venres, 18 de outubro de 2019

Presentación de novos clubs.

Ao longo desta semana fóronse presentando novos clubs de lectura, grupos lectores de "Nube de palabras" e as súas lecturas do 1º trimestre; como novidade estreámonos coa banda deseñada por vez primeira con Kiko Da Silva.

1º Bacharelato, grupo B:




1º ESO grupo B:




4º ESO, grupo D:



Feliz andaina lectora para todxs.

martes, 15 de outubro de 2019

Xa están aquí os clubs de lectura 19/20...


A primeira sesión do club do curso sempre é moi emocionante, e máis cando todas as cariñas que se reúnen ao teu carón acaban de chegar ao instituto e todo é novo para eles e elas.

Este luns no recreo presentamos aos grupos lectores mixto de lingua inglesa (4º de ESO e 1º de bacharelato) e o grupo A de 1º de ESO, repartimos os contratos responsables, comemos boliñas de chocolate e entregamos e pactamos as primeiras lecturas. Estas son as imaxes:






venres, 11 de outubro de 2019

Andainas lectoras para o curso 2019/20: Grupos, coordinadores e lecturas do primeiro trimestre.





Pois xa estamos preparados para comezar as nosas andainas lectoras deste ano académico, despois dun proceso "encaixe de boliños" coas preferencias do alumnado matriculado e do profesorado coordinador dos grupos, preparada e enviada a documentación para participar no programa da Xunta, redixido proxecto, presentado este ao Claustro de Profesores e ao Consello Escolar para a súa aprobación.... ufffff!!!!! papeis e máis papeis, listados, borradores.... por fin....

COMEZAMOS........


13 grupos lectores, 115 alumnos e alumnas, 8 coordinadores e coordinadoras e 13 lecturas seleccionadas (variadas, diversas en temas, linguas, formatos, autores... todas elas de gran calidade por certo) a vindeira semana poderemos presentarnos, vernos as caras e comezar coas LECTURAS COMPARTIDAS.
Como novidade este curso comezamos cun grupo lector de igualdade en 1º de bacharelato que estará moi relacionado co labor do Consello da Muller Nova e co grupo de apoio LGBTIQ+ do noso centro de ensino.

Pouco a pouco iremos colgando as fotos das presentacións dos grupos lectores pero para abrir boca, imos adiantar en exclusiva as nosas previsións lectoras para o primeiro trimestre nas diferentes seccións do noso Club "Nube de Palabras":

1º de ESO:

  • Lingua galega, grupo A. Coordinador Juan García (Relixión): Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta de Ledicia Costas.
  • Lingua galega, grupo B. Coordinadora Anxos Rial (Lingua Galega) Conta nove estrelas de Andrea Maceiras.
  • Lingua española. Coordinadora Lucía Neira (Lingua Castelá) Defensores de dragones de Esther Vázquez.

2º/3º de ESO:

  • Lingua galega. Coordinadora Salomé Díaz (Lingua Galega). O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro.

4º de ESO:

  • Linguas clásicas. Coordinadora Loli Castro (Linguas Clásicas). O kilix dos deuses de Nicanor Alonso.
  • Lingua galega, grupo A. Coordinadora Anxos Rial (Lingua Galega) Memoria do silencio de Eva Mejuto.
  • Lingua galega, grupo B.Coordinadora Anxos Rial (Lingua Galega) O inferno do debuxante de Kiko Da Silva.

                                                             1º/2º Bacharelato:

  • Linguas clásicas. Coordinadora Loli Castro (Linguas Clásicas). Circe ou o pracer do azul de Begoña Camaño.
  • Lingua galega, grupo A. Coordinadora Anxos Rial (Lingua Galega) Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo.
  • Lingua galega, grupo B. Coordinadora Conchi Díaz (Lingua Galega) Tu contas, eu conto de Susana Aríns.
  • Lingua galega, grupo B. Coordinadora Conchi Díaz (Lingua Galega). Noite estrelada de Jimmy Liao.
  • Grupo de Igualdade. Coordinadora María Buceta (Matemáticas). Masculino Singular de Carlos Negro / Invisibles de Montse Fajardo.

4º ESO/1º Bacharelato:

  • Lingua inglesa. Coordinadora María José Torres. A Sherlock Homes Collection.

 Actividades e colaboración con clubs:

Este ano colaboraremos co Club de Lectura de 1º de ESO do IES Agra do Orzán arredor da lectura "Conta nove estrelas" de Andrea Maceiras con visita á cidade de A Coruña; realizaremos un Roteiro lector á Illa de San Simón arredor da lectura "Noite de voraces sombras" de Agustín Fernández Paz para alumnado de 3º e 4º de ESO, teremos un encontro lector con Fran P. Lorenzo arredor de Cabalos e lobos para o laumnado de 1º de bacharelato, en novembro e seremos socios colaboradores do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra...

Como novidade participaremos nunha merenda lectora coas persoas da Residencia da Terceira Idade de Campolongo. 
E de seguro que moitas máis actividades por programar.

Benvidos e benvidas pois, todos e todas, a esta nova andaina lectora do noso club "NUBE DE PALABRAS".



martes, 17 de setembro de 2019

FORMULARIO PARA ANOTARSE AO CLUB DE LECTURA 19/20. Prazo aberto ata o 4 de Outubro.

Pois xa estamos de volta e comenzando un novo curso lector cheo de novos títulos e actividades. 

Como novidade este curso realizaremos a recollida de anotacións electronicamente, xa sabedes que hai que aforrar papel para darlle longa vida ás nosas árbores... a lectura sempre da man da ecoloxía.

Cubride o seguinte formulario e xa nos poremos en contacto con vós. Lembrade que o prazo remata o 4 de outubro e que sempre hai lista de espera.

CONTAMOS CON VÓS PARA COMPARTIR LECTURAS!!!!!.



mércores, 26 de xuño de 2019

Cartafol, nº 24 (EDL do Sánchez Cantón)

No cartafol nº 24 deste curso académico tamén se fala das actividades do noso club de lectura, un grande traballo do Equipo de Normalización Lingüística co profesor Janeiro ao frente. Parabéns para todos e todas.

CARTAFOL 24




xoves, 30 de maio de 2019

Avaliación do club de lectura

Ímonos de roteiro literario con Eva Mejuto: " Memoria do silencio"

Pois por fin chegou o día:  mañá os clubs de lectura de 4º e 3º de ESO ímonos de roteiro literario a Ribadavia con Eva Mejuto, arredor da  súa novela Memoria do silencio.

Achegarémonos á historia das irmás Touza, coñeceremos datos sobre á súa participación na cadea para salvar aos xudeus da persecución nazi, mais tamén nos achegaremos á historia, arte e cultura da vila do Ribeiro... e á súa gastronomía xudía (sorpresa, sorpresa...)

Todo un pracer vai ser percorrer Ribadavia con Eva Mejuto, compartir as súas pesquisas, nas que se baseou para escribir a novela, falar dos personaxes e dalgún xeito render xuntos e xuntas unha sentida homenaxe ás protagonistas da historia. Lola, Günter e Frida de seguro acompañarán os nosos pasos no roteiro.

Os versos de Celso Emilio, de Rosalía e cantares populares servirán para introducirnos na apaixonante cultura literaria de O Ribeiro. 

Haberá tempo para lecer, para mercar melindres e descansar da calor cun xantar "picnic" na área de A Veronza.

Un fermoso broche de ouro para as nosas lecturas deste curso 18/19. Desfrutade da visita.