O venres 3 de outubro repetimos experiencia e participamos do recital do obradoiro de recital poético "Con barqueiro e remador" , este é o relato que del fan Cecilia e Ana:
"O recital multilingüe ao que asistimos foi unha experiencia enriquecedora. Participaron poetas que recitaron nas súas linguas de orixe: aragonés ( Antonio Andreu Sanz), caranés (Reshma Ranesh), esloveno (Verónika Dintinjana), ucraíno (Halyna Krut) e irlandés (Louis da Paor). Cada un deles demostrou unha maneira distinta de sentir e expresar a poesía. Oriana Méndez traduciu cada poema ao galego e, ao final compartiu tamén un poema propio.
Entre todas as intervencións destacou para min a de Reshma, unha escritora da India, os seus poemas trataron temas actuais e duros dunha forma moi clara, como a guerra de Gaza e o matrimonio infantil.
Este recital fixo que comprendese mellor o impacto das palabras na poesía para unir culturas e persoas"
Cecilia Domínguez Torres.
"O pasado venres fomos a un recital de poesía no Teatro Principal que estaba dirixido por Yolanda Castaño, que é unha poeta española en lingua galega. Ela contaba con 5 poetas en distintos idiomas e máis unha poeta tradutora dos poemas ao galego.
Os primeiros poemas foron dunha muller eslovena seguida dun home aragonés (sorprendeume moito a lingua aragonesa pois eu pensaba que ía entender algo e non entendín nada. A terceira persoa en recitar foi unha muller india que compuxo dous poemas que chegaron ao corazón do público pois falaban da guerra de Palestina e despois do matrimonio infantil.
O seguinte foi un home irlandés que non me gustou e por último unha muller ucraína que falou dos problemas da guerra e fixo un dedicado á súa amiga que morreu nesta.
Ao final a tradutora de todos estes poemas tamén recitou un escrito por ela, eu quedei sorprendida coa forma que tiña de falar, facía que tivesemos unha escoita activa cada vez que falaba."
Ana Paz González.
Rematou o recital cunha marabillosa foto de grupo:
.jpeg)
Temos que agradecer ao Concello de Pontevedra que nos convidase, xa por segundo ano consecutivo, a participar neste conmovedor festival e á poeta Yolanda Castaño por achegar a poesía á nosa rapazada.
Outras impresións da rapazada:
" Todos os poemas foron moi bonitos e únicos; foi unha experiencia nova que vivín ( escoitar poemas en idiomas que nunca oín) que agradezo"
Sara Bouza.
" O home de Aragón foi o único que escribira sonetos, trataba temas coma a paisaxe e cousas nas que non todos nos fixamos. O home de Irlanda tratou temas coma a emigración, no seu caso a Australia, e o difícil que é comenzar unha vida nun sitio novo"
Alexia French.
"Contamos cunha poeta da India e outra ucraniana, estas dúas foron as que máis sentimento espertaron en min debido aos temas tan dolorosos que trataron nos seus poemas, a primeira falou do triste conflito de Gaza e Israel e do matrimonio infantil na India; a segunda falou dunha mellor amiga súa, defunta a causa do conflito armado do seu país"
Laura Conde.