Pouco a pouco, as augas comezan a relaxarse despois do inicio de curso. Así, as persoas integrantes dos diferentes grupos de Nube de Palabras foron recollendo cadanseus libros e gozando dos primeiros capítulos e relatos. En concreto, estas últimas semanas tiveron lugar as reunións de dous grupos de terceiro da ESO e dun grupo de segundo da ESO.
No que se refire a un dos grupos de 3º, comezamos a nosa andaina literaria mergullándonos na alta fantasía máis pura da man de Ursula K. Le Guin. Desta maneira, o alumnado xa comezou a lectura de Un feiticeiro de Terramar, a primeira entrega dunha das sagas máis coñecidas do eido fantástico. Malia que ao comezo a historia tarda un pouco en engalar por mor da profundidade con que a autora quere dotar ao protagonista, o certo é que a obra ten bastante potencial.
Alén disto, co outro grupo de 3º botamos a andar cara Oza grazas á obra O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, que nos leva (tamén partindo do fantástico) aos anos 30 do século pasado e que nos achega á vida dun rapaz de escasos recursos que vai pasar un verán inesquecible nas colonias do Sanatorio Marítimo de Oza.
Finalmente, pasamos da fantasía ao terror co noso alumnado de 2º da ESO, que comezou a lectura de Non cantan paxaros neste bosque, de Carlos Negro. O libro, que contén relatos que oscilan entre o medo máis clásico e propostas máis achegadas a outros subxéneros como o terror cósmico, eríxese como un imprescindible para esta época escura do ano que vai entre o Samaín e o Nadal.