martes, 21 de xaneiro de 2020

Andainas lectoras II: 2º trimestre.



Grazas á asignación de fondos recibidos do programa de clubs de lectura da Consellería de Educación


 puidemos realizar unha importante compra de novidades lectoras para os nosos clubs, unha moi boa nova para todos os que participamos destes grupos lectores e que agradecemos de corazón.
As lecturas deste trimestre son pois:

1º de ESO:
Grupo A: Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra y Fabra.
Grupo B: Conta nove estrelas de Andrea Maceiras.
Grupo C: El asesinato de la profesora de lengua de  Jordi Sierra y Fabra.

Grupo de inglés: Little women de Louisa May Alcott (adaptación)

3º de ESO:  
Atranco no banco de Manuel Núñez Singala.

4º ESO:
Grupo A: DX de Eli Ríos.
Grupo B: O que sei do silencio de Andrea Maceiras.
Grupo linguas clásicas: Libro das alquimias de Xesús Constela.

1º Bacharelato:
Grupo A ( 1º e 2º bach.): A arte de trobar de Santiago Lopo.
Grupo B: A historia interminable de Michael Hende (en galego)
Grupo C: Tu contas, eu conto de Susana Aríns.

Grupo de igualdade: Senlleiras de Antía Yáñez.


E agora a desfrutar das lecturas... e tamén do cine:


"O som das cores" de Jimmy Liao no club de lectura.

Cando a luz desaparece, a soidade e o medo poden achegarnos ao "som das cores" e a luz e a harmonía poden chegar a iluminar o camiño.
O som das cores, álbum do ilustrador taiwanés Jimmy Liao, foi escollido polo noso club como lectura inclusiva para achegarnos ao mundo da protagonista que ao cumprir 15 anos queda cega; a maiores de gozar das fermosas imaxes e da grande sensibilidade e imaxinación do autor, coa selección deste título queriamos poñernos na pel da protagonista, sentir o seu medo e a súa soidade para comprendela, empatizar coa personaxe e descubrir un camiño no que o son pode facernos sentir as cores do mundo que nos rodea a pesar da escuridade.
Di Rainer Maria Rilke no seu poema "A cega":

Agora xa non teño que pasar sin iso:
todas as colores tradúcense
en sons e olores.
E resoan como melodías
de beleza infinita.

Así mesmo a nosa rapaza protagonista  pasa da escuridade do metro (entre a realidade e a imaxinación) a escoitar o son e precibir as cores que producen espazos e seres, realidades e fantasías que vai atopando ao saír por distintas bocas do metro: páxinas nas que a cor e as figuras son verdadeira poesía en imaxes.

Coma noutras obras de Jimmy Liao tamén aquí está presente a influencia de pintores impresionistas, surrealistas e a representación de imaxes do mundo real. Grazas á colaboración do noso compañeiro e profesor de historia Humberto Martínez Gargamala, puidemos identificar moitos deses paralelismos pictóricos que son referentes artísticos no álbum e desfrutar deles nesta presentación de diapositivas da súa autoría coa que nos agasallou:




Relacionamos tamén este album con outras dúas xoias moi inclusivas que recomendamos para complementar a súa lectura:

Resultado de imaxes para album ilustrado con figuras em braille 

mércores, 18 de decembro de 2019

Protagonistas lectores na prensa local


Anxos Rial co alumnado dun dos clubs de lectura do IES Sánchez Cantón. C.G.

Co gallo da resolución das axudas aos clubs de lectura da Consellería de Educación, no Diario de Pontevedra fixéronnos a seguinte entrevista:

Un libro é a mellor compañía

luns, 16 de decembro de 2019

Os clubs de lectura de 1º de ESO con MARÍA SOLAR


 
O luns, os clubs de lectura de 1º de ESO, puidemos asistir cunha chea de rapazada doutros institutos a unha conferencia da escritora María Solar, arredor da súa novela "Os nenos da varíola".

Na súa charla a escritora e presentadora da TVG, relatounos como despois de rematar a carreira de Bioloxía pasou a ser presentadota na televisión e como comezou a escribir.

Contounos como se interesou polo tema central desta obra, o traslado da vacina da varíola a América, como se documentou e como imaxinou e escribiu a historia. Aportounos moitos datos como en que consistía a enfermidade, como se crearon as vacinas e sobre os personaxes protagonistas da novela baseados en personaxes reais.

Despois de responder ás nosas preguntas, amablemente permitiu que nos fotografáramos con ela:


mércores, 4 de decembro de 2019

Obradoiro de poesía e igualdade con Tamara Andrés Padín

Os grupos de club de lectura e Consello da Muller Nova participamos nun fermoso obradoiro de poesía e igualdade da man da poeta Tamara Andrés Padín; este obradoiro, en palabras da autora:

" Todas as linguaxes na miña boca ". Obradoiro impartido por Tamara Andrés.

 

Este obradoiro pon o foco nas poesía galega contemporánea de autoría feminina. Aprenderemos quen son as mulleres que escriben poesía en Galicia e leremos poemas delas que reflexionen sobre a realidade de pertencer ao xénero feminino. Así, estableceremos un espazo de reflexión común a través dun laboratorio de lectura colectiva. Despois diso, cada alumna/alumno escribirá de xeito individual unha idea para un poema que escribiría desde a súa experiencia e desde a perspectiva de xénero. Incentivarase a escritura do poema e poranse en común os textos producidos.



Unha moito proveitosa xornada para reflexionar, visibilizar e gozar da poesía feminina.

 

Dous novos clubs se incorporan ao grupo NUBE de PALABRAS

Nunca é tarde para comezar, e este mes de decembro comezan a súa andaina dous grupos de clubs...

O club de 1º de ESO en lingua española coa coordinación da profesora Lucía e que van ler a obra da escritora mexicana MaríaGarcía Esperón "Mi abuelo Moztezuma"


O club de igualdade asociado tamén ao Consello da Muller Nova coordinado pola profesora María Buceta e que van ler "Todos deberiamos ser feministas" de Chimamanda Adichie:




Feliz andaina para todos e todas