mércores, 8 de outubro de 2025

"Con barqueiro e remador" Asistimos ao recital poético co club de 1º de bacharelato.

 




O venres 3 de outubro repetimos experiencia e participamos do recital do obradoiro de recital poético "Con barqueiro e remador" , este é o relato que del fan Cecilia e Ana: 

"O recital multilingüe ao que asistimos foi unha experiencia enriquecedora. Participaron poetas que recitaron nas súas linguas de orixe: aragonés ( Antonio Andreu Sanz), caranés (Reshma Ranesh), esloveno (Verónika Dintinjana), ucraíno (Halyna Krut) e irlandés (Louis da Paor). Cada un deles demostrou unha maneira distinta de sentir e expresar a poesía. Oriana Méndez traduciu cada poema ao galego e, ao final compartiu tamén un poema propio.

Entre todas as intervencións destacou para min a de Reshma, unha escritora da India, os seus poemas trataron temas actuais e duros dunha forma moi clara, como a guerra de Gaza e o matrimonio infantil.

Este recital  fixo que comprendese mellor o impacto das palabras na poesía para unir culturas e persoas"

Cecilia Domínguez Torres.


"O pasado venres fomos a un recital de poesía no Teatro Principal que estaba dirixido por Yolanda Castaño, que é unha poeta española en lingua galega. Ela contaba con 5 poetas en distintos idiomas e máis unha poeta tradutora dos poemas ao galego.

Os primeiros poemas foron dunha muller eslovena seguida dun home aragonés (sorprendeume moito a lingua aragonesa pois eu pensaba que ía entender algo e non entendín nada. A terceira persoa en recitar foi unha muller india que compuxo dous poemas que chegaron ao corazón do público pois falaban da guerra de Palestina e despois do matrimonio infantil
O seguinte foi un home irlandés que non me gustou e por último unha muller ucraína que falou dos problemas da guerra e fixo un dedicado á súa amiga que morreu nesta. 

Ao final a tradutora de todos estes poemas tamén recitou un escrito por ela, eu quedei sorprendida coa forma que tiña de falar, facía que tivesemos unha escoita activa cada vez que falaba."

Ana Paz González.


Rematou o recital cunha marabillosa foto de grupo: 


Temos que agradecer ao Concello de Pontevedra que nos convidase, xa por segundo ano consecutivo, a participar neste conmovedor festival e á poeta  Yolanda Castaño por achegar a poesía á nosa rapazada.

Outras impresións da rapazada: 

" Todos os poemas foron moi bonitos e únicos; foi unha experiencia nova que vivín ( escoitar poemas en idiomas que nunca oín) que agradezo"

Sara Bouza.

" O home de Aragón foi o único que escribira sonetos, trataba temas coma a paisaxe e cousas nas que non todos nos fixamos. O home de Irlanda tratou temas coma a emigración, no seu caso a Australia, e o difícil que é comenzar unha vida nun sitio novo"

Alexia French.

"Contamos cunha poeta da India e outra ucraniana, estas dúas foron as que máis sentimento espertaron en min debido aos temas tan dolorosos que trataron nos seus poemas, a primeira falou do triste conflito de Gaza e Israel e do matrimonio infantil na India; a segunda falou dunha mellor amiga súa, defunta a causa do conflito armado do seu país"

Laura Conde.



martes, 7 de outubro de 2025

Presentamos os clubs de lectura 25/26

 E xa tivemos a primeira sesión do club de 2º de ESO (aínda que os de 2º A parece que se despistaron...) coa presentación da primeira lectura do curso: Game over de Santiago Lopo.

Aquí os temos: 


Club de lectura de 1º de ESO B/D: 



E o club de lectura de 1º de bacharelato B: 





Club de lectura de 1º Bach D.

Club de lectura de 1º Bach. C







Club de lectura de 1º de Bach. C/B








Club de lectura de Literatura do século XX



sábado, 21 de xuño de 2025

Marcapáxinas de flores prensadas no club de 2º de ESO

 Para despedirse do club de lectura deste ano, as rapazas do club de galego de segundo da ESO fixeron marcapáxinas con flores prensadas e este foi o resultado. Ata o próximo ano, mozas!

Fermosos, non si?





mércores, 21 de maio de 2025

Lecturas en el club de familias.

 Despois da rica sesión de hoxe na que comentamos as seguintes lecturas que tiñamos pendentes desde abril:

Comedia bífida de Manuel Núñez Singala

Las niñas no deberían jugar al fútbol De Marta Buchaca

Bicos e non balas de Antonio García Teijeiro

Remexido de patacas de Eli Ríos

Seleccionamos a que vai ser a nosa última lectura deste curso, unha obra de relatos de varias autoras como Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueirido, Elvira Ribeiro Tojo e Rexina Vega. Cada relato vai acompañado da súa correspondente ilustración, todas de ilustradoras: Luz Beloso, Celeste Garrido, Sofía Venzel ou Alba Troiteiro entre outras. O título da antoloxía é:

Ti non sabes o que é ser escritora

editada en 2023 pola Diputación de Pontevedra.




 



xoves, 1 de maio de 2025

Abril remata cos versos de Tamara Andrés. Club de lectura de familias.

 


A choiva e a ponte, aínda que se notaron, non puido co noso club de lectura de familias que se reuniu onte, rematando o mes de abril na mellor das compañías, a da poeta Tamara Andrés coa súa obra Irmá paxaro.

Comezamos a sesión a media luz escoitando varios poemas do poemario recitados pola propia autora que conquistou coa súa voz ás nosas lectoras; tras a escoita dos versos naceu xa a primeira cuestión: a súa poesía é preferiblemente para ser lida en voz alta, para ser escoitada coa fin de desfrutala e que nos penetre polos oídos e pola pel.

Falamos de versos e de familias, de violencia, da infancia, de poesía e adolescentes, de transmitir e conquistar lectores de poesía, das dificultades de comprensión, de saborear versos... así durante un encontro moi participativo por parte das nosas lectoras que lle fixeron interesantes preguntas á poeta polo que puidemos comprender e valorar mellor o poemario que viñamos de ler.

Para rematar a sesión, Tamara Andrés recitounos o poema Abril que pertence á súa última obra Por concretarme (finalista dos premios Follas Novas), espertando en nós o desexo de lelo e poder compartilo nun futuro coa autora. 

Grazas mil Tamara Andrés por abrir os nosos sentidos á poesía.