domingo, 30 de novembro de 2025

Os coordinadores do club de lectura na "Festa dos clubs de lectura" de Culturgal


 O pasado sábado os mediadores do club de lectura Alexandre Fernández e Anxos Rial, asistimos convidados pola organización á Festa dos clubs de lectura de Culturgal.

Foi un día intenso xa que a partir das 12 da mañá e ata as 19 horas participamos nas varias actividades organizadas, as máis delas encontros con autores e presentación de libros aínda que tamén houbo espazo para as lecturas dramatizadas nas que tivemos que adiviñar os títulos dos libros lidos. 


Previamente tiñamos lidas as obras que se presentaban coma Reconversión de Santiago Cortegoso, Sarela de Marga Tojo ou Run, run de Ana Varela.

No encontro participaron membros doutros clubs de lectura coma A lonxa vella de Moaña, Espazo Lectura de Gondomar ou as Bibliotecas de A Coruña polo que resultou unha xornada moi enriquecedora xa que puidemos facer preguntas, intercambiar impresións e desfrutar da nosa literatura máis novidosa.


Temos que agradecer á Anna Figueiredo  da organización que nos convidase un ano máis.

Visita a Culturgal dos clubs de 2º de ESO e 1º de Bacharelato

 


O venres puidemos realizar a nosa, xa habitual, visita a Culturgal; grazas á organización que puxo ao noso dispor unha guía, Silvia, amable e encantadora, realizamos un paseo moi detallado por distintos postos da feira: O espazo ARTE que os impactou coas súas obras, o estand da música tradicional onde o alumnado puido probar distintos instrumentos coma castañolas ou pandeiretas, o da Diputación da Coruña onde os agasallaron cunha libretas, o de xogos tradicionais galegos, o dos videoxogos (que lles encantou), o de Pablo Méndez performances e máis como se pode aprezar nas imaxes.

Con respecto aos libros e á lectura visitamos o estand de Edicións Alvarellos onde lles amosaron unha fermosas reproduccións das edicións orixinais das obras de Valle Inclán e dos 8 poemas galegos de García Lorca; o reponsable da Editorial explicoulles como se realizaran as partes das que constaban os libros (camisa, lombo, gardas, portada...) que resultou moi interesante. 

Logo visitamos a editorial Cuarto de Inverno onde a editora Andrea Jamargo explicoulles como se creou e como funciona unha pequena editorial e alí puideron recoñecer algúnhas das súas lecturas que realizaran nos clubs. Visitamos tamén a Librería Paz onde coñeceron á  escritora Cynthia Méndez e á súa primeira novela Son como glaciares os barcos de aceiro.

Tras un paseo libre pola feira durante o que curiosearon sós, regresamos ao instituto cargados de bolsas e agasallos. Volveremossssss!!!!



venres, 21 de novembro de 2025

O club de lectura das familias: Encontro lector con Montse Fajardo "A vida incerta"

 


E coma remate dos actos Castelao, asistimos ao encontro lector con Montse Fajardo arredor do seu ensaio "A vida Incerta" sobre a personaxe de Virxinia Pereira . A semana anterior, despois da lectura, xa tiveramos a nosa sesión previa para preparar esta reunión lectora e realmente resultou moi gratificante comentar moitos dos datos que se nos contan no ensaio ( o exilio, as penurias vitais e económicas que sufriron, a loita polo patrimonio de ambos, a  reivindicación e defensa de Galicia, do galeguismo  e da República que Virxinia realiza tras a morte do escritor...).


O encontro lector desenvolveuse nun ambiente ideal (a libraría Nobel) e a escritora, xornalista e politóloga Montse Fajardo contestou a todas as nosas preguntas e máis, deunos unha gran lección de galeguismo, de visibilización e recoñecemento das mulleres represaliadas entre elas a protagonista da obra, Virxinia Pereira.





martes, 11 de novembro de 2025

Os clubs de lectura no cine: Castelao en Antes de Nós

O alumnado dos clubs de lectura de 1°BACH asistiu á proxección da película ANTES DE NÓS, que recrea un episodio da vida de Castelao. Logo da proxección , o alumnado participou nun coloquio co actor protagonista, Xoán Fórneas, e a directora de produción, Lucía Caramelo, realizaron moitas e interesantes preguntas xa que o club de Literatura do século XX lera previamente "Cousas". Eles, comentáronlle á rapazada, entre outras cousas, o minucioso traballo realizado para recrear a variedade lingüística do noso escritor rianxeiro con total fidelidade.




venres, 7 de novembro de 2025

Os clubs de lectura no Roteiro Castelao


O alumnado do club de lectura de 1º de bacharelato , literatura do séulo XX, participamos nun roteiro pola nosa cidade de Pontevedra que tiña coma eixe central a figura de Castelao, coma homenace no seu ano. Alí coincidimos con alumnado doutros institutos de Pontevedra e en cada lugar emblemático da súa vida e obra ( Museo de Pontevedra, Café Moderno, a casa da Oliva...) realizamos lecturas de toda a súa obra literaria e ensaística.


Un bo xeito de nos achegar máis á figura do artista, intelectual e político máis insigne da nosa historia.


 


mércores, 5 de novembro de 2025

Arrincando motores con Ursula K. Le Guin, Antonio M. Fraga e Carlos Negro

Pouco a pouco, as augas comezan a relaxarse despois do inicio de curso. Así, as persoas integrantes dos diferentes grupos de Nube de Palabras foron recollendo cadanseus libros e gozando dos primeiros capítulos e relatos. En concreto, estas últimas semanas tiveron lugar as reunións de dous grupos de terceiro da ESO e dun grupo de segundo da ESO.

No que se refire a un dos grupos de 3º, comezamos a nosa andaina literaria mergullándonos na alta fantasía máis pura da man de Ursula K. Le Guin. Desta maneira, o alumnado xa comezou a lectura de Un feiticeiro de Terramar, a primeira entrega dunha das sagas máis coñecidas do eido fantástico. Malia que ao comezo a historia tarda un pouco en engalar por mor da profundidade con que a autora quere dotar ao protagonista, o certo é que a obra ten bastante potencial.


Alén disto, co outro grupo de 3º botamos a andar cara Oza grazas á obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, que nos leva (tamén partindo do fantástico) aos anos 30 do século pasado e que nos achega á vida dun rapaz de escasos recursos que vai pasar un verán inesquecible nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza.


Finalmente, pasamos da fantasía ao terror co noso alumnado de 2º da ESO, que comezou a lectura de Non cantan paxaros neste bosque, de Carlos Negro. O libro, que contén relatos que oscilan entre o medo máis clásico e propostas máis achegadas a outros subxéneros como o terror cósmico, eríxese como un imprescindible para esta época escura do ano que vai entre o Samaín e o Nadal.






domingo, 12 de outubro de 2025

Club de lectura de familias de novo en funcionamento lector. Lemos A vida incerta de Montse Fajardo.

 O pasado mércores 8, tivemos xa o primeiro encontro do club de lectura de familias no que presentamos ao noso novo coordinador Alexandre Fernández do departamento de lingua galega; a maires do reencontro coas nosa lectoras fieis do curso pasado, puidemos dar a benvida a tres novas compañeiros lectoras ao noso club.

Coma estamos no ano Castelao e coma maioritariamente no grupo somos mulleres escollemos como primeira lectura deste curso  A vida incerta de Montserrat Fajardo que é a biografía de Virxinia Pereira a esposa de este gran home. A nosa intención é achegármonos con esta lectura a figura de Virxinia, gran descoñecida para moitas de nos e reivindicar a súa visibilización. 

Esperamos asistir todas, logo de ler o libro ao encontro coa autora no club que organiza o Concello e poder compartir con ela as nosas impresións.


Republicamos un post de A Contravento  en Instagram no aniversario do nacemento de Virxinia Pereira; 



mércores, 8 de outubro de 2025

"Con barqueiro e remador" Asistimos ao recital poético co club de 1º de bacharelato.

 




O venres 3 de outubro repetimos experiencia e participamos do recital do obradoiro de recital poético "Con barqueiro e remador" , este é o relato que del fan Cecilia e Ana: 

"O recital multilingüe ao que asistimos foi unha experiencia enriquecedora. Participaron poetas que recitaron nas súas linguas de orixe: aragonés ( Antonio Andreu Sanz), caranés (Reshma Ranesh), esloveno (Verónika Dintinjana), ucraíno (Halyna Krut) e irlandés (Louis da Paor). Cada un deles demostrou unha maneira distinta de sentir e expresar a poesía. Oriana Méndez traduciu cada poema ao galego e, ao final compartiu tamén un poema propio.

Entre todas as intervencións destacou para min a de Reshma, unha escritora da India, os seus poemas trataron temas actuais e duros dunha forma moi clara, como a guerra de Gaza e o matrimonio infantil.

Este recital  fixo que comprendese mellor o impacto das palabras na poesía para unir culturas e persoas"

Cecilia Domínguez Torres.


"O pasado venres fomos a un recital de poesía no Teatro Principal que estaba dirixido por Yolanda Castaño, que é unha poeta española en lingua galega. Ela contaba con 5 poetas en distintos idiomas e máis unha poeta tradutora dos poemas ao galego.

Os primeiros poemas foron dunha muller eslovena seguida dun home aragonés (sorprendeume moito a lingua aragonesa pois eu pensaba que ía entender algo e non entendín nada. A terceira persoa en recitar foi unha muller india que compuxo dous poemas que chegaron ao corazón do público pois falaban da guerra de Palestina e despois do matrimonio infantil
O seguinte foi un home irlandés que non me gustou e por último unha muller ucraína que falou dos problemas da guerra e fixo un dedicado á súa amiga que morreu nesta. 

Ao final a tradutora de todos estes poemas tamén recitou un escrito por ela, eu quedei sorprendida coa forma que tiña de falar, facía que tivesemos unha escoita activa cada vez que falaba."

Ana Paz González.


Rematou o recital cunha marabillosa foto de grupo: 


Temos que agradecer ao Concello de Pontevedra que nos convidase, xa por segundo ano consecutivo, a participar neste conmovedor festival e á poeta  Yolanda Castaño por achegar a poesía á nosa rapazada.

Outras impresións da rapazada: 

" Todos os poemas foron moi bonitos e únicos; foi unha experiencia nova que vivín ( escoitar poemas en idiomas que nunca oín) que agradezo"

Sara Bouza.

" O home de Aragón foi o único que escribira sonetos, trataba temas coma a paisaxe e cousas nas que non todos nos fixamos. O home de Irlanda tratou temas coma a emigración, no seu caso a Australia, e o difícil que é comenzar unha vida nun sitio novo"

Alexia French.

"Contamos cunha poeta da India e outra ucraniana, estas dúas foron as que máis sentimento espertaron en min debido aos temas tan dolorosos que trataron nos seus poemas, a primeira falou do triste conflito de Gaza e Israel e do matrimonio infantil na India; a segunda falou dunha mellor amiga súa, defunta a causa do conflito armado do seu país"

Laura Conde.



martes, 7 de outubro de 2025

Presentamos os clubs de lectura 25/26

 E xa tivemos a primeira sesión do club de 2º de ESO (aínda que os de 2º A parece que se despistaron...) coa presentación da primeira lectura do curso: Game over de Santiago Lopo.

Aquí os temos: 


Club de lectura de 1º de ESO B/D: 



E o club de lectura de 1º de bacharelato B: 





Club de lectura de 1º Bach D.

Club de lectura de 1º Bach. C







Club de lectura de 1º de Bach. C/B








Club de lectura de Literatura do século XX



sábado, 21 de xuño de 2025

Marcapáxinas de flores prensadas no club de 2º de ESO

 Para despedirse do club de lectura deste ano, as rapazas do club de galego de segundo da ESO fixeron marcapáxinas con flores prensadas e este foi o resultado. Ata o próximo ano, mozas!

Fermosos, non si?





mércores, 21 de maio de 2025

Lecturas en el club de familias.

 Despois da rica sesión de hoxe na que comentamos as seguintes lecturas que tiñamos pendentes desde abril:

Comedia bífida de Manuel Núñez Singala

Las niñas no deberían jugar al fútbol De Marta Buchaca

Bicos e non balas de Antonio García Teijeiro

Remexido de patacas de Eli Ríos

Seleccionamos a que vai ser a nosa última lectura deste curso, unha obra de relatos de varias autoras como Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueirido, Elvira Ribeiro Tojo e Rexina Vega. Cada relato vai acompañado da súa correspondente ilustración, todas de ilustradoras: Luz Beloso, Celeste Garrido, Sofía Venzel ou Alba Troiteiro entre outras. O título da antoloxía é:

Ti non sabes o que é ser escritora

editada en 2023 pola Diputación de Pontevedra.




 



xoves, 1 de maio de 2025

Abril remata cos versos de Tamara Andrés. Club de lectura de familias.

 


A choiva e a ponte, aínda que se notaron, non puido co noso club de lectura de familias que se reuniu onte, rematando o mes de abril na mellor das compañías, a da poeta Tamara Andrés coa súa obra Irmá paxaro.

Comezamos a sesión a media luz escoitando varios poemas do poemario recitados pola propia autora que conquistou coa súa voz ás nosas lectoras; tras a escoita dos versos naceu xa a primeira cuestión: a súa poesía é preferiblemente para ser lida en voz alta, para ser escoitada coa fin de desfrutala e que nos penetre polos oídos e pola pel.

Falamos de versos e de familias, de violencia, da infancia, de poesía e adolescentes, de transmitir e conquistar lectores de poesía, das dificultades de comprensión, de saborear versos... así durante un encontro moi participativo por parte das nosas lectoras que lle fixeron interesantes preguntas á poeta polo que puidemos comprender e valorar mellor o poemario que viñamos de ler.

Para rematar a sesión, Tamara Andrés recitounos o poema Abril que pertence á súa última obra Por concretarme (finalista dos premios Follas Novas), espertando en nós o desexo de lelo e poder compartilo nun futuro coa autora. 

Grazas mil Tamara Andrés por abrir os nosos sentidos á poesía.



mércores, 9 de abril de 2025

PIC-NIC LECTOR

 Aproveitando o bo tempo, a profe Nuria coordinadora dos clubs de 2º de ESO organizoulles un pic-nic  moi apetecible ás súas mozas lectoras, mirade que ben locen:



martes, 8 de abril de 2025

E Xirarei, Xirarei e Xirarei...de Pablo Carreiro

 


Esta mañá a rapazada de 1º de ESO pedíronme un comic para ler nas vacacións e cal foi a súa sorpresa que xa lles tiña preparado unha viaxe por Galicia grazas a Cuarto de Inverno coa lectura de XIRAREI de PABLO CARREIRO.

Comezamos abrindo boca á lectura xogando a identificar a todos os personaxes que aparecen na portada e nas gardas do libro e só puideron identificar a Castelao, a Rosalía, ao peliqueiro e á serea, do resto non coñecían  a ningún deles polo que xa tiñan ganas de ler para coñecer as súas historias.

Logo de saborear título e portada fixemos unhas xogantinas fotos para presentar o libro que podedes ver aquí: 



venres, 4 de abril de 2025

Asistimos ao fallo e entrega do Premio Lazarillo de creación literaria e álbum ilustrado


 A Organización Española Para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) anunciou o mércores pasado, 2 de abril, os gañadores dos Premios Lazarillo 2024, no marco do Salón Internacional do  Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro Infantil.

O Premio Lazarillo 2024 na modalidade de Creación Literaria foi outorgado a Cristina Alfonso Ibáñez pola obra titulada Quiero un dragón. O xurado valorou a orixinalidade da obra, que aborda cun toque humorístico e creativo a adopción responsable de animais. A novela destaca pola súa narrativa entretida e imaxinativa, que consegue atraer ao público máis novo.

Na modalidade de Álbum Ilustrado, os galardoados foron Nerea Pérez Gordo, ilustradora, e José Luis Mestre Sarrión (Pepe Mestre), escritor, pola súa obra conxunta Tres eran tres. A través da rima e do minimalismo, o álbum captura a esencia da diversión e a aventura en diálogos vibrantes e asombrosos.

O noso alumnado dos clubs de lectura de 1º de bach. desfrutou no Salón do Libro desta importante ceremonia de entrega de premios que por vez primeira saía de Madrid para vir a Pontevedra.

Neste acto puidemos ver a importantes persoeiras da LIX galega coma Fina Casalderrey, Tamara Andrés ou Elena Gallego Abad, o novelista Lois Pérez e a fotógrafa Alba Díaz.








xoves, 3 de abril de 2025

Encontro lector con Lois Pérez arredor de "Cartas na escuridade"

 


O pasado mércores 2 de abril, o alumnado mantivo no Salón do Libro un encontro co escritor Lois Pérez, para falar arredor da súa novela Cartas na escuridade, gañadora do premio Mª Victoria Moreno de narrativa que previamente leramos e analizaramos nos nosos clubs de lectura de 1º bach.


Unha conversa amena e chea de contido, reflexións e  historias acompañounos neste encontro lector a partir da novela lida . Falamos con Lois Pérez de literatura, do mundo e da vida cun importante fondo musical e recomendacións de obras e cancións.







mércores, 2 de abril de 2025

PÚRPURA TERO, encontro literario con DAVID CORTIZO máis alá da galaxia.



 Realmente a maxia dos libros e do Salón do libro transpórtanos máis alá das estrelas e máis lonxe aínda cando o escritor e editor David Cortizo lévanos de viaxe por Púrpura Tero.

O alumnado dos clubs de lectura de 1º ESO B e E, reuníronse este martes 1 de abril co creador dos mundos fantáticos do planeta Púrpura Tero.

O encontro lector foi moi ameno e o autor respondeu as múltiples preguntas da rapazada sobre a novela, as motivacións e técnicas da escrita, escenarios, personaxes e tamén as influencias textuais e cinematogràficas que tivo.


Grazas ao Salón do Libro de Pontevedra, puidemos realizar este enriquecedor faladoiro e vaia o noso agradecemento ao Salón do Libro por proporcionarnos as fotos que ilustran esta recensión.



Ademais tivemos a sorte de ser o primeiro club de lectura co que se reunía o autor polo que todos desfrutamos desta sesión e puidemos celebrarmos xuntos o Día do LIbro.