martes, 27 de outubro de 2020

Agasallos desde Bonn.

Está mañá tivemos a sorpresa de recibir un agasallo que nos enviou a profesora Stefanie Bauer desde Bonn; un fermoso detalle para indicarnos que non se esquece do paseo literario que fixemos con ela e da sesión de club que compartiu connosco.

 


Grazas Stefanie.

sábado, 24 de outubro de 2020

Encontro literario coa escritora EVA MEJUTO ( Programa Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria. Ministerio de Cultura).

 


 

Innauguramos este estraño curso lector cunha visita de alto nivel, a da escritora Eva Mejuto, actividade encadrada dentro do programa do Ministerio de Cultura "Actividades literarias en Institutos de Educación Secundaria".

  http://www.culturaydeporte.gob.es/dam/jcr:0cb95498-6559-4c0d-a89e-369ac5d3e7e1/logotipo-dglfl.jpg

 


 

 

Coma a nosa biblioteca funciona coma aula e coma hai que respectar o tempo de duración das actividades e o número de participantes polas normas COVID, o encontro lector realizouse en dúas quendas e dous espazos ( a primeira na aula de 1º de ESO C e a segunda no paraninfo con 1º de ESO B e 1º de ESO F).

 

Aproveitamos esta visita para comezar as actividades de fomento da lectura que organizamos desde o club de lectura e celebrar ao tempo o Día das Bibliotecas ( aínda que fóra da biblioteca xa que esta foi reconvertida en aula).

 


 A escritora Eva Mejuto centrou o seu faladoiro coa rapazada no tema do oficio de escritora, no relato da súa traxectoria no mundo da escrita e na súas obras literarias publicadas para os e as, lectores xuvenís. Contoulle ao seu auditorio como era afeccionada á lectura e á escrita desde nena e como procurou unha profesión relacionada con estas, xornalismo; ben cedo descubriu que esta non lle gustaba e cando lle ofreceron traballar na editorial Kalandraka non dubidou en abandonalo e adicarse a "vivir do conto". Desde entón vive de facer libros e de escribir libros.

 

  Comezou a escribir adaptando historias ( a partir de contos tradicionais naceron os álbumes ilustrados Maruxa, A Mosca chosca ou Corre,corre cabaciña, traducidos a máis de dez idiomas). Vendo un documental que falaba sobre nenos trans naceu a idea de "22 segundos", xa que pensou que de escribilo podería servir para amosar distintas realidades do mundo trans. O libro fluiu grazas á documentación sobre o tema, traballo previo á escrita. Logo de escribir o libro hai que correxir e darlle moitas voltas ao texto relatoulle ao alumnado. O libro chegou, conta Eva Mejuto, cando se falaba do tema trans e xa vai pola sétima edición, tivo un longo percorrido e foi logo traducido ao español.  

 

 Para rematar o encontro, a nosa rapazada puido facer preguntas á autora e case non chegamos a tempo á seguinte sesión pois non deixaban de preguntar, o que amosa a boa conexión que se estableceu entre a escritora e o seu auditorio. Agradecementos, un caloroso aplauso e a invitación a futuros encontros e lecturas puxo final a esta reunión tan enriquecedora.

 


 

Grazas á autora Eva Mejuto e ao Ministerio de Cultura por facilitarnos esta actividade. 



luns, 19 de outubro de 2020

Preparando o encontro lector coa escritora Eva Mejuto.

 O vindeiro día 23 de outubro visitaranos a escritora Eva Mejuto para falar con nós sobre "o oficio de escritora" e sobre a súa novela "22 segundos". Para ir sabendo algo máis dela podedes consultar este enlace da galipedia co seu currículo: 

EVA MEJUTO.

 

 


 



domingo, 11 de outubro de 2020

Día das escritoras, 19 de outubro.

Iniciamos as publicacións deste curso 20/21 (que tivo un comezo tan especial) cunha celebración, a do DÍA DAS ESCRITORAS; a Biblioteca Nacional tivo a iniciativa desta conmemoración coa finalidade de recuperar o legado destas e visibilizar o seu traballo no ámbito da literatura e combater a discriminación que sofreron na historia (fonte: Galipedia).

O lema desta edición é " "O esforzo cotián das mulleres"  e nesta liña as Bibliotecas Escolares de Galicia realizaron unha selección de textos de escritoras galegas (na cal participamos) que nos falen de mulleres galegas "bravas" coa fin de ponderalas.

Deixámosvos aquí o enlace para a descarga desta pequena antoloxía de textos coa idea de que poidamos lelos e coñecelos mellor nesta data tan significativa. Vaian como adianto as palabras que a nosa amiga e escritora Eva Mejuto puxo en boca das irmás Touza, heroínas na escuridade e protagonistas da súa novela " Memoria do silencio":

"Tócanos facer as cousas ás agachadas, que non se note que estamos, porque somos invisbles como o ar. O que non saben, ou non pensan, é que o ar se coa en todos os recantos precisamente poque non se ve. Así facemos nosoutras."

 "O esforzo cotián das mulleres" :

https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/files/D%C3%ADa_das_Escritoras_20.pdf


 


sábado, 13 de xuño de 2020

Avaliación do club de lectura

Despois do brusco remate deste curso e dos nosos clubs non debedes esquecer dúas cousiñas, cubrir o formulario de avaliación e devolver os libros na biblioteca especificando que pertencen ao club de lectura.


sábado, 28 de marzo de 2020

Mensaxe de ANDREA MACEIRAS ao alumnado dos clubs de lectura.

Nestes tempos de confinamento, a escritora Andrea Maceiras,  da que lemos obras en 1º de ESO ( Conta nove estrelas,) e 4º de ESO ( O que sei do silencio), e coa que tiñamos programado un encontro lector en abril na Coruña, conxuntamente co alumnado do IES Agra do Orzán desta cidade, amablemente quixo enviarnos esta mensaxe de ánimo lector: 

Grazas mil, Andrea Maceiras.


venres, 6 de marzo de 2020

A filla do Minorauro

Rematadas as reunións e a lectura do libro é, agora, o momento de comentalo.
Como recomendaríades esta obra?