martes, 11 de novembro de 2025

Os clubs de lectura no cine: Castelao en Antes de Nós

O alumnado dos clubs de lectura de 1°BACH asistiu á proxección da película ANTES DE NÓS, que recrea un episodio da vida de Castelao. Logo da proxección , o alumnado participou nun coloquio co actor protagonista, Xoán Fórneas, e a directora de produción, Lucía Caramelo, realizaron moitas e interesantes preguntas xa que o club de Literatura do século XX lera previamente "Cousas". Eles, comentáronlle á rapazada, entre outras cousas, o minucioso traballo realizado para recrear a variedade lingüística do noso escritor rianxeiro con total fidelidade.




venres, 7 de novembro de 2025

Os clubs de lectura no Roteiro Castelao


O alumnado do club de lectura de 1º de bacharelato , literatura do séulo XX, participamos nun roteiro pola nosa cidade de Pontevedra que tiña coma eixe central a figura de Castelao, coma homenace no seu ano. Alí coincidimos con alumnado doutros institutos de Pontevedra e en cada lugar emblemático da súa vida e obra ( Museo de Pontevedra, Café Moderno, a casa da Oliva...) realizamos lecturas de toda a súa obra literaria e ensaística.


Un bo xeito de nos achegar máis á figura do artista, intelectual e político máis insigne da nosa historia.


 


mércores, 5 de novembro de 2025

Arrincando motores con Ursula K. Le Guin, Antonio M. Fraga e Carlos Negro

Pouco a pouco, as augas comezan a relaxarse despois do inicio de curso. Así, as persoas integrantes dos diferentes grupos de Nube de Palabras foron recollendo cadanseus libros e gozando dos primeiros capítulos e relatos. En concreto, estas últimas semanas tiveron lugar as reunións de dous grupos de terceiro da ESO e dun grupo de segundo da ESO.

No que se refire a un dos grupos de 3º, comezamos a nosa andaina literaria mergullándonos na alta fantasía máis pura da man de Ursula K. Le Guin. Desta maneira, o alumnado xa comezou a lectura de Un feiticeiro de Terramar, a primeira entrega dunha das sagas máis coñecidas do eido fantástico. Malia que ao comezo a historia tarda un pouco en engalar por mor da profundidade con que a autora quere dotar ao protagonista, o certo é que a obra ten bastante potencial.


Alén disto, co outro grupo de 3º botamos a andar cara Oza grazas á obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, que nos leva (tamén partindo do fantástico) aos anos 30 do século pasado e que nos achega á vida dun rapaz de escasos recursos que vai pasar un verán inesquecible nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza.


Finalmente, pasamos da fantasía ao terror co noso alumnado de 2º da ESO, que comezou a lectura de Non cantan paxaros neste bosque, de Carlos Negro. O libro, que contén relatos que oscilan entre o medo máis clásico e propostas máis achegadas a outros subxéneros como o terror cósmico, eríxese como un imprescindible para esta época escura do ano que vai entre o Samaín e o Nadal.






domingo, 12 de outubro de 2025

Club de lectura de familias de novo en funcionamento lector. Lemos A vida incerta de Montse Fajardo.

 O pasado mércores 8, tivemos xa o primeiro encontro do club de lectura de familias no que presentamos ao noso novo coordinador Alexandre Fernández do departamento de lingua galega; a maires do reencontro coas nosa lectoras fieis do curso pasado, puidemos dar a benvida a tres novas compañeiros lectoras ao noso club.

Coma estamos no ano Castelao e coma maioritariamente no grupo somos mulleres escollemos como primeira lectura deste curso  A vida incerta de Montserrat Fajardo que é a biografía de Virxinia Pereira a esposa de este gran home. A nosa intención é achegármonos con esta lectura a figura de Virxinia, gran descoñecida para moitas de nos e reivindicar a súa visibilización. 

Esperamos asistir todas, logo de ler o libro ao encontro coa autora no club que organiza o Concello e poder compartir con ela as nosas impresións.


Republicamos un post de A Contravento  en Instagram no aniversario do nacemento de Virxinia Pereira; 



mércores, 8 de outubro de 2025

"Con barqueiro e remador" Asistimos ao recital poético co club de 1º de bacharelato.

 




O venres 3 de outubro repetimos experiencia e participamos do recital do obradoiro de recital poético "Con barqueiro e remador" , este é o relato que del fan Cecilia e Ana: 

"O recital multilingüe ao que asistimos foi unha experiencia enriquecedora. Participaron poetas que recitaron nas súas linguas de orixe: aragonés ( Antonio Andreu Sanz), caranés (Reshma Ranesh), esloveno (Verónika Dintinjana), ucraíno (Halyna Krut) e irlandés (Louis da Paor). Cada un deles demostrou unha maneira distinta de sentir e expresar a poesía. Oriana Méndez traduciu cada poema ao galego e, ao final compartiu tamén un poema propio.

Entre todas as intervencións destacou para min a de Reshma, unha escritora da India, os seus poemas trataron temas actuais e duros dunha forma moi clara, como a guerra de Gaza e o matrimonio infantil.

Este recital  fixo que comprendese mellor o impacto das palabras na poesía para unir culturas e persoas"

Cecilia Domínguez Torres.


"O pasado venres fomos a un recital de poesía no Teatro Principal que estaba dirixido por Yolanda Castaño, que é unha poeta española en lingua galega. Ela contaba con 5 poetas en distintos idiomas e máis unha poeta tradutora dos poemas ao galego.

Os primeiros poemas foron dunha muller eslovena seguida dun home aragonés (sorprendeume moito a lingua aragonesa pois eu pensaba que ía entender algo e non entendín nada. A terceira persoa en recitar foi unha muller india que compuxo dous poemas que chegaron ao corazón do público pois falaban da guerra de Palestina e despois do matrimonio infantil
O seguinte foi un home irlandés que non me gustou e por último unha muller ucraína que falou dos problemas da guerra e fixo un dedicado á súa amiga que morreu nesta. 

Ao final a tradutora de todos estes poemas tamén recitou un escrito por ela, eu quedei sorprendida coa forma que tiña de falar, facía que tivesemos unha escoita activa cada vez que falaba."

Ana Paz González.


Rematou o recital cunha marabillosa foto de grupo: 


Temos que agradecer ao Concello de Pontevedra que nos convidase, xa por segundo ano consecutivo, a participar neste conmovedor festival e á poeta  Yolanda Castaño por achegar a poesía á nosa rapazada.

Outras impresións da rapazada: 

" Todos os poemas foron moi bonitos e únicos; foi unha experiencia nova que vivín ( escoitar poemas en idiomas que nunca oín) que agradezo"

Sara Bouza.

" O home de Aragón foi o único que escribira sonetos, trataba temas coma a paisaxe e cousas nas que non todos nos fixamos. O home de Irlanda tratou temas coma a emigración, no seu caso a Australia, e o difícil que é comenzar unha vida nun sitio novo"

Alexia French.

"Contamos cunha poeta da India e outra ucraniana, estas dúas foron as que máis sentimento espertaron en min debido aos temas tan dolorosos que trataron nos seus poemas, a primeira falou do triste conflito de Gaza e Israel e do matrimonio infantil na India; a segunda falou dunha mellor amiga súa, defunta a causa do conflito armado do seu país"

Laura Conde.



martes, 7 de outubro de 2025

Presentamos os clubs de lectura 25/26

 E xa tivemos a primeira sesión do club de 2º de ESO (aínda que os de 2º A parece que se despistaron...) coa presentación da primeira lectura do curso: Game over de Santiago Lopo.

Aquí os temos: 


Club de lectura de 1º de ESO B/D: 



E o club de lectura de 1º de bacharelato B: 





Club de lectura de 1º Bach D.

Club de lectura de 1º Bach. C







Club de lectura de 1º de Bach. C/B








Club de lectura de Literatura do século XX