luns, 11 de marzo de 2024
Festa dos Clubs de Lectura. Salón do Libro de Pontevedra.
Esta mañá unha pequena representación dos nosos clubs de lectura (1º e 2º de ESO) asistimos á Festa dos Clubs de lectura organizado polo Salón do Libro de Pontevedra:
Á festa acudimos os clubs dos centros de ensino medio de Pontevedra e tamén os de Cuntis e de Poio. Fomos recibidos polo persoal do Salón que nos deu a benvida e logo o escritor e músico Lois Pérez foi o confdutor da Festa coa súa poesía e a súa música:
A POESÍA É COMA A NEVE
A NEVE É ALGO PARECIDO Á POESÍA
A NEVE MÁRCHASE
A POESÍA DESAPARECE NA POESÍA
O TEMPO DESAPARECE NO TEMPO
foron algúns dos versos-proclamas cos que nos agasallou Lois Pérez; cantamos con el e desfrutamos dos seus músico-poemas:
A POESÍA ESTÁ NA PERIFERIA, NAS MARXES, E SEN EMBARGO... PRECISÁMOLA.
Logo da actuación do poeta realizamos a presentación dos nosos clubs e das obras que lemos este curso e a seguir houbo un sorteo de libros tras responder a preguntas relacionadas coas nosas lecturas. Ningún centro se foi coas mans baleiras.
Agradecemos ao Salón que nos convidase a participar nesta gran festa.
mércores, 6 de marzo de 2024
"Furia" e María Reimóndez nos clubs de 1º Bach. e do CGTD.
Adolescencia, igualdade no deporte ou o uso da lingua galega entre os máis novos foron algúns do temas sobre os que falamos para que finalmente os membros e membras do club compartiran coa autora as súas valoracións sobre a novela:
Primeiramente, un alumno presentoulle a autora aos seus compañeiros (obras publicadas e premios acadados), logo o alumnado do CGTD foi o responsable de realizar as preguntas de contacto (gustos literarios da autora, por que escribe, publicou toda a obra que escribiu...).
En segundo lugar, centrouse o faladoiro na obra FURIA, publicada recentemente. A partir de fragmentos diversos da novela, previamente comentados polo alumnado, establecéronse tres bloques de contido:
- A adolescencia: as vivencias e a toma de decisións (texto páxina 73)
- As afeccións dos adolescentes, as actividades que os fan sentir ben e que son menos convencionais (texto páxinas 29-30).
- O deporte, o boxeo: fórmula de autocoñecemento e de resistencia fronte as experiencias de vida dramáticas e fronte as normas de xénero impostas pola sociedade; a desigualdade neste tipo de deportes (texto páx. 101).
- A lingua galega, o seu uso nas urbes galegas polos mozos e mozas; os prexuízos co uso da lingua e a liberdade de escolla lingüística (texto páx. 31).
A rapazada leu os seus comentarios en relación ao tema e o libro, e a autora puntualiza e desenvolve.
Na terceira parte, o alumnado le as valoracións persoais que cada un deles realizou sobre a novela e coméntanas conxuntamente.