domingo, 25 de febreiro de 2018

Preparándonos para o Paseo literario por París da man de Mercedes Corbillón.

Mañá teremos o pracer de recibir no noso centro á super-libreira Mercedes Corbillón que amablemente accedeu á nosa proposta de guiarnos nun paseo literario pola marabillosa cidade de París.

Estamos encantad@s de recibila xa que sabemos que imos gozar moito da actividade. Para ir abrindo boca estes son os materiais que preparamos seguindo as súas recomendacións:



martes, 20 de febreiro de 2018

Encontro lector con Ana Cabaleiro "Sapos e sereas"



No club de lectura de adultos tivemos onte o pracer de compartir impresións coa escritora Ana Cabaleiro, arredor da lectura da súa obra de relatos e obra primeira "Sapos e sereas".

Canto máis se goza da lectura dun libro despois de destripar as súas entrañas coa autora! Puidemos afondar nos temas dos relatos, nas interpretacións, nos personaxes... comentar a obriña chea de realidades, de simboloxías, da ambigüidade da vida mesma coa que a autora goza de xogar na escrita.

E con Ana Cabaleiro odiamos aos sapos, amamos as sereas (aínda que non compartimos a sede de vinganza), falamos do lobo, dos Reis Magos, de Groucho March... debatemos, analizamos e quedamos encantados e encantadas da amabilidade e paciencia da nosa autora.

A escritura en simbiose coa lectura para rematar falando da vida, dos adolescentes, do acoso, da violencia de xénero e moitos máis temas. Esperamos con espectación a súa próxima obra para desfrutar da súa lectura e volver compartila con ela.

 Un verdadeiro gustazo, grazas a ela e a Lucía que nos facilitou este encontro.





venres, 16 de febreiro de 2018

22 segundos para TRANSformar o mundo nos clubs de lectura de 1ºbacharelato.




E intentamos TRANSformar o noso pequeno recuncho do mundo en 22 segundos coa calor e o agarimo de Eva Mejuto e as voces e a música de Canela Cafuné; e foi en 1º persoa pois en primeira persoa está escrita a novela da escritora.



Esperabamos con ilusión esta visita tras a lectura da obra primeira de Eva e non nos decepcionou,  coa lectura de fragmentos do libro, as cancións de Marta e Eric, as reflexións, as miradas adolescentes (inquisitivas e concentradas), o encontro desta mañá na biblioteca  foi unha gozada, unha apertura á diversidade e ao respecto mentras que coas cancións e as palabras alonxabamos de nós os prexuízos.

E berramos con Eric que queremos ser nós mesmos en liberdade.









mércores, 17 de xaneiro de 2018

Novas lecturas para o segundo trimestre.

E xa temos en marcha as lecturas para o segundo trimestre:


Nos clubs de 2º de bacharelato leremos:
  • Invisibles de Montse Fajardo. (sobre o tema do maltrato) - Compartindo lectura co Consello da Muller Nova do noso instituto. 
  • A praia dos afogados de Domingo Villar. (novela policíaca e de suspense)
  • A dúbida de María Reimóndez. ( sobre o tema dos abusos a menores)


(Presentación de "Invisibles" de Montse Fajardo)


No club do CGTD lerán: Xa non estou aquí de Iria Misa (novela sobre os problemas dos adolescentes) 

Nos clubs de 1º de ESO, intercambian os libros entre eles:
  • Palabras de auga de Marcos Calveiro. (sobre os problemas dos nenos en África).
  • O neno inverno de María Canosa (sobre a incomprensión ante a diversidade).
Nos clubs de 2º de ESO leremos:
No club de 4º de ESO lerán:
  • Anágnorise de Mª Victoria Moreno ( os problemas e a incomprensión nos adolescentes da escritora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano) .
Nos clubs de 1º de bacharelato leremos:
E máis lecturas as dos clubs de inglés, francés e español que seguirán profundando na obra do escritor Jules Verne.

(Jessica lendo Invisibles).
No club de adultos estamos lendo:


venres, 12 de xaneiro de 2018

Encontro lector: Xosé Monteagudo dialoga co club de lectura de 2º de bacharelato arredor da súa novela "Todo canto fomos"


Estamos encantados coa visita que recibimos do escritor Xosé Monteagudo.
Rematada a lectura nos clubs de 2º de bacharelato da novela Todo canto fomos, o autor tivo a amabilidade de encontrarse con nós e responder con sabedoría e moita paciencia ao batallón de preguntas que lle fixemos; e estas son algunhas das cousiñas sobre a obra que nos contou.
  • Sobre os personaxes falounos de Amaro, o primeiro dos personaxes da historia que creou e que vive na historia as peripecias máis amplas; Cada personaxe foi creado coa súa historia de maneira autónoma e logo o escritor encaixou as súas historias. El sabe cando escribe como van rematar as súas historias e os personaxes evolucionan a medida que escribe, di que se fai un guión decomo han de evolucionar os personaxes estes perden vida. Os personaxes teñen que ter unha vida propia e acumular unhas reflexións propias.

  • O labor de documentación: Contounos que non lle gusta moito documentarse, o que lle gusta é escribir pero nesta novela o marco histórico e a xeografía condicionárono, por exemplo no tema da Illa de San Simón hai memoria dos presos que responde a realidade do que aconteceu alí.No tema da pesca houbo unha persoa que o ilustrou sobre como era esta nesa época.

  • En todas as novelas hai algo seu pero non responden á súa biografía, as experiencias que cada un ten fan que mude a súa forma de pensar e é o que trato de reflectir nos meus personaxes. Carlota é o personaxe que espertou máis simpatías entre os lectores, para creala inspireime en personaxes que viviron o que ela vive na novela, no ensino naquela época, o labor dun mestre como instrumento que pode cambiar a sociedade, non é un caso concreto senón varios.
  • Un escritor sempre escribe tres novelas: a que quere escribir, a que escribe e a que pensa que escribiu, esta levoume cinco anos e absorbeulle tempo e enerxías.
  • Non cre que a función da novela sexa facer unha crítica, mais ben unha incitación á reflexión do lector, a interpretación da realidade segundo le.
  • Respecto do proceso da escrita dinos que hai unha primeira idea e logo pénsase ao escribir, non se planea previamente, para el é moi importante desenvolver a historia.
  • Tiña unha idea previa da estrutura, escribiu as historias sabendo que formaban parte da mesma historia pero non as encaixou ata o final do proceso.

" Quixen que a novela dese a voz aos que non tiveron voz"


E rematamos a sesión cunha fotiño para a lembranza e a acostumada sinatura de libros.



mércores, 3 de xaneiro de 2018

martes, 2 de xaneiro de 2018

Resolución da convocatoria do programa dos CLUBS DE LECTURA:

Pois COMO AGASALLO DESTE NADAL saíu a resolución definitiva das AXUDAS da Xunta para os CLUBS DE LECTURA, e estamos felices xa que nos adxudicaron 1705 euros (só somos dous centros en toda Galicia con esta adxudicación, a maior...); e será que valoraron o noso proxecto, e é que estamos moi agradecidos e agradecidas ao equipo avaliador, e é que imos mercar moitos libriños para os nosos lectores e lectoras, e actualizar os fondos do noso club....

Pois xa sabedes rapaces e rapazas, agora toca:

 LERRRRRR E GOZARRRR DA LECTURAAAAA.


A noticia no blog das BIBES galegas:


A noticia en La Voz de Galicia:

"Las subvenciones otorgadas oscilan entre los 720 euros y los 1.705. En la ciudad de Pontevedra, reciben las ayudas para poder desarrollar sus clubes de lectura cinco institutos. Son los IES A Xunqueira I (1.250 euros), A Xunqueira II (1.250), Frei Martín Sarmiento (1.150), Luís Seoane (1.150) y Sánchez Cantón (1.705). El otro centro del municipio es la Escola Oficial de Idiomas (EOI), que consigue 600 euros."