos coma lector@s crític@s, un lector/-a ben formado é un lector/-a intelixente, con criterio propio, cualidade indispensable para moverse polo mundo real e dixital.
Na selección de obras que leremos este trimestre temos unha grande variedade de temas e moitas novidades editoriais (algunha está por saír do prelo); a adxudicación económica que nos correspondeu no Programa de Clubs de lectura (Plan Lía, Consellería de Educación) vainos permitir comprar estas novidades/novidosas e de calidade; agradecemos pois á Dirección Xeral de Centros e en especial á Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia o seu esforzo en recursos pecuniarios e humanos para manter e apoiar a lectura en Galicia:
Pero imos xa coas lecturas...
En 2º de bacharelato atopamos obras xa coñecidas pero é que algunhas delas non deixades de solicitalas polo que seguimos propoñéndoas:
- Bonus Track de Rosalía Fernández Rial (proposta de relatos moi novidosos no enfoque e no tema cunha prosa poética acompañada de moitas e fermosas emocións sonoras xa que levan da súa propia banda sonora).
- Invisibles de Montse Fajardo, uns relatos realistas moi duros baseados en feitos reais sobre a violencia de xénero; unha obra imprescindible na sociedade actual moi ben tratado o tema pola autora. Un libro que non deixades de escoller.
( Da ilustradora Sonia Marialuce)
- O kilix dos deuses otra das obras xa coñecidas, aventuras, matemáticas e
En 1º de bacharelato estreamos unha xoia da literatura xuvenil actual:
- A filla do Minotauro de Marilar Aleixandre; unha gran autora Marilar que leva namorando coa súa prosa exquisita a varias xeracións de xoves do noso país. A Mitoloxía reinterpretada, actualízase para tratar o tema do expolio de obras de arte en Sicilia; acción, aventuras e amor sempre moi ben tratados e cunha escrita perfecta.
En 4º de ESO teremos novidades editoriais recén sacadas do forno por panadeiros e panadeiras que con moito amor e fantasía nos falan de feitos históricos, seres marabillosos (ao mellor estilo cunqueiriano), zombies na cidade de A Coruña e bichos futuristas que van destrozar aos humanos:
- A Memoria do silencio de Eva Mejuto vainos levar á Ribadavia na época da 2ª Guerra Mundial onde nos atoparemos cun oficial nazi moi, moi malo que intenta frear a fuxida de xudeus polo río Miño.
- A xa coñecida por algúns dos nosos lectores (moi ben valorada por certo) O que sei do silencio da nosa querida Andrea Maceiras vainos axudar a profundar no tema do acoso escolar; conseguirá que nos poñamos na pel dos acosadores pasivos e reflexionemos sobre as consecuencias dos seus actos. Unha das mellores obras da colección Fóra de Xogo da autora recén galardoada co premio Lazarillo.
- O bestairio científico de Anxos Nogueirosa de Antonio M. Fraga é unha libro real e marabilloso onde seres fantásticos conviven na Galicia dos anos 30/40 cos xoves, que cun método científico, se adican a estudialos. Fermosa obra para a imaxinación e para aqueles e aquelas interesados na fauna mitolóxica.
- E os zombies chegaron a A Coruña: nunha empresa da cidade, especializada en tecnoloxía avanzada, DX,durante a festa de anivello comezan a acontecer feitos estraños... da man da prosa áxil e ben tratada de Eli Ríos,comezaremos unha vertixinosa fuxida da loucura e da morte.
E tamén haberá espazo nas nosas lecturas para poesía de Carlos Negro; Aplicación instantánea, o poemario gañador do Jules Verne 2018, segue a liña doutros poemarios do autor, de afondar no mundo da adolescencia, achegarse a el, comprendelo e poñelo en valor; novas tecnoloxías, avatares, selffies, o acoso entre adolescentes e a lingua son entre outros os temas dos poemas; un libro de poesía con perfil en Instagram.
Fóra do normal de María Reimóndez que profundiza na problemática da transexualidade en canto á súa aceptación pola sociedade e a identidade de xénero, é outra das obras desta escritora que sabe e quere estar do lado dos que son illados pola intransixencia social ou polos escasos recursos.
Tamén nos van acompañar títulos lidos no trimestre anterior, que mudarán de mans e grupo, como a emocionante incursión no mundo das máquinas e dos corvos, da luz e da escuridade, de Jack o destripador en A balada dos unicornios de Ledicia Costas.
As voces na auga de Ánxela Gracián levaranos á China e falaranos da situación da muller nesa cultura, a historia de Wei Su e Li; ao tempo Los sueños de Nassima de Mercè Rivas Torres achegaranos a Afganistán baixo a ditadura talibán e amosaranos como un pobo sobrevive nas peores situacións pola falta de liberdade.
E moitas máis lecturas por concretar en español, inglés e francés para mellorar as nosas capacidades lectoras en linguas estranxeiras.
QUE DESFRUTEDES DAS LECTURAS DO 2019. FELIZ ANO LECTOR PARA TOD@S.
Ningún comentario:
Publicar un comentario